miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

"EN GALICIA CONTAMOS CUNS CANTOS ESCRITORES DE LITERATURA QUE SON TAMÉN BIÓLOGOS"

"O galego é tan válido como calquera lingua para a ciencia e as matemáticas"

Xurxo Mariño
Xurxo Mariño
O neurocientífico focego Xurxo Mariño ofreceu este luns en Santiago un relatorio sobre a evolución dos idiomas. "As mentes bilingües funcionan fisioloxicamente de xeito distinto"

Xurxo Mariño non viu aínda a película The Arrival (La llegada), aínda en carteleira e protagonizada por Amy Adams e Jeremy Renner. Nesta cinta de ciencia ficción, Adams é unha doutora en lingüística que é requirida polos servizos secretos estadounidenses para descifrar a forma de comunicarse duns extraterrestres que acaban de chegar á Terra.

Mariño (Foz, 1969), neurofisiólogo, doutor en Bioloxía, profesor da Universidade da Coruña e comunicador científico, ofreceu este luns un relatorio no Ateneo de Santiago sobre a evolución da linguaxe e indicou que as teorías sobre de que forma os distintos idiomas conforman o pensamento e o sistema cognitivo dos seus falantes —algo que defende o personaxe de Amy Adams en The Arrival— están entre as máis fascinantes "dos últimos cen anos".

"O relativismo lingüístico é moi discutido nos últimos anos e vén dicir que as distintas linguas xeran universos mentais distintos en función da súa orde, da súa gramática...". Engade, porén, Mariño, que non existe unha conclusión a este respecto "xa que resulta moi difícil experimentar para demostrar".

Non obstante, achega un exemplo: o idioma ruso ten moitas máis palabras para designar os distintos matices de cor azul có inglés ou có galego e unha investigación realizada con angloparlantes e falantes de ruso determina que estes son quen de distinguir "moitos máis tons de azul".

Sinala Xurxo Mariño que nos últimos anos desde a lingüística téndese a incidir en que se ben existen as diferencias "sobre todo cando máis afastados sexan os idiomas", no conxunto das falas da humanidade atópanse máis semellanzas ca distincións.

Achega neste punto a perspectiva de Daniel Everett, "un lingüista non moi ben considerado", que lle dá a volta á teoría de que as linguas conforman o universo mental e sostén que é a cultura de cada grupo a que perfila as linguas.

"Esta opinión é a que emprega o mamarracho de Tom Wolfe para cuestionar a Noam Chomsky, para escribir esa basura profundísima que é The Kingdom of Speech (O reino da fala), no que amosa que non sabe nin de lingüística nin de evolución", sentenza Mariño.

A personaxe de Amy Adams en The Arrival explícalles ás súas alumnas que a orixe do idioma portugués está nun pequeno reino da Europa medieval denominado Galicia. Xurxo Mariño está certo de que a desaparición de calquera idioma supón a perda para sempre dun universo mental. "Dei unha charla o ano pasado sobre iso. Cando se reivindica a necesidade de aprender galego e en galego e se di que ten un montón de vantaxes poucas veces se indican as capacidades cognitivas".

Ao respecto, explica como as mentes bilingües se amosan "funcionalmente distintas desde o punto de vista fisiolóxico". Experiméntanse mudanzas na área do encéfalo "e adquírense habilidades tanto ten se a lingua a falan 15 ou 15 millóns".

Sobre as voces que de cando en vez inciden no erro de que no sistema educativo galego se lles aprenda aos mozos ciencia ou matemáticas en galego, Xurxo Mariño di que son "ridículas" e engade que non hai linguas máis acaídas ca outras "para o pensamento científico ou a tecnoloxía".

"O galego, que ten 28 fonemas, é tan válido como idiomas africanos do deserto do Kalahari que contan con máis de 100 fonemas e tanto como calquera das linguas de signos. Calquera lingua serve para transmitir calquera tipo de coñecemento e quen afirme o contrario carece de rigor científico".

Outra das obras de ficción deste outono, neste caso a novela finalista do premio Xerais Crónica córnica, de Francisco Coimbra, relata como, da noite para o día, o máis de medio millón de habitantes de Cornualle, no Reino Unido, volven falar unha lingua cuxa derradeira falante nativa monolingüe morreu en 1777. "Estamos feitos de informacións culturais e informacións xenéticas, pero se unha lingua moi vulnerable ou extinta se recupera é porque se ensina e se aprende", sentenza Xurxo Mariño a este respecto.

"O galego é tan válido como calquera lingua para a ciencia e as...
Comentarios