Os meles Alfimel e O Trobo, primeiro e segundo premio

Oito produtores lucenses conseguen nove galardóns na cata dos queixos e meles de Galicia

A conselleira Ánxeles Vázquez aposta polos produtos transformados como futuro do sector lácteo e ve preciso mellorar a comercialización
A conselleira Ánxeles Vázquez fai entrega dun dos galardóns na cata dos queixos e meles de Galicia
photo_camera A conselleira Ánxeles Vázquez fai entrega dun dos galardóns na cata dos queixos e meles de Galicia

A conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, entregou este mércores os galardóns da XVIII Cata dos Queixos de Galicia e da XIV Cata dos Meles de Galicia, nas que foron distinguidos oito produtores lucenses, que acapararon nove premios. 

Ánxeles Vázquez destacou o potencial dos produtos elaborados como "fonte de ingresos segura e rendible" para o sector gandeiro, en especial o lácteo, e aventurou que o seu futuro "pasa pola transformación" do leite. A conselleira apuntou, ademais, que a maior carencia dos gandeiros galegos é o acceso aos mercados polo que avanzou que a Xunta tomará medidas para apoialos nesa tarefa. 

Vázquez indicou que as 72 queixerías galegas amparadas baixo os consellos reguladores produciron en 2014 máis de 5.000 toneladas de queixo, cun valor estimado de 31 millóns de euros. No caso do mel amparado pola Indicación Xeográfica Protexida, o valor da produción rexistrada o ano pasado superou os dous millóns de euros. 

A conselleira apuntou que "malia o prestixio que os nosos produtos teñen nos mercados e entre os consumidores, o sector produtor agrario ten importantes carencias e dificultades estruturais que lle dificultan o acceso aos mercados". Entre estas fraquezas citou a pequena dimensión das empresas e a falta de integración como factores principais que menguan competitividade aos gandeiros galegos nos mercados nacional e internacional. 

A titular de Medio Rural destacou a necesidade de desenvolver actuacións para promover a comercialización dos produtos agroalimentarios galegos. Apostou por "contribuír na organización colectiva dos agricultores, incentivando a relación territorial da produción, transformación e comercialización, particularmente a través de cadeas curtas de comercialización". Destacou tamén a importancia de apoiar a investigación para impulsar a innovación e o desenvolvemento. 

Ánxeles Vázquez indicou que a Xunta porá en marcha un plan especial de promoción agroalimentaria con campañas publicitarias, asistencia a feiras ou organización de catas. Indicou que a gastronomía é un "elemento transcendental da nosa forma de ser e Galicia non podería entenderse sen a nosa cociña". Destacou que é unha industria que factura 4.421 millóns de euros anuais e emprega a 20.000 persoas.

Comentarios