"O mellor galego da televisión é o da dobraxe"

Monti Castiñeiras dirixiu as voces dos protagonistas de ‘Maimiño’ e reivindica o valor dunha profesión que "é unha esquecida moi importante"
O actor galego Monti Castiñeiras
photo_camera O actor galego Monti Castiñeiras

Nunca antes máis preto estivera de falar co mesmísimo Brad Pitt, pero co Brad Pitt que fala en galego, cando a canle autonómica pon unha película dun dos grandes de Hollywood.

Bueno, con Brad Pitt, con Matt Dillon, con Quentin Tarantino... ou co espello máxico de Maimiño, a produción galego-cubana que chegou este venres ós cines e da que vostede é o director de dobraxe. É moi distinto dobrar unha película de animación dunha de ficción?

En principio o que é o proceso en si é o mesmo. Chega a película e o director ten que facer o axuste de diálogos. Isto consiste en que, unha vez que tes a tradución, vas vendo a película e adaptando a medida das frases para que encaixen na boca dos protagonistas, porque ás veces unha mesma expresión noutro idioma pode ser máis longa ou máis curta... Ou hai que encaixar unha bilabial, que son as palabras que máis se notan cando vas dobrar... Axustas os diálogos e fas o reparto.

Daquela, elixe vostede ós actores.

Si. En Maimiño a produtora suxeriume que fixeramos algún papel con actores coñecidos, para darlle algo máis de sona á película. Así que temos unha mestura de actores profesionais de dobraxe e outros que nunca fixeran nada de dobraxe ou tiñan experiencia como Carlos Blanco ou María Castro, que fixera dous papeliños en dúas películas de animación. Aínda así, é moi pouca experiencia, o que require un traballo moito máis exhaustivo cos actores, porque eles non están afeitos a estar atentos á sincronía, a proxectar a voz... Os profesionais da dobraxe levamos facendo isto 15, 20, 25 anos...

Nunha película de animación o actor de dobraxe é un pouco máis libre, non si?

O que che permite a animación é xogar coas voces, usar rexistros que non utilizas nunca dobrando persoas de carne e óso. É moi divertido, porque tes unha pequenísima parte de creación. Nas pelis de personaxes reais non podes crear. Iso está prohibido, o que tes que facer é imitar. Do que se trata é de facelo o máis parecido ó personaxe orixinal, se non, é unha traizón. Non se pode facer outra película distinta da orixinal. Ti tes que ser fiel ó que fixo o protagonista. Hai xente que non está dacordo con isto, pero eu penso que é así.

O seu compañeiro Luis Iglesia dixo na presentación de Maimiño que "a dobraxe está en perigo de extinción". E tamén desde a Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe Galega reivindícase que "a dobraxe é a gran olvidada do audiovisual galego". Está vostede dacordo?

Eu suscribo todas esas palabras, porque a realidade é bastante triste. Somos un colectivo que leva traballando trinta anos, desde que se creou a Televisión de Galicia. Desgraciadamente, os orzamentos fóronse reducindo ano tras ano. Os estudos de dobraxe foron pechando. Hai uns días mesmo pechou outro. Os presupostos que hai non se gastan todos para un ano e moitos profesionais están xa buscando outras alternativas. É unha pena moi grande. Ademais, a de actor de dobraxe é unha profesión que fixo moito polo idioma, pola normalización da lingua... O mellor galego da televisión é o da dobraxe, porque está máis sometido a controis. Pasa polo lingüísta do estudo, revísano os lingüistas da tele... E noutros programas iso non se fai. Se algo está mal tes que repetir. Se alguén quere aprender galego o mellor que pode facer é ver as películas e series dobradas. Dos 300 ou 400 profesionais galegos que ten a dobraxe hai xente que leva dous anos sen traballar, ou traballa uns días no mes nada máis... Parece que están deixando morrer isto. Sen dúbida, é o gran esquecido do audiovisual e é un esquecido moi importante.

Que se dobra hoxe en día?

O único que se dobra agora son debuxos animados da segunda canle. E grazas.

Hai quen propón que se inclúa o nome dos actores de dobraxe nos créditos finais, como recoñecemento do seu labor.

Iso hai anos que se empezou a facer, pero cando empezaron a proliferar as canles privadas empezaron a cortar os finais das películas sen pudor ningún, cortaban os créditos e os nosos nomes eran os últimos en saír. Iso debería coidarse. Tanto en galego como en castelán a xente coñece as películas pola voz da dobraxe.

E un xa ten a voz do protagonista na cabeza...

Si. Xa non digo que o actor de dobraxe cobre o que cobra Rober De Niro, por exemplo... (risos), pero polo menos o dos nomes nos créditos do final...

Cre que se debería incluír unha categoría para os actores de dobraxe nos premios do audiovisual galego, por exemplo?

Pois si. Parece que só se lembran dos profesionais que dobran no cine cando morreron. E aínda menos mal. Tanto nos Goya como nos Mestre Mateo xa hai uns anos que se lembran destes actores, que son actores coma os demais, o que pasa é que utilizan a voz e non o corpo. Hai verdadeiras  marabillas de adaptación de películas e estaría ben ese recoñecemento.

Ten Galicia boa canteira de actores e actrices de dobraxe?

Temos un nivel espectacular, hai unha calidade máxima e sometida a controis férreos, o cal incide na mellora da profesión tanto a nivel lingüístico como artístico. Pero se te refires a se hai xente nova... é difícil, porque se non hai traballo para os que levamos tempo...! Houbo un curso na Universidade de Vigo, hai unha idea para poñer unha asignatura na ESAD de Vigo, e estanse facendo cousiñas, pero desgraciadamente, sae moi pouca xente. Non hai traballo.

Monti Castiñeiras pon a voz en galego a Brad Pitt, Jhonny Deep, Keanu Reeves, Matt Dillon, Charlie Sheen, Robert Downey Jr ou Quentin Tarantino. Cal é o seu preferido? Ou o que lle ten máis manía? Se é que pode elixir.

Teño de todo. O que máis me gusta, o que máis... non digo que odie, pero que me custa. Por exemplo, Robert Downey Jr. Sempre digo que debe de ter unha memoria prodixiosa, porque fai uns papeis... fala moitísimo. Ten personaxes moi histriónicos e dá moito traballo. E un dos meus preferidos é Brad Pitt, porque me parece moi bo actor. É dos que máis me gusta facer.

E tamén sei que lle puxo a voz a personaxes infantís tan queridos como E.T. ou Epi, de Barrio Sésamo. Incluso que o seu primeiro personaxe foi o Capitán Pelouro, tamén de debuxos animados.

Estades ben informados... O Capitán Pelouro debeu de ser un dos primeiros traballos. Era unha serie de debuxiños moi sinxelos, moi planos, das primeiras series que se pasaron pola TVG. Logo, Barrio Sésamo foi para min unha serie marabillosa da tele. Era unha delicia dobrar a eses  personaxes, era divertidísimo facelo. É dos grandes recordos que gardo da profesión.

É unha maneira de achegar ós nenos á lingua, unha asignatura pendente nestes tempos.

Si. Ese foi o gran labor que fixo o Xabarín Club, que despois morreu. Con tantas canles de televisión dixital que hai, aquí só temos unha que emite en galego. Moitos nenos aprenderon galego e outros que non o falaban na casa cantaban as cancións do Xabarín.

Dobrar, dirixir ou actuar?

Quédome con actuar en cousas de carne e óso, que está moi ben. De feito, agora estou de cheo nunha rodaxe.

A segunda tempada de Serramoura, non si? Todo un éxito!

Si. Esta é a cuarta semana da segunda tempada, que se emitirá despois do verán. Teño a sorte de que me regalaran un personaxe estupendo, un malo malísimo con moita retranca que é moi divertido facer. Pero o outro tamén me gusta. Tamén me gusta dirixir, dobrar... Vivín case todos estes anos sobre todo da dobraxe. O audiovisual non é un traballo moi continuado, salvo que che toque unha serie, como agora.

E que vai pasar con Santos nesta tempada? Podemos adiantar algo?

O que podo dicir desta tempada, da que xa temos uns doce guións, é que o nivel de tensión e suspense están aí arriba. Non vai perder interese ningún, senón que vai gañar. Novas emocións e cousas moi fortes e moi interesantes por vir...

2015 está a ser un bo ano de traballo para vostede. Serramoura, Maimiño...

Si, porque este ano ademais fixen a versión castelá de A Esmorga, que se estreou agora tamén. Tocoume dirixir a versión galega de Schimbare, de Álex Sampayo, e a versión galega de Os fenómenos, de Alfonso Zarauza. Supoño que estas versións serán para pasar pola TVG, aínda que non estaría mal que chegaran ó cine, pero non temos esa sorte.

Como ve o panorama do cine que se fai en Galicia? Porque agora mesmo parece que o que goza de moi boa saúde son as series de televisión...

Si. É certo. Estase producindo case como nos mellores tempos. A ver se estamos vivindo un renacemento. Estanse facendo series de televisión, pero con moitos menos cartos e menos tempo, iso tamén é certo. Se antes cunha tempada poderías vivir uns meses agora moito menos. Pero é moi boa noticia. Hai catro ou cinco series, hai algún proxecto máis que se está preparando para o verán... É normal. Vexo que a TVG se está dando de conta de que teñen audiencia e están moi ben. Ademais hai grandísimos profesionais e a audiencia apóiao así que... só podo dicir: Que siga así!

Hai algunha frase dalgún personaxe que lembre especialmente?

Sempre gastamos bromas entre nós, porque ás veces, cando estás dobrando xorden frases coas que te atascas porque son especialmente complicadas. Cando se xuntan unha serie de consoantes ou palabras rebuscadas. Nós facemos bromas porque destas frases aparecen moitas. Ó longo dos anos facendo algunha broma acordámonos delas. Por exemplo cando se xuntan moitas xes dicimos: "Si señor sarxento, que sexa máis xusto!". Para os que empezan é unha boa proba.

Que película lle apetecería dobrar?

Hoxe en día e tal como están as cousas, calquera. Gústame moito o cine. Son moi fan da ciencia ficción, calquera realmente. Blade Runner, por exemplo.

Comentarios