Paco Martín: "Os paraugas din moito da xente, sobre todo se non chove"

O escritor lucense dedica un volume de contos aos aparellos que nos gorecen da auga. Os relatos tratan asuntos como o rugby, a tertulia ou un romano de hai 2.060 anos
Paco Martín, este martes na libraría Trama
photo_camera Paco Martín, este martes na libraría Trama

O escritor Paco Martín está convencido de que os paraugas son marcadores psicolóxicos "que din moito da xente que os leva, especialmente cando non chove". A el deulle para escribir os relatos que forman o volume ‘De paraugas’ (Xerais) e nos que "case non chove". Presentounos onte na librería Trama de Lugo.

A inspiración veulle en Madrid. "Estaba paseando pola rúa nunha noite agradable, non chovía, e vin un señor bastante extravagante cun paraugas branco". Fascinado, imaxinou a súa historia e o seu carácter, e pediu ao fotógrafo Daniel Puente Bello unha serie de fotografías co tema dos paraugas.

Esas imaxes suxerínronlle os oito contos deste volume. Eses enxeños son o tema que enfía o libro, no que Paco Martín retrata un romano con 2.060 anos, unhas festas de San Froilán, un tertuliano relacionado coa monarquía ou un partido de rugby. En todos eses contos o paraugas é un símbolo, un recordo ou un elemento máxico. Nos relatos ten unha función e tamén trasluce un sentimento de cariño cara a eles. "É que me caen simpáticos", afirma o escritor, como se falase de seres vivos.

A visión dun home cun paraugas branco animouno a pedir fotografías con ese aparello ao artista Daniel Puente Bello

A nosa capacidade infinita para perder paraugas parece darlles ese sopro vital de "afastarse de nós", que mesmo fai que nos parezan misericordiosos, que nos perdoen que soamente lles fagamos caso "cando chove".

"Cando era cativo, tería sete ou oito anos -lembra Paco Martín-, acompañei á miña nai a lavar no río. Estaba baixo o paraugas que había na casa, que era do meu pai, e unha refolada de vento levoumo. Marchou flotando río abaixo. Sabía que me caería unha boa bronca cando o soubese o meu pai. Pero non me reñeu. Dixo que non pasaba nada, que viña de tocarlle a lotería e que compraríamos outro". Paco Martín recoñece que desbotou escribir ese acontecer para ‘De paraugas’ porque "ninguén había de crer na casualidade".

Recoñece que ese medo a ser reprendido polo pai por perderlle o paraugas non pasou de ser unha anécdota sin consecuencias. De feito, continuou sen prestar atención aos paraugas, "aínda que hai uns anos que perdo menos que antes". Pero, se se lle pregunta polo seu paraugas, lembra un "gris a raias moi bonito". Non se molestou en compralo, regaláronllo.

Comentarios