O Lugo paralelo

Os mozos lucenses botáronse á conquista do mundo virtual e non hai quen os pare. Ciencia, literatura música, cociña, xogo. Triunfan en todo
Marta Fierro.EP
photo_camera Marta Fierro.EP

HAI UN MUNDO detrás da pantalla do ordenador que se parece ao real, pero é moito máis accesible. Pódese ir dun país a outro sen moverse do sofá, aprender todo tipo de coñecementos, participar en tertulias sobre infinitos temas, xogar con calquera persoa do planeta, bailar nunha sesión de discoteca sen saír da casa e atopar con quen falar a calquera hora do día.

Neste mundo virtual tamén hai lucenses, como en todas partes, e algúns incluso se consideran referentes. Cada un na súa materia e con moi diversos perfís.

Son streamers (interveñen en directo a través de internet), youtubers (difunden vídeos), escriben blogs ou todo á vez. O seu obxectivo é común, chegar ao seu público do xeito máis accesible para ofrecer un contido concreto ou para falar por falar. Algúns acadaron tal popularidade que poden vivir disto, outros fano por diversión, e todos por paixón.

Coa pandemia, o mundo virtual tomou relevancia porque axudou a suplir as carencias de contacto físico e a resolver dúbidas nun tempo de incertidume. Moitos xa eran asiduos habitantes das redes, pero outros introducíronse nelas porque desapareceron as tertulias no café, os bailes nas festas, os bancos do parque compartidos...

CIENCIA. Carmela Cela é unha destas lucenses que ten casa no mundo virtual. É natural de Triacastela, estudou Bioquímica e traballa en Madrid, no centro Severo Ochoa, dependente do CSIC. Alí investiga sobre novas terapias para a leucemia e sobre o desenvolvemento do sistema inmunitario.

Carmela Cela ten varias canles de divulgación científicas moi seguidas e útiles nestes tempos

Na pandemia deu o salto ao mundo virtual para poder responder conxuntamente un feixe de preguntas que lle chegaban dos seus familiares e amigos, con dúbidas comúns relacionadas co coronavirus.

"Sempre me gustou a divulgación científica e xa tiña gana de facelo, pero coa pandemia tiven tamén tempo, así que me decidín. Os amigos e a familia facíanme moitas preguntas e supuxen que habería moita máis xente coas mesmas dúbidas, así que intentei compilalas e ilas contestando en distintos vídeos". Este foi o comezo da aventura de Carmela en Twitch, onde comparte a canle Ciencia con Carmen coas súas compañeiras Carmen Majano e Carmen Utrilla.

A actualidade marcou os inicios e o covid-19 foi o protagonista das súas primeiras intervencións, pero despois os temas fóronse diversificando porque, como Carmela Cela apunta, "a ciencia xa existía antes".

Esta moza de Triacastela leva aclarado moitas dúbidas no último ano, desmentido falsas crenzas e tamén despertando curiosidades. "Nunca antes houbera tanta xente preocupada polo mesmo tema", así que hai que aproveitar a ocasión para chamar a atención sobre a importancia da ciencia no día a día. Quen ía pensar que con lavar as mans se podían evitar tantos problemas?

Carmela Cela é unha desas persoas que ten un reloxo máxico que lle dá tempo para todo. Ela traballa na súa investigación, está facendo unha tese de doutoramento e aínda lle sobra día para intentar que o resto do mundo aprenda algo de ciencia. E por se fora pouco manter activa unha canle de divulgación, ten dúas. Na segunda, chamada Ecos de Xigantes, comparte protagonismo con Darío Lago, especialista en Física, e con Diego Ferraz, en Ciencias Ambientais. "Como os tres somos galegos aquí as intervencións son sempre en galego".

Nestas canles non se limitan a falar eles, senón que levan convidados para tratar algún tema de interese, fan entrevistas e interactúan cos seguidores. "Esa é a maxia do Twitch, que che permite reaccionar en directo ao que di o público. Hai moita participación". Este detalle é o que ultimamente provocou un éxodo de Youtube, que só permite colgar vídeos, cara esta plataforma de emisión en directo.

Quen queira coñecer persoalmente a Carmela Cela poderá facelo o vindeiro verán en Lugo, pois será monitora en Xuvenciencia. Impartirá, entre outras materias, un obradoiro de comunicación científica.

MÚSICA. Marta Fierro tamén cambiou de mundo na pandemia. Esta moza de Montefurado (Quiroga) é máis coñecida como Eme Dj, unha laureada pinchadiscos que tivo que reinventarse ao quedar sen opcións laborais cando o coronavirus estragou a festa. A imposibilidade de reunir público obrigouna a buscar outro xeito de achegarlle a música. E aí estaba Twitch, unha plataforma que non só lle permite emitir en directo, senón tamén coñecer as reaccións do seu público a través dun chat.

Marta Fierro é pinchadiscos e cambiou as pistas de baile por sesións de música por internet

"Fue un cambio drástico porque estaba acostumbrada al feedback de la gente que baila. Al no verlos hay que ir a ciegas, es difícil conocer sus reacciones, pero el chat me abre otra vía y a través del micrófono puedo interactuar con el público. Ahora puedo conocer a la gente que me escucha, saber lo que piensan. Antes solo lo intuía al verlos bailar", explica.

Eme Dj nunca pensou que traballar en internet fose unha opción, pero di que "le pillé el truco y me está gustando". Non suple o contacto directo co público, que quere recuperar en canto sexa posible, pero "permite seguir ahí. Económicamente no es lo mismo, pero me ha permitido no parar".

Montou un pequeno estudio en Sada e desde aí pon música varias veces cada semana. Tamén ofrece entrevistas sobre temas de actualidade, divulgación musical ou clases on line. "Lo mejor es no tener que viajar, que es agotador", e a posibilidade de que as súas propostas se escoiten en calquera lugar. Di que ser quen escolle a música en cada momento lle dá "sensación de poder". Eme Dj conta os seus inicios no libro ‘Mamá, quiero ser DJ’, e no mes de xuño sairá a súa segunda obra: Cómo ser DJ, un manual sobre a profesión para quen queira empezar desde cero.

COCIÑA. E como comer hai que comer, no mundo virtual non podían faltar as canles de cociña. Aquí a proposta lucense chega desde Sarria, con Borja López, que abre o apetito en Youtube coa súa canle de pastelería creativa.

Este mozo sarriao adentrouse no mundo da repostaría axudando na casa e foi perfeccionando a súa afección ata conseguir facer as complicadas e chamativas creacións que hoxe amosa nos seus vídeos, tanto en Youtube como a través das súas contas en Facebook e Instagram.

No seu caso, a divulgación a través de internet é unha afección, non gaña diñeiro con esta actividade, polo que nos últimos meses foina relegando por falta de tempo. Está a piques de rematar os estudos de Odontoloxía en Valladolid e iso ocupa nestes momentos a maior parte das dúas horas.

"Teño en mente un proxecto complicado, unha torta colgante, pero require tempo e agora mesmo non o teño. Prefiro esperar porque para facelo ben hai que pararse e nestes momentos non podo", explica Borja López.

Conta que os inicios foron difíciles porque "non só había que facer os pasteis, senón tamén editar os vídeos e eu non sabía. Son autodidacta, aprendín vendo a outros, aínda que a miña edición segue sendo de principiante". En todo caso, o importante é o resultado e Borja López leva feito felices a moitos larpeiros.

A raíz da difusión das súas receitas a través de internet chegáronlle numerosos encargos. Hoxe di que non pode manter ese ritmo. "Non vou deixar de facer pastelería porque me gusta e teño familia e amigos que a piden, pero non será de xeito profesional porque o que me gusta é outra cousa". En cantoremate a súa formación ten previsto volver a Galicia para empezar a traballar como odontólogo e seguir estudando. Tal vez sexa entón cando teña tempo para sorprender aos seus seareiros con ese proxecto que ten en mente.

XOGOS. Pero se hai algo que gusta máis que comer no mundo virtual son os xogos. Neste eido o lucense que triunfa é Joaquín Domínguez, ‘El Xokas’. É difícil saber exactamente o número de seareiros que ten porque suben e baixan cada día, pero son suficientes como para que este mozo poida vivir do que lle reportan as súas contas.

El Xokas é un coñecido xogador virtual e as súas emisións duran ata doce horas

É o xogador máis destacado de España de World of Warcraft e as súas retransmisións poden chegar ás doce horas sen interrupcións. Neste tempo xoga, fala cos seus fans e comenta todo tipo de temas, moitos dos cales xeran polémicas que se fan virais, como as súas críticas á marcha de youtubers a Andorra pola súa mellor situación fiscal.

El Xokas senta cátedra en cada intervención. Os milleiros de persoas que o seguen ansían as súas conexións e atenden as súas opinións como se foran doutrina. Mesmo se dirixen a el como "padre" ou "pastor".

Joaquín Domínguez soubo crear un personaxe con carisma, bo comunicador e capaz de engaiolar durante horas.

LITERATURA. Outro lucense que triunfa nas redes é Sebastián García Mouret. Ten 265.000 seareiros na súa canle de Youtube El Coleccionista de Mundos, na que fala de literatura. Ademais, comparte cun socio a canle sobre viaxes Gonsebas e outra en solitario de contido diverso, con aire ameno e desenfadado.

Sebas Mouret é referente da crítica literaria e exitoso comentarista da actualidade

Os seus vídeos suman centos de milleiros de visualizacións e sitúanse no nivel que os fai rendibles, así que lle permiten dedicarse profesionalmente a esta actividade. Vive en Xenebra (Suíza) e recentemente publicou Nuestro último verano, o seu primeiro libro, pero todo apunta a que non será o último.

Comentarios