O nacemento da tiranía

Javier Nogueira rescomenda retomar a cultura clásica co libro de Javier Murcia Ortuño 'Atenas, el esplendor olvidado'

A EDUCACIÓN española ten moitos defectos, é algo proverbial no que non paga a pena insistir. Como humanista que son boto moito a faltar a desaparición da cultura clásica. Moitas xeracións de mentes privilexiadas formáronse sobre a base do latín, o grego, a filosofía grega e a historia romana. E non falo de poetas ou filósofos senón de científicos como Newton, políticos coma Thomas Jefferson, historiadores coma Edward Gibbon ou economistas coma John Maynard Keynes. Pouca broma.

O grego desapareceu do sistema educativo e con el, antes ou despois, morrerán os escasos vestixios de cultura grega que quedan, a saber Platón e Aristóteles. Alomenos os alumnos non terán que se preguntar que facer co aoristo. O grande problema é que o estudo dos dous xigantes non era outra cousa que un reducionismo cultural, xa que Grecia é o alicerce da nosa civilización (ou do que queda dela) por eles pero tamén por Herodoto e Tucídides, Sófocles e Eurípides, Homero e Safo, Pericles, Solón e Pisístrato.

De todos os citados de seguro que os que menos sonan son os dous últimos. Poucas persoas —mesmo formadas— saben que Platón e Aristóteles viviron na época de decadencia política de Atenas, tras a súa derrota na guerra contra Esparta —provocada en boa medida por ese marabilloso personaxe que foi Alcibíades—. Se soan pouco é porque esa época desapareceu dos libros en boa medida. Pero, por sorte, non de todo, como se pode comprobar coa publicación de ‘Atenas: el esplendor olvidado’ (Alianza), obra de Javier Murcia Ortuño, profesor de grego clásico en Secundaria e ao que polo tanto poderiamos comparar a tal punto cos espartanos das Termópilas —demasiado coñecidos xa a tal punto—.

Estudiar a idade de Pericles sempre foi sinxelo: abondan as fontes escritas, os testemuños históricos. Cando tentamos chegar a Solón —tan importante como Pericles e nada menos ca un dos sete sabios de Grecia— e a súa época precisamos recorrer á arqueoloxía e entrar a distinguir o mitolóxico do histórico. A obra de Javier Murcia salta limpamente por enriba de semellantes obstáculos. A súa reconstrución da xeografía grega, ática e ateniense e da arte producida nese ámbito é simplemente excelsa, tanto no fondo —argumentado— como na forma —sinxela—. Tan só se lle pode achacar nalgúns momentos un exceso de exemplos dende a perspectiva do lector profano e, obviamente, a imposibilidade de innovar nun tema sobre o que, co paso dos séculos, se fixeron miles de análises diferentes.
Solón e Pisístrato forman o eixo protagónico deste ensaio. Un, o lexislador por antonomasia, reformador dun réxime que concentraba riquezas e poder político na man duns poucos oligarcas. Aboliu a escravitude e creou a clase social da que sairían filósofos, dramaturgos e políticos da época dourada. Pisístrato foi quen fixo nacer a tiranía, un réxime que en nada se parecía ao que nós entendemos por ese concepto. Apareceu como terceiro en discordia nun sistema bipartidista, aproveitouse da súa situación con manobras de ética dubidosa e, chegado ao goberno, soubo gañar a confianza das asembleas. O que se entende por un déspota ilustrado ‘avant la lettre’.

Murcia Ortuño dá corpo a estas historias con habilidade e perspectiva crítica e logra que entendamos o nexo causal que as vencella coa época posterior e gloriosa, inaugurada pola invasión persa e a expulsión dos medos tras o mítico triunfo de Maratón. Non podemos dicir que un libro coma este teña que ser lectura obrigatoria nun instituto. Pero non está de máis pensar en que demo estamos a facer coa parte humanista do noso sistema educativo e lembrar que a historia cultura de Occidente, se me apuran, non e máis ca unha nota a pé de páxina das obras de Platón e Aristóteles. Dificilmente poderá agromar unha cidadanía crítica se non se lles proporcionan os referentes axeitados. E mesmo cando se lles ofrezan haberá que recordar que a cultura helénica non apareceu nun baleiro senón nun entorno: o da Grecia dos esplendores esquecidos.

Comentarios