El Michael Knight gallego

Corría o ano 86 cando, vendo a televisión, un cativo da localidade coruñesa de Vilarmaior exclamou: ''Ese coche quéroo eu''. Referíase, nin máis nin menos, que ao coche fantástico, aquel Pontiac intelixente co que David Hasselhoff saltou ao estrelato. ''Ata que o conseguín non parei'', lembra Jorge Vázquez, camioneiro fanático da mítica serie que non é que lograra facerse cun Kitt, senón que xa vai polo segundo.

Hai anos non dubidou en facer o seu soño realidade, para o que viaxou a Madrid e pagou 10.500 euros por un Pontiac que pasaba de 16 anos pero que ía camiño de ser unha réplica case exacta do coche máis desexado. A elo dedicou ''uns catro meses'', guiado por foros especializados de internet, e ''uff, miña nai, uns 28.000 euros'', o que lle cobrou un taller de tunning por incorporarlle, entre outras pezas --moitas delas traídas dos EE UU--, as luces, as rodas, as defensas orixinais e a luz frontal, sen dúbida a alma de Kitt.

Pero o mellor tanto foi a incorporación dun ordenador que lle permitía comunicarse co coche. ''Tíñao configurado para que, ao entrar nel, me saudase co mítico 'hola Michael', ao que eu sempre lle respondía 'hola Kitt''', gábase Jorge, que lembra que ''me quedaba coa peña'', sobre todo cando parecía que o coche falaba só grazas a un mando a distancia que lle tiña. Ficción feita realidade.

Porén, hai uns meses o Michael Knight de Vilarmaior decidiu facerse cun coche aínda máis logrado --''o primeiro non o tiña preparado por dentro''--. Foi entón cando puxo en venda ese primeiro Pontiac Firebird V6, que vendeu a un fan malagueño da serie por un prezo ''que é segredo profesional''. ''Tan pronto tiven os cartos fun polo outro que xa tiña encargado'', un Pontiac Trans Am V8 do 84 que conseguiu en Arteixo por 6.000 euros. ''Xa o desmontei e ando a voltas con el'', di o camioneiro, que pensa ''perfeccionalo moito máis aínda que o outro, por dentro e todo''. Iso si, calcula que esta segunda réplica lle sairá máis barata, xa que, tras a experiencia adquirida, el mesmo encargarase da súa transformación.

''Téñenme parado os de Tráfico só para ver o coche; a xente 'flipaba' con el''
Foron moitas as anécdotas que viviu este camioneiro de Vilarmaior ao volante do seu coche de diario, co que non pasaba precisamente desapercibido. Jorge lembra desde os veciños ''que me paraban para sacar fotos con el'' ata aquela ocasión na que un axente da Garda Civil de Tráfico lle deu o alto de noite. ''Díxenlle que xa pasara o control de alcoholemia uns quilómetros atrás, pero el só quería verme o coche. A xente flipaba con el'', di cheo de orgullo.

Ata nunha ocasión un mozo vigués ao que coñeceu a través do foro Elcochefantastico.net alugoulle a Kitt para o día da súa voda. ''Quería algo distinto'', explica Jorge entre risas. Malia que afirma con sorna que ultimamente o seu Pontiac tuneado xa perdera o efecto sorpresa na redonda --''a xente xa se acostumara a el e era como se fora un Renault 5''--, advirte de que ''o novo que estou preparando, que ata trae o teito de cristal de serie, vai deixar máis dun coa boca aberta''.

Jorge, que só comparte con David Hasselhoff ''o gusto pola roupa negra'', di non ter outra aficción máis que a súa fascinación por El Coche Fantástico, paixón que comparte con seus pais. ''Eles tamén lle chaman Kitt ao coche, coma min'', afirma con total naturalidade, tras o que deixa entrever que o seu fanatismo polos coches de ficción vénlle de familia. ''O soño de meu pai sempre foi ter unha réplica da furgoneta de El Equipo A ou do coche vermello de Starsky & Hutch. Oxalá algún día llo poida regalar'', fantasea Jorge, que xa conta os días para poder saír a presumir de novo coche, e de amigo, claro.

Comentarios