viernes. 20.09.2019 |
El tiempo
viernes. 20.09.2019
El tiempo

"TIVEMOS QUE PEDIR UN CRÉDITO PARA QUE ABE FOSE A BERKLEE"

Os Rábade-Villar: Catro artistas sentados á mesa

Os Rábade-Villar
Os Rábade-Villar
Xesús Rábade e Helena Villar están casados, e teñen dous fillos María do Cebreiro e Abe. Os catro desenvolven algunha actividade creativa e pública. Xesús, Helena e María do Cebreiro son escritores; Abe é músico de jazz

Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) percibiu o poder da arte dende moi novo. Sendo un rapaz a mediados dos anos 60, o medio cento de veciños de Seixas descubriron que tiña tres cualidades notables na altura (oído, voz e memoria musical) e empezaron a contratalo para as foliadas. Xesús memorizaba os temas de Antonio Machín e os boleiros que soaban fugazmente na radio nos bailes de inverno para reproducilos a capela para que a xente bailase nas festas. A cambio, había bebidas gratis e a reputación de heroe local. "Fun moi precoz coas rapazas", deixa caer o escritor con picardía.

Esa aura non tivo efecto en Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), que estivera a un paso de ser cantante profesional de música culta e proviña dunha familia abundante en músicos semiprofesionais e requeridos na contorna de Becerreá.

Helena Villar Janeiro: "Xesús e máis eu deixamos de escribir xuntos cando un editor fixo pasar o meu home ao despacho e deixoume fóra"

Os seus fillos viviron a creatividade incesante da súa casa como un ambiente natural. Foi a comparación cos seus compañeiros de escola o que lles fixo ver que a normalidade era outra. Tanto a poetisa María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago, 1976) como o pianista de jazz Abe Rábade Villar (Santiago, 1977) medraron entre partituras e primeiras edicións de libros.

María do Cebreiro padeceu ese contraste porque é "pudorosa", unha característica que convive nela cunha concepción da escrita sincera. "Cando escribo vou en carne viva", apunta; unha fereza que trata de compatibilizar cun afán de cercar o seu espazo familiar, porque "hai que protexer ese espazo".

"Non tiven que ir buscar a vida literaria", confesa, máis ben quixo "fuxir, pero foi imposible". Ao cabo, logrou asumir que carecía de alternativa. "Levoume tempo reencontrarme coa miña orixe", pero fíxoo con "amor e gratitude" por todo "o cariño e a xenerosidade" que recibira por parte dos seus pais.

María do Cebreiro: "Non quería que se pensase que me apoderaba do capital dos meus pais. Non usar o apelido debeuse a iso"

A tamén doutora en Teoría da Literatura e profesora na USC subliña que "a independencia foi importante". "Cando era nova irritábame, agora non pasa nada", recoñece. Non quería "que se pensase que me apoderaba do capital dos meus pais. Non usar o apelido debeuse a iso".

EN COMÚN. Helena Villar tamén se atopou baixo a sombra do seu home. Escribiron varias obras en común —un poemario por correspondencia, unha novela, varios libros infantís...—, "pero a sociedade pensaba que Suso me deixaba escribir con el", lamenta. O parabéns polo libro Dona e don soamente foron para Xesús Rábade, pero o cumio da discriminación chegou cando ían publicar un libro conxunto. "O editor fixo pasar o meu home ao seu despacho e deixoume no corredor", lembra a coautora.

A súa filla, María, veuse libre dese trato. Non foi apartada, apartouse ela. "Non hai rivalidade entre irmáns. Rendinme ao seu talento con amor. Abe reina nese ámbito de modo evidente, eu tería que pelexar máis", recoñece a profesora de Literatura, que chegou a gravar un disco con unha guitarra en Escocia.

Xesús Rábade Paredes: "Eu cantaba nas foliadas a música que aprendía na radio, a cambio de copas. Fun moi precoz coas rapazas"

Na súa casa era o máis normal. Abe comenta que a música é unha "afección importante" na súa casa, aínda que soamente el se dedique "profesionalmente" a ela. "Os meus pais e María teñen bo oído", apunta este instrumentista e compositor de jazz que desvela que nunca deixou de escribir literatura e anuncia un próximo libro de poesía.

Helena tamén conviviu coas melodías dende nena. "Eu quixen ser soprano, os Villar eran gaiteiros; o meu pai, acordeonista", comenta, para engadir que "cantaba zarzuela, tango, cuplé de principios dos anos 20 e incluso música sacra culta". O seu soño quedou sen cumprir porque "vivía en Becerreá e non tiña cartos". Se ben tivo unha oferta. O cardenal de Tarragona Benjamín Arriba y Castro, que era de Becerreá, volveu visitar a vila en 1966. "Preparouse unha misa privada na que eu cantei a Perosi. Un amigo do cardenal brindouse a pagarme a carreira en Madrid. Eu tiña 26 anos e decidín que xa non a empezaba", sinala.

Abe Rábade Villar: "A música é unha afección importante na miña casa, aínda que soamente eu me dedique profesionalmente"


Con toda esa carga artística, cando os catro Rábade-Villar se xuntan non falan de literatura nin de música "salvo raras excepcións", constata Helena. A filla de Rábade revelouse como o tema principal de conversa e anulou os outros. Xesús confirma que "os catro falamos de todo e cantamos en ocasións especiais", aínda que lamenta que cada vez é "máis difícil" xuntarse polas obrigas de cada quen, se ben a neta é un motivo determinante.

Abe valora a humanidade da súa familia. "Somos catro creadores e os catro sabemos deixar de lado a parte máis abstracta para relacionarnos", destaca.

Os Rábade-Villar: Catro artistas sentados á mesa
Comentarios