"O instrumento somos nós"

O guitarrista Dean Brown deu unha clase maxistral antes de actuar este martes no Festival de Jazz de Lugo. O músico de San Diego presentou o seu disco ‘Rolajafufu’, que mestura jazz, rock, funk e latin
El guitarrista Dean Brown impartió una clase magistral en el XXVI Festival de Jazz de Lugo
photo_camera El guitarrista Dean Brown impartió una clase magistral en el XXVI Festival de Jazz de Lugo

Dean Brown é riseiro e simpático. Só fala marabillas do paseo nocturno que o levou na noite do luns sobre o adarve da muralla por un casco histórico de Lugo "deslumbrante" baixo a superlúa. Asegura que o polbo á feira é unha invención "fantastic" e non ve o momento de volver a meterlle ao dente a unha tallada. Este martes, ademais, o guitarrista de San Diego ofreceu unha clase maxistral antes da súa actuación no Festival de Jazz de Lugo.

Dean Brown chegou a "unha cidade espectacular no oeste da península Ibérica" no marco dunha xira europea de presentación do seu máis recente disco, Rolajafufu. Explica que o nome é un acrónimo de rock, latin, jazz, funk e fusión, os estilos polos que camiña este home de San Diego que só bebe descafeinado —cortado, sen azucre— e que regresará ao seu centro de operacións nuns días.
Amais de compositor e instrumentista, Brown conta cunha merecida reputación como educador musical que onte puido demostrar grazas á clase maxistral organizada por Fábrica de Sons.

Unha ducia e media de alumnos —algúns nenos, só unha muller— participaron nunha sesión consagrada á universalidade da música como linguaxe e a desmontar o tópico de que o bo oído é un don. "Non é tal. É práctica".

Considera Dean Brown que os tres piares da improvisación —"que serve tanto para o jazz, como para o rock e mesmo para a música clásica"— son o adestramento do oído, a adquisición dun léxico, dun vocabulario musical que será distinto se é jazz, folk, rock ou contemporáneo, e a técnica.

Sobre este aspecto, porén, precisa que tanto ten que un músico toque o piano, a guitarra, a batería ou o saxofón. "A música está en nós; o instrumento somos nós. Se queres ser un bo músico tes que ser moito máis que un guitarrista", afirma.

Quixo centrar a sesión na educación do oído, "do mesmo xeito que adestras calquera músculo". E para exemplificalo, déitase no chan se fai unhas flexións: "Se adestras tempo e tempo, podes chegar a facer cen", di.

Despois toca unha nota. "Que nota é?", pregunta. É un La. "Se es incapaz de denominar esta nota, de saber cal é —engade— non falarás a linguaxe da música". Dean Brown considera que a cotío se lle dá moita importancia á técnica dos instrumentistas, "pero se non adestras o oído, se non es quen de identificar as notas e os intervalos e sentilos dentro, non chegarás a ser un bo improvisador".

É máis, está certo de que se se adestra o oído tanto como se toca a guitarra, a capacidade como músico dunha persoa multiplícase "non por dous nin por tres, senón por dez".

"E como se adestra o oído?", pregunta un dos alumnos lugueses de Dean Brown.

Considera este guitarrista que de corenta minutos a unha hora o día son un bo adestramento para abrirse de oídos. El ten desenvolvido unha app, ‘Pick Up Tunnes’, que non está dispoñible para o sistema Android. Desvela tamén un dos seus segredos: "Adoito conducir de San Diego a Los Ángeles, que son como 160 quilómetros; nese traxecto poño a radio e xogo a identificar os acordes, as notas... Non hai excusas".

Unha das leccións máis valiosas do serán chega cando Dean Brown confesa que non hai transo tan máxico para un músico como cando ao estar tocando un solo —"de jazz, de rock, de blues, de clásica (risos entre o público)"— escoita unha nota na súa mente. "‘Meu, se puidese tocar esta nota aquí, sería perfecto’, dis para ti. Experimentas unha euforia, a túa mente empeza a traballar mellor. Séntelo en todo o corpo".

Logo do tempo das verdades, chega o de asir o instrumento. "Aínda non tocamos nada. Sacade as vosas guitarras", dilles Brown aos seus alumnos, que abren os estoxos e miran expectantes. Conmínaos a tocar a guitarra como se fose un instrumento de percusión. "A guitarra é un instrumento rítmico. Aínda que levedes unha banda propia, só faredes solos un 30% do concerto", explica, e comezan a moverse as púas.

Comentarios