Miércoles. 22.11.2017 |
El tiempo
Miércoles. 22.11.2017
El tiempo

Os Premios da Crítica recoñecen o labor de María do Cebreiro e Uxía

Os galardoados, con familiares e autoridades na foto de familia
Os galardoados, con familiares e autoridades na foto de familia
A lista de galardoados inclúe o Observatorio pola Igualdade da Mariña, o cineasta Alberte Pagán, o fotógrafo Gabriel Tizón, a investigadora Blanca Roig e a compañía Teatro do Atlántico

Os Premios da Crítica Galicia 2016 premiaron o labor de María do Cebreiro na modalidade de creación literaria grazas á súa obra ‘O deserto’; de Blanca Roig na categoría de Investigación debido á súa obra ‘Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega’; e da cantante Uxía na modalidade de música. Pero ademais, tamén foron galardoados o Observatorio pola Igualdade da Mariña na de iniciativas culturais e científicas; o fotógrafo Gabriel Tizón na de artes plásticas; o Teatro do Atlántico na de artes escénicas; Alberte Pagán na de cinema e artes audiovisuais; e Artesáns da Pesca na de cultura gastronómica.

En concreto, a trixésima novena edición dos premios da Crítica de Galicia tivo lugar no hotel Os Escudos de Vigo baixo o lema ‘'En Irmandade’, recordando o centenario das Irmandades da Fala', segundo indicaron os organizadores a través dun comunicado.

Foi o presidente da fundación Premios da Crítica de Galicia, Bieito Ledo, quen abriu o acto, conducido por Noelia Otero, saudando os asistentes e recordando a traxectoria destes premios que chegan á súa trixésimo novena edición. Sobre a obra ‘O deserto’, de María do Cebreiro, o xurado destacou a súa "alta calidade", que radica na súa "autenticidade".

Tamén recoñeceron o traballo de Artesáns da Pesca debido ao seu compromiso por unha pesca sostible e defensa das artes tradicionais



Así mesmo, sobre a obra ‘Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega’, de Blanca Roig, o xurado subliñou que ten "moito interese para a comunidade educativa".

O xurado destacou o labor do Observatorio da Mariña pola Igualdade por "afondar no traballo necesario pola igualdade de xénero dando visibilidade ao esforzo das mulleres dende o campo literario ao científico".

Sobre a cantante Uxía, o xurado destacou a súa longa traxectoria e a súa "condición de ponte entre as distintas culturas da lusofonía". Así mesmo, destacou "a calidade estética dentro dun compromiso social" do traballo de Gabriel Tizón.

O xurado tamén tivo palabras de eloxio para o Teatro do Atlántico pola "creación dun repertorio propio con diferentes autores e a coherencia no mantemento dunha poética propia". De igual modo, destacaron a condición de "cineasta total" de Alberte Pagán. 

Por último, recoñeceron o traballo de Artesáns da Pesca debido ao seu compromiso por unha pesca sostible e defensa das artes tradicionais.

CONSELLEIRO. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, afirmou que a cultura é "un eixe vertebrador", así como "elemento xerador de pontes para o entendemento e para o respecto á diversidade". Así mesmo, o conselleiro felicitou os creadores destes galardóns e os xurados participantes por "manter vivo un proxecto que alimenta de ilusión aos creadores galegos e a todos os que traballan a favor da cultura".

Rodríguez tamén recordou que hai dezaseis anos, na edición do ano 2000, el mesmo recibiu este recoñecemento na modalidade de investigación.

A este acto, ademais, acudiron unhas 350 persoas representativas da política, a sociedade e a cultura de Galicia, entre as que se atopaban o alcalde de Vigo, Abel Caballero e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, entre outros.

Os Premios da Crítica recoñecen o labor de María do Cebreiro e Uxía