''¡Sólo faltaba que los consejos escolares no pudiesen apostar por una enseñanza en gallego!''

"Só faltaría que os consellos escolares non puidesen pronunciarse agora a favor dun ensino en galego!". Con estas palabras respostou o voceiro de CIG-Ensino, Anxo Louzao, ao comunicado que o colectivo Galicia Bilingüe enviou aos medios de comunicación, no que cuestiona a legalidade da campaña iniciada polos sindicatos CC.OO., STEG, UGT e a propia CIG nos centros, buscando un rexeitamento unánime ao decreto co que a Xunta pretende regular a presencia do idioma galego na educación.

Así as cousas, e ante a petición das citadas centrais de que os consellos escolares se unan ao 'non' pronunciado polo Consello Escolar de Galicia respecto da norma, os de Gloria Lago presentaron un escrito ante a Consellería de Educación no que denuncian a "ilegalidade" desta iniciativa xa que, segundo a propia Lago, "implicaría que os consellos debatesen sobre un asunto no que non teñen competencias". Sen embargo, na mesma nota informou de que seguirá coa súa campaña para que os pais poidan escoller a lingua na que estudan os seus fillos.

Tamén Comisións Obreiras quixo responderlle a Galicia Bilingüe, convidando ao colectivo a non desacreditar "procedementos democráticos de acción sindical". Tanto este sindicato coma a CIG lémbranlle que o consello escolar dun centro é o órgano a través do cal participan na súa xestión os distintos membros da comunidade educativa. Dado que o decreto afecta a esta última, "é obvio que se implique na súa totalidade, non só os claustros".

Lago fala de ''vulneración da neutralidade ideolóxica''
Mais Gloria Lago non o ve así. Na nota de prensa entende qe "a verdadeira fin que perseguen esas organización é poder exhibir ante a cidadanía o apoio duns órganos que teñen a categoría de Administración pública, nun acto de pura propaganda política e cunha clara vulneración do deber de obxectividade e neutralidade".

No documento que enviou á Xunta, Lago demanda que se remita unha circular aos colexios na que se lles dea orde aos directores de non incluír na orde do día dos consellos escolares a discusión da proposta dos sindicatos. Así mesmo, avogou tamén por informar aos citados cargos "da gravidade de acceder á petición das centrais", deixando caer que esa "vulneración" da que fala Galicia Bilingüe derivaría na apertura de expedientes informativos "para depurar posibles responsabilidades disciplinarias".

Piden que se retire o borrador
"Estamos ante un despropósito máis de Galicia Bilingüe, que se empeña en facer piña coa propia Administración en contra do noso idioma", queixouse Anxo Louzao desde a CIG. Tras sinalar que o colectivo que lidera Gloria Lago "sabe de sobra" que a proposta aos consellos "está dentro do marco legal", e que "é obvio" que poden sacar conclusións sobre unha norma "que contén aspectos que vulneran a propia Lei de Normalización Lingüística", o sindicalista deixou claro que esta central "non vai perder nin un segundo" en desmentir as acusacións do colectivo de Lago.

Pola súa banda, a federación do Ensino de CC.OO. reiterou que o rexeitamento ao novo decreto cociñado pola Xunta de Núñez Feijóo "non se basea en cores políticas", lembrando como proba diso o "amplo abano" de organizacións e movementos que o rexeitan, entre eles o Consello da Cultura e a propia Real Academia Galega. Ao fío, a central aproveitou para esixir unha vez máis a retirada do borrador e a volta ao consenso do Plan de Normalización do 2004.

Comentarios