sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

"Os galegos temos que crer máis en nós mesmos, que somos moi potentes"

Daniel de la Torre
Daniel de la Torre
Dani de la Torre estreouse como director con ‘'El Desconocido’' e conseguiu encher as salas de cine. Agora suma oito nominacións aos Premios Goya, entre elas a de Mellor Director Nobel

Mellor Dirección Nobel, Mellor Actor, Mellor Actriz de Reparto, Mellor Guión Orixinal, Mellores Efectos Especiais, Mellor Sonido, Mellor Dirección de Produción e Mellor Montaxe. Son as categorías nas que ‘El Desconocido’ opta ao Premio Goya. As nominacións anunciáronse este luns e ao día seguinte Dani de la Torre estaba en Pontevedra para inaugurar as Master Class do Audiovisual Galego Augal.

Antes de nada, parabéns polas oito nominacións aos Premios Goya. Grazas. Estou moi feliz. Primeiro recibimos a noticia das seis nominacións aos premios Feroz, que son os que entrega a crítica, e agora as dos Goya. A verdade é que non podo estar máis contento, non só por min, tamén polo equipo de persoas que fixeron a película, por Galicia e polo noso audiovisual. Merecemos estar aí pelexando con todos os demais. 

A calquera director nobel lle encantaría estrearse así. Estreeime coa película que sempre quixen facer. Tiven a sorte de atoparme con Vaca Films no meu camiño, en concreto con Emma Lustres e Borja Pena, e con Luis Tosar. Eles foron os artífices desta película na súa orixe. Pero tamén o resto do equipo, Alberto Marini (coguionista), Atresmedia Cine, a Televisión de Galicia... Eles converteron esta película no meu soño. 

Tamén eles teñen recompensa porque entre os nominados está Luis Tosar, como Mellor Actor, ou Alberto Marini, candidato ao Goya xunto con vostede polo Mellor Guión Orixinal. E alégrome moito por eles, por confiar en min e loitar por sacar este film adiante. Quizais nos faltou a nominación a mellor película, porque sería un recoñecemento para os produtores, pero a verdade é que estou moi contento igualmente. 

Estreeime coa película que sempre quixen facer. Tiven a sorte de atoparme con Vaca Films e Luis Tosar; unha lotería

Que pensaría se lle dixesen todo o que ía vir cando esta película aínda estaba na súa cabeza? Creo que sería contraproducente, porque me relaxaría de máis. Ás veces adiantarse ás cousas non dá bos resultados, hai que seguir un camiño. Tampouco pensei nunca rodar un thriller de acción na Coruña con Luis Tosar, Javier Gutiérrez ou Elvira Mínguez. Foi un soño, o demais veu despois. Ser a película de apertura dos Venice Days do Festival de Venecia ou estar no pase do velódromo de San Sebastián ante 2000 persoas. Ademais, esta foi unha película moi complicada de rodar, non só pola compoñente técnica e a posta en escena, senón tamén polo aspecto emocional. Eu implícome moito co traballo dos actores, trato de meterme nas súas cabezas, e iso supón un desgaste brutal. Esta película para min foi un esforzo grande, perdín algún ano de vida pero recupereino por outro lado. 

Porque, ademais do recoñecemento da crítica, as salas de cine estiveron cheas mentres a película estivo na carteleira. Ese foi o maior regalo que recibín, que a xente fora ao cine, que foramos a sexta película máis ‘taquilleira’ do ano, que a xente se emocionase co film ou que o público aplaudise nas salas ao rematar a proxección. Unha das satisfaccións máis grandes da miña vida foi estar en directo vendo a película entre o público. Aí decátaste de que amas esta profesión.

Foi fácil que a produtora aceptase o proxecto? Non. Foron case dous anos de estar detrás intentando convencelos con propostas. Foi duro pero ao final saíu. Traballei moitísimo e ao final conseguino. Alégrome tanto de que esta película lles reporte agora tan boas cousas! Porque cando confían nun, lle dan todo o que precisa, poñen á súa disposición os medios... sempre está ben que esas persoas teñan unha recompensa. Esta película, a nivel de premios, prestixio, público e cifras, está funcionando moi ben. É moi bonito ver e vivir todo isto. 

Ten dito que a implicación de Luis Tosar no proxecto foi determinante para que seguise adiante. Custoulle convencelo? Luis é un dos mellores actores deste país, ten 40 guións ao ano para facer o que lle dea a gana. Cando leu a historia gustoulle e fíxomo saber. Ademais, tamén falou con Emma Lustres (de Vaca Films) para sacalo adiante. É un tío moi comprometido con Galicia e coas persoas que facemos cousas aquí. A nós énos moi complicado darnos a coñecer dende este recuncho e el está nun lugar privilexiado onde hai moi pouca xente, o que fai el ten unha proxección case mundial. É moi bonito que se involucre coa xente de aquí, eu considero que con el tocoume a lotería. Tiven a sorte de que lle gustou a idea, confiou en min e deixoume traballar con el abríndose a min durante a rodaxe. Penso que fixo o mellor papel de interpretación do ano. 

É dicir, que o Goya para el, non si? Por suposto! Pero eu daríalle un permanente, que fora xa para sempre. Mentres viva é o mellor. 

O toque de actualidade que lle achega a crítica a todas as falcatruadas que teñen feito os bancos dálle á película un sentido. Axudou este detalle a convertela nun éxito? Iso forma parte da nosa historia. O xermolo da película foi a indignación, as estafas, a crise e a sensación de impunidade. Foi iso o que nos levou a contar esta historia. Esperemos que noticias coma estas se repitan o menos posible no futuro. En canto á película, se ademais de entreter serve para denunciar unha situación inxusta, resulta moi útil. A película ten moitas capas, non é só suspense. Ten un fondo social. 

Ao final non quedan os coches nin os edificios, queda a cultura, por iso hai que defendela

Está traballando noutros proxectos. Tamén haberá crítica? Si, sempre me gusta meter algo diso, aínda que sexa unha película de época sempre se pode facer denuncia. 


Rodarase en Galicia? A min encantaríame, pero iso non significa pechar portas para rodar noutros lugares. Eu sempre tratarei de buscar localizacións en función de onde vaia mellor. Pero se podo facelo aquí e rodeándome con xente de aquí, fareino. Vai ser un thriller de época que farei con Vaca Films e Atresmedia Cine. E non podo dicir nada máis! 

Que consello lle traslada aos alumnos de Comunicación Audiovisual que tamén están interesados no cine? Só hai un segredo: traballar moi duro e non renderse nunca. Ademais, hai que ser persoa, respectar aos compañeiros, porque sempre van precisar traballar en equipo. E que non se esquezan de soñar sempre. Iso é o que nos diferencia doutras especies animais. Espero que lles vaia mellor cá min, que fagan moitas cousas. Os galegos temos que crer moito en nós mesmos e estar unidos, que somos moi potentes! 

E, tamén dende o punto de vista dun director de cine, que recomendación lle daría ás institucións e aos que as gobernan? A todos en xeral diríalles que a cultura non é negociable, que non se utilice, que sexa parte de nós, que presumamos dela. Non só polos cartos que reporta e os empregos que ofrece, senón porque con ela tamén facemos país. A nosa forma de ver o mundo, a nosa lingua e o noso pensamento espállase por outros lugares do planeta. Iso é algo que non cho pode dar ningún outro sector. Todos os gobernos e todos os políticos deben defender iso de forma innegociable, porque ao final, cos anos, non quedan os coches nin os edificios, queda a cultura.

"Os galegos temos que crer máis en nós mesmos, que somos moi potentes"
Comentarios