Listaxe de premiados

Os Martín Códax recoñecen a Foxy Freire, Caxade e Guadi Galego

Os terceiros premios da música de Galicia entréganse en Pontevedra nun acto que reivindica "a dignificación do oficio da música"

O grupo liderado polo guitarrista de Portonovo Virxilio da Silva, Foxy Freire, fíxose este xoves cun Premio Martín Códax da Música Galega en Pontevedra. Foi o correspondente ao de mellor grupo de rock. O colectivo Músicos Ao Vivo celebrou, de novo no Pazo da Cultura, a terceira edición destes galardóns, patrocinados polas adegas Martín Códax e apoiados pola Consellería de Cultura e o Concello de Pontevedra. Aquí entregou 20 galardóns, entre eles, o de honra ao artesán especializado en instrumentos de música tradicional Antón Corral, de Tui.

Silvia Penide (pop), Vertixe Sonora Ensemble (clásica), Caxade (folque), Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre (tradicional), Crebinsky (músicas do mundo), Guadi Galego (canción de autor), Brinca Vai! (infantil) e De Vacas (coros e grupos vocais) foron algúns dos premiados nunha noite marcada polo carácter reivindicativo do discurso de Ramón Bermejo, de Músicos ao Vivo. "Esta asociación é necesaria para dar pulo á dignificación do oficio da música e servir como lugar de encontro entre os profesionais que defendemos o papel dun sector que noutros países é considerado estratéxico", dixo Bermejo, en palabras dun discurso facilitado polos responsables de comunicación de Músicos ao Vivo.

O voceiro do colectivo denunciou que "vivimos un desmantelamento progresivo das artes e as humanidades no noso sistema educativo da man da Lomce, precisamente cando máis estudos demostran as vantaxes da música na educación" e recordou que "moitos músicos dedican parte do seu tempo ao ensino da música e grazas ao seu esforzo, escasamente apoiado dende as institucións, están indo cara adiante agrupacións musicais cada vez de máis calidade".

Bermejo apelou tamén á necesidade de contar cos medios de comunicación como cómplices na difusion da música galega e destacou "a presenza cada vez maior das mulleres, non só como cantantes, onde sempre arrasaron, senón tamén como instrumentistas ou compositoras".

Comentarios