Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

Os mandaríns e os apóstolos fóra do país

Dennis Hopper, fotografado no set de 'Apocalypse Now' por Mary Ellen Mark (1976)
Dennis Hopper, fotografado no set de 'Apocalypse Now' por Mary Ellen Mark (1976)
Galicia superou a súa maior crise cultural. Pese a que os mandaríns estaban en Bos Aires e os apóstolos en Michigan, as bibliotecas e os Burger King seguiron funcionando

Os devotos da cultura galega pasamos quince días de desasosego. Os cinco mandaríns que enfían e desafían todo congreso, debate ou publicación desapegaran da Lavacolla para saciar con garrafas a sede de coñecemento sobre Galicia que percorría inconsolable a Feira do Libro de Bos Aires. Ao tempo, a nosa ducia de apóstolos collera rumbo ao norte para participar en Michigan no segundo Simposio de Estudos Galegos. Dous éxitos inenarrables.

Mentres na Arxentina e nos Estados Unidos non coñezan a situación de penuria na que sobrevive a nosa cultura —esgotamento de falantes, escoitantes, lectores e espectadores— poderemos seguir financiando vacacións a gastos pagos a ese figuróns que veñen xestionando fondos públicos dende o protofraguismo sen necesidade de someterse a unhas eleccións. Sen necesidade, sequera, de someterse ao criterio dun presidente da Xunta, dun conselleiro de Cultura ou dun secretario xeral á hora de dar gasto aos nosos impostos. Eles son, os cargos políticos están.

Acontece con eles como co tema de Serge Gainsbourg co que unha crianza chamada France Gall gañou Eurovisión en 1965: "algún día vivirei as miñas cancións". Pois iso, algún día entenderemos para que serve ao noso país tanta embaixada cultural a Cuba e Bos Aires.

Nesta quincena pasada puidemos comprobar a súa trascendencia na sociedade da nosa 'intelligenzia', puidemos superar o noso temor a sentirnos desasistidos, a caer na agrafía de non saber quen é Arcadio López Casanova ou a vernos expostos a peito descuberto ao atractivo decadentemente pop de Eurovisión. Galicia sobrepúxose unha vez máis. A cultura galega xa demostrara solidez como para soportar a Pérez Varela como conselleiro e a García Sabell como presidente da Real Academia e, agora, pasou a proba deste abandono temporal. Iso dá unha esperanza apagada no futuro.

Ninguén notou a falta dos mandaríns e do apóstolos que cumpren o lema da RAG —"recolle, depura e innova"— para darnos charlas sobre o homenaxeado correspondente nas Letras. Antes de marchar, deixaron programado un 'pas de deux' con Castelao e Manuel María, con Manuel María e Castelao; tanto monta, monta tanto. E, conste, ambos os dous carecen de culpa.

O mércores estiven falando con Saleta Goy, a viúva do poeta chairego. 83 anos. Compartíu case que catro décadas con "Manuel María", que é como o denomina. A viúva deixa a cercanía de chamalo "O Manoel" para esa corte dos milagres que lle ofrenda ouro, incenso e mirra cada amencer deste ano. Do diálogo con Saleta Goy tirei unha sensación de fondo amor polo seu home, de inxente respecto pola súa poesía e de distancia sarcástica cara os adoradores do templo de Outeiro de Rei. O martes non faltarán na Casa Museo para entoar belos discursos e cantar o himno con emoción e soflama.

O martes celébrase o Día das Letras, que vén sendo a festa de Anovello na cultura do país. En xuño, a Academia volverá visitar metaforicamente os cemiterios e designará un novo homenaxeado para que biógrafos e conferenciantes reclamen mil primaveras máis para o cadáver exquisito da nosa cultura.

A maiores das Letras e das viaxes transoceánicas, Galicia mantén algunhas constantes vitais. Na tarde do xoves fallouse o premio Otero Pedrayo, que conceden a Xunta, as catro deputacións, as tres universidades, a Real Academia e o Instituto Padre Sarmiento. O xurado acertou recoñecendo "a extensa traxectoria como escritor e investigador" do lucense Arcadio López Casanova. Pero esa frase foi todo o que se trascendeu das súas densas e argumentadas deliberacións. Para manifestar esa obviedade sobre o gañador reuniuse o xurado e, para o resto, está a Wikipedia.

A pesar de discurso que me trouxo ata este punto, vou ter que rectificar e asumir que nos sobra cultura. Cando menos nos sobra Cela. O mércores cumpriuse o centenario do nacemento do autor da prosa española máis brunida dende Valle Inclán. A conmemoración atravesou Galicia invisible e silenciosa, coma o anxo que cruzaba o altar nas misas da miña infancia. Pero Cela, asumo, non se adornou de virtudes para ser lembrado: foi censor, dereitista, escribiu en castelán e casou con Marina Castaño. O exercicio da censura e a muller escollida para as segundas nupcias revelan unha penuria estética que non desculparei. Sen embargo, non abondan para xustificar o menosprezo.

Sento estas mañás a ler artigos de Manuel Vázquez Montalbán (Obra periodística. 1987-2003. Las batallas perdidas, Debate). Mesmo o catalán —fillo dun galego de Láncara— alterna, nun paso a dous, a decepción pola agonía do marxismo aplicado tras a derrota de Berlín e a loubanza cara á prosa arcaizante, quevedesca e provocadora de Cela. Sobre o autor de Padrón di que "Cela es un caso difícilmente repetible de escritor sacado a hombros por los lectores pese a un deseo mandarinesco expreso de enterrarlo en vida". Eu, cándido volteriano, pensei que Galicia celebraría coa dignidade e a atención precisas o centenario. Aínda que fose por esa paixón por reunirnos nos cabodanos para falar sobre a morte allea, por esa devoción que trascende o aconsellable para a saúde.

Montalbán foi o meu refuxio. Sabía que as condicións de habitabilidade no mundo exterior eran complicadas porque Eurovisión dominaba o terreo dende a súa sede de Estocolmo á última mona de Xibraltar. O festival sufriu outro episodio da guerra de bandeiras que se viviu en La Mercé do ano pasado, con concelleiros tirando por un extremo e outro da enseña española coa mesma trascendencia e lóxica coa que tiramos a muller e máis eu polo edredón cada noite. Vai frío en Suecia e a nosa cama é de Ikea.

Os mandaríns e os apóstolos fóra do país
Comentarios