Os contos de ir á feira

Comeza a feira do teatro e non hai que facerse idea de releas polos prezos das funcións e o rexoubeo que o humor do país fixo pasar por conversas entre feirantes avisados dispostos a aproveitarse do foráneo. Comeza a feira, pero a palabra ‘negocio’ nunca cotiza nas citas escénicas. O mesmo pode ser unha virtude. Como non ter que relear moito. Aínda que ás veces haxa que lembrar que polo teatro tamén se paga. Como polo pan.

DURANTE MOITOS anos tivemos relear como unha arte propia de galegos. Era hiperbólico, como case todas as definicións. Pero relear unha cantidade a pagar, saber facelo, volveuse unha habilidade imprescindible para a supervivencia. Debeu ser nese xénero, na disputa sobre o prezo a pagar, onde se xeralizou ese famoso costume que nos apoñen: contestar con preguntas. E levabamos razón niso porque nun mundo capitalista ser capaces de pór en entredito o custo dunha cousa debe ser a obxección máis importante de todas cantas se poden facer.

A palabra feirante nunca acabou de estar ben vista porque a historia, como as clases sociais, decídena os de arriba e ese traballo de relear o prezo das cousas é algo que alguén con diñeiro só practica por deporte. E, entre a xente de vivir ben, pasar fatigas por deporte é algo digno de facer, pero fatigarse traballando non vén ao caso. Os feirantes releaban por necesidade laboral e, polo tanto, non era dignificador. Os feirantes, cos seus horarios pouco estables, levaban esa fama de xente pouco fiable. Os feirantes facían feira e hai que dicir que a feira foi, desde o século XVIII ou por aí, o lugar da construción económica e social de Galicia. O lugar de intercambio. O espazo no que ademais de negocio había ocio. Ao pé da feira había alimento e ao pé da feira había arte escénica aínda que fose sen escenario.
Pode ser esa ligazón histórica a que xustifique o cariño da profesión escénica galega coa Feira das Artes Escénicas que está a punto de celebrarse en Compostela. A cita que reúne unha parte principal dos protagonistas dos escenarios galegos chámase Galicia Escena Pro, pero por aquilo de manter a conexión histórica séguese chamando co nome co que naceu: a feira. Con esa mesma idea de intercambio de servizos por cartos que, no caso do teatro, non sempre está ben vista. Porque, en ocasións, hai xente que aínda pregunta se hai que pagar polo teatro. E aínda podemos ir alén: hai xente que pregunta se hai que pagar pola cultura. Que fagan esta pregunta quere dicir que non merecen resposta.

O teatro galego debátese mal no falso dilema entre un teatro ou outro. Entre ser arte e entretemento. Na desconfianza do comercial e na misión imposible de encontrar un público que acepte xogar en espazos menos previsibles. O dilema da distancia é falso en xeral, moito máis no caso de Galicia por esa vella circunstancia que fixo que o apelido galego acabase convertido nunha etiqueta excluída. Non é un asunto teatral, pero nas artes escénicas déixase sentir moito máis. Hai comedia e hai drama. Hai teatro comercial e hai posdrama. Hai teatro de festivais e hai teatro de salón. Son categorías discutibles e, polo tanto, identificables. En Galicia, con todo, hai unha categoría cun carácter novidoso. Hai teatro galego. De tal maneira que as programacións poñen, por citar un exemplo non moi paródico, hai teatro, hai danza e hai teatro galego. Sucede de xeito moi semellante aos andeis das librarías: hai novela, hai teatro, hai ensaio e hai literatura galega.

O teatro galego debátese contra a súa principal etiqueta. As etiquetas, como os coitelos, non son malas ou boas, depende de como se utilicen. A etiqueta galego aplicada ao teatro comezou sendo unha reivindicación e acabou cun retrato reducido. Coa mesma miniatura coa que acabou case toda a cultura galega. Acabou nesa cabeza xibarizada na que se confinou nun adxectivo toda unha cultura. Podíase chamar apartheid, pero non debemos dramatizar. Mellor non dramatizar porque unha parte dese confinamento foi comodamente aceptado a cambio de non ir a máis. Quedar no mesmo sitio, como se fose unha vocación esencial. Todos sabemos que quedar no sitio, culturalmente, quere dicir acabar desaparecendo.

A feira das artes escénicas tamén estivo por desaparecer, quizais por ser reflexo dun sector permanente afogado polas circunstancias adversas. Nesta edición que comeza mañá pasou do outono á primavera e este cambio terá máis razóns de calendario escénico que do poético traslado de estación, da caída á flor. A feira está a medio camiño entre a cita profesional da exhibición de espectáculos previa á contratación e unha cita cultural que permite asomarse a un retrato do que os escenarios galegos poden ofrecer en variedade e profundidade. Non está todo o teatro, nin toda a danza e o tamaño reducido da feira en relación co número de producións existentes pode ser unha demostración de certa saúde do sector. E das necesidades de ampliación do evento.

Galicia Escena Pro está protagonizada polo teatro galego e, con todo, esa etiqueta de galego como xénero non ten moito sentido porque non lles explica nada aos espectadores. Non ten sentido nin dentro nin fóra da feira. Porque teatro só hai de dous tipos: bo e malo. E en galego hai dos dous como para demostrar que non falta de nada.

Comentarios