"A operación Nécora acabou co de rirse da xente na súa cara"

Miñanco. Oubiña. Vioque. Dorado. Charlín. Son historia. Historia do narcotráfico galego. O xornalista Nacho Carretero di que os quixo poñer a todos no seu sitio cando escribiu 'Fariña'
Nacho Carretero, autor de 'Fariña'
photo_camera Nacho Carretero, autor de 'Fariña'

"Graven todo. Nalgún momento algún bastardo erguerase e dirá que isto nunca sucedeu". A cita de Eisenhower trala liberación de Auschwitz sérvelle a Nacho Carretero (A Coruña, 1981) para abrir ‘Fariña. Historia e indiscreciones del narcotráfico en Galicia’ (Libros del KO, 2015), unha crónica con nomes e apelidos sobre o tráfico de cocaína nos anos 90, cando as autoridades afirman que o 80% da que desembarcaba en Europa o facía polas costas galegas. Actualmente en El Español, Carretero ten realizado reportaxes sobre o xenocidio ruandés, a situación siria ou a enfermidade do ébola en África e ten publicado en cabeceiras como Jot Down, XL Semanal e El Mundo. O mércores estivo na Libraría Paz de Pontevedra, acompañado por Rafa Cabeleira, para falar duns narcos tan reais como cinematográficos. "Si que é verdade que espertaron o interese dalgunha produtora audiovisual. A ver que pasa".

Se chega a facer a presentación en Cambados, coincide con Sito Miñanco.

¿Que me dis? Non pode ser.

Publicouno La Voz de Galicia hai uns días.

Que tipo. Incrible.

¿Vostede non ten pensado ir polo Salnés a presentar o libro?

En realidade, a editorial si que quería facer unha presentación por alí ao ser o epicentro da historia. Se pechan unha data, alí estarei. A min gustaríame. Probablemente acudiría moita xente a esa presentación. Se o preguntas por se houbo algún tipo de ameaza trala publicación do libro ou algo así, non tivemos nada diso.

Precisamente: quería preguntarlle se escribir un libro coma este ten consecuencias a nivel persoal.

Cando o escribín pasoume pola cabeza que puidese pasar algunha cousa desas. Pero non. A xente que está agora mesmo en activo mantén un perfil moi discreto que non encaixa con ameazar a un xornalista. Por outro lado, todo o meu respecto, todo, para os xornalistas de verdade que levan traballando sobre o terreo dende os anos 80, eles si que xogando a vida. O meu libro débello todo a eles. Non me podo permitir ir de ‘miedoso’ con este asunto só por iso.

"Sito Miñanco conducindo un Chevrolet, Oubiña vivindo no Pazo Baión. Chegaron a sentirse invencibles"



Hai moita hemeroteca en ‘Fariña’.

Moitísima. O libro dá idea do bo nivel que sempre tivo o xornalismo galego á hora de tratar o tema do narcotráfico, algo que non se pode dicir doutros sectores como o da política ou o das forzas de seguridade, mesmo, aínda que custe dicilo, da propia sociedade galega en xeral. O xornalismo neste caso si estivo á altura. Si que é verdade que houbo partes da historia nas que quizais non se insistiu o suficiente, por exemplo a relación do narcotráfico coa política. En todo caso, eu o que fixen foi recompilar información, intentar facer un retrato completo desta historia, porque, que eu saiba, non había ningún libro publicado sobre o asunto dende principios dos 90. Galicia precisa reflexionar sobre esta historia e ordenar este puzle. Este libro encaixa aí.

Historia e indiscreciones del narcotráfico en Galicia’ podería ser tamén ‘Historia, indiscreciones y leyendas del narcotráfico en Galicia’. ¿Foi difícil confirmar moitos dos feitos que relata?

É certo. En calquera fenómeno criminal organizado é complicadísimo chegar a unha verdade absoluta. Os personaxes enseguida tornan en lenda e acaban rodeados dunha aura de romanticismo. Eu quería ter moito ollo con isto da idolatría. Esta xente é o que é e non podes renderte aos seus pés. Porque é importante coller perspectiva e poñer aos narcos no seu sitio. Fixeron moito dano máis alá da xeración perdida: arrasaron co tecido industrial e económico de Galicia. Non hai nada polo que simpatizar con eles. Outras veces simplemente é imposible contrastar as historias. Dende o punto de vista xornalístico pode debilitar o relato, pero eu apostei por saírme do xornalismo estrito e facer algo máis literario e permitirme algunha licenza. Non é un libro académico, quería que tivese unha lectura áxil.

¿Como é que segue sendo a operación Nécora, realizada en 1990 e na que quedaron absoltos os principais encausados, a principal referencia popular de loita contra o narcotráfico galego?

Porque foi o primeiro movemento claro que fixo o Estado contra o narcotráfico. aínda que efectivamente no ámbito xudicial foi máis ben un fracaso, porque os grandes capos saíron indemnes. Pero é que ata ese momento en Galicia había unha impunidade absoluta, algo que case era un insulto á sociedade galega: Sito Miñanco paseando en Chevrolet por Cambados, Laureano Oubiña vivindo no Pazo Baión, o Falcon Crest galego... Mentres estes señores se tiñan a si mesmos por todopoderosos e invencibles, había familias desfeitas e veciños con problemas sociais moi importantes. A operación Nécora xudicialmente foi descafeinada, pero serviu para que os narcotraficantes recibisen un toque e por primeira vez non se sentisen invulnerables. A partir dese momento, todo cambiou: o narco pasou a ter un perfil máis discreto. Digamos que acabou co de rirse da xente na súa cara.

"Eu non consumo cocaína, pero tampouco xulgo a ninguén. Máis alá dunha reflexión ética, limítome aos feitos"

Roberto Saviano, autor de ‘ZeroZeroZero’, ten reflexionado sobre o papel do consumidor de cocaína e da hipocrisía social neste asunto, algo que vostede tamén ten comentado. Jordi Évole preguntoulle a el se era consumidor e contestoulle que non. ¿Vostede éo?

Non. A verdade é que eu non. Pero nin fago nin quero facer ningún tipo de xuízo moral sobre o consumo. Eu limítome a recompilar información sobre un fenómeno criminal e social. É dicir, limítome aos feitos. Non entro en nada máis. Agora ben, é inevitable acabar facendo unha reflexión sobre o que é reducir o consumo a unha cuestión lúdica e de liberdade individual. Cada quen é adulto para decidir sobre si mesmo e o seu corpo, pero tamén é de recibo facer unha reflexión ética sobre o custe que ten a demanda que nós facemos desta substancia. Estamos falando de guerras civís, de países arruinados, de cárteles que converten en infernos cidades e estados enteiros. A reflexión é interesante máis alá do que cada un queira facer coa súa vida.

Outra reflexión que ten proposto é sobre a tolerancia social que existe cara o narcotráfico en Galicia. Tamén a ten feito nun dos seus monólogos Carlos Blanco falando dun veciño con prexuízos que non quere ao lado da súa casa un xitano, pero convive cun narco sen problema porque "é un home de ben".

E trae cartos e crea emprego. Penso que isto é unha herdanza do tempo do contrabando, cando o contrabandista daba traballo e supoñía riqueza para a zona. Eran tipos respectados e case reverenciados porque sen eles, que sería de nós. Isto ten que ver co abandono que sufriu Galicia durante moitos anos por parte do Estado e que se cubriu con contrapoderes. Cando se deu o salto ao narcotráfico, deixouse correr. Pero tamén hai que recalcar aquí que ás veces somos un pouco inxustos e que, en realidade, non lle correspondía á xente loitar contra esa situación, senón ás autoridades e aos políticos. Non penso que se lle poidan pedir contas á xente, cando a oficialidade non fixo nada durante décadas.

E mesmo foi cómplice. "No hay ningún partido político en Galicia que no se haya financiado a través del narcotráfico", dise no libro.

Esta afirmación faina un xuíz que me pide que non dea o seu nome. É unha desas cuestións que aparecen en ‘Fariña’ que convidan a profundizar. Porque o libro fai un retrato cheo de matices que por si mesmos dan para outro libro. Se algún día algunhas cousas ven a luz, vai haber moita tea que cortar e un follón importante.

"Coas fotos de Feijóo xunto a Marcial Dorado volveu a pantasma da narcopolítica a Galicia. Saíu impune e segue no posto"


¿Seguro? Aquí fixéronse públicas unhas fotografías do presidente da Xunta cun narcotraficante condenado sen consecuencias.

É certo, aínda que non se demostrou ningunha relación directa do presidente co narcotráfico. Pero con esas fotos a pantasma da narcopolítica volveu a sobrevoar Galicia. Que Feijóo siga no posto e saíra practicamente impune di moito da pervivencia desa tolerancia da que falabamos. Fíxate que unha das primeiras cousas que o contorno do presidente di é que, na época das fotos, Dorado só era contrabandista. Ah, ben, pois logo nada, se era só contrabandista. Noutra sociedade, Feijóo non seguiría no seu posto.

Véñenlle preguntando moito durante a promoción do libro polas diferenzas entre os clans galegos e as mafias italianas. O xornalista Fernando Salgado menciona os lazos de sangue, salvo no caso dos Charlín, como unha delas.

Si, é así. Aquí non é tanto unha cuestión familiar. Pero eu creo que, se en Galicia non acabou de enraizar esta cultura da Camorra, da Ndrangheta ou da Cosa Nostra, é porque o Estado non abandonou tantísimo Galicia como si o están Calabria ou Sicilia en Italia. Ademais, o fenómeno italiano ten alí case un século de vida e ocupa territorios amplísimos, a enquistación social é máis grande. En Galicia non ten tantísimo percorrido nin tantísima penetración porque non se sufriu ese abandono bestial. Non se lles concedeu un baleiro tan grande, aínda que tampouco estivo lonxe. Vioque, por exemplo, foi un tipo ao que, se lle chegan a deixar algo máis de espazo, tería conseguido algo moi perigoso.

Pero a cocaína segue entrando. Vostede dío no libro: "El narcotráfico sigue vivo en Galicia". Outro compañeiro xornalista, Víctor Méndez, explica que é moi difícil plantarlle cara aos clans porque as forzas de seguridade sempre van un paso por detrás en tecnoloxía e en contactos.

É certo. Aínda que hoxe non ten nada que ver co que sucedía nos 80 e nos 90, o narcotráfico segue activo en Galicia. Non é un asunto do pasado. Segundo a Policía, existen once clans operativos especializados en grandes cantidades. Galicia xa non ten aquel monopolio, pero segue sendo unha das alternativas para entrar en Europa. A cocaína é o negocio máis rendible que existe. Unha descarga pode solucionarche a vida. A túa e a da túa familia. É moi difícil cortar con algo tan doado. Pero o teu compañeiro ten razón: a tecnoloxía hoxe é tan bestial que os capos xa non caen por unha descarga, senón por outros delictos como o de blanqueo. Hai empresarios vixiados que nunca manchan as mans. Non é a mafia que foi, pero segue entrando mercadoría e isto a xente teno que saber.

Comentarios