Facebook se mueve por el gallego

Unha man aberta pintada sobre un fondo vermello e cun selo estampado que di 'Lingua de liberdade' será a faciana duns 900 usuarios do Facebook o vindeiro 30 de xaneiro entre as tres e as seis da tarde. Ou, alomenos, é o que pretende Luís Marcote, un veciño de Tomiño usuario da rede social e creador, hai case dous anos, desde que o PPdeG reconquistou o Goberno, do grupo Por un decreto que defenda a lingua galega, que leva xa máis de 5.000 membros.

"O outro día, oíndo a radio, dicían que as manifestacións por internet eran bastante masivas, que tiñan boa aceptación", conta Marcote, para explicar de onde lle veu a idea de promover unha 'revolta' na rede en defensa da lingua galega, e lamenta non poder enviar un convite a participar aos cinco milleiros de usuarios do citado grupo. "Só puiden convidar aos meus amigos, uns 900", di. O boca a boca virtual fixo o resto, e o evento ten uns 3.000 convidados, dos que máis de 500 xa confirmaron a súa asistencia. 

Quen convoca non é monolingüe en galego. "Se alguén me fala castelán eu resposto nesa lingua", explica, apelando ao vello argumento da 'educación'. "Tanto me ten se o meu fillo se educa en galego ou en castelán, porque na miña contorna fálase galego e a lingua que vai falar o neno sempre será o galego", proclama.

Malia todo, manifesta a súa postura en contra das políticas lingüísticas que se promoven desde a Xunta de Galicia, que define coma "unha tentativa de erradicar a cultura galega no noso país". Respecto do decreto que regula o uso das linguas no ensino, e que deixa a presenza do galego reducida ao 33%, Marcote e os seguidores do seu grupo no Facebook lémbranlle ao Executivo autonómico que "o castelán non está en perigo, por moito galego que se fale", e reclaman que a arquirepetida porcentaxe suba até "un mínimo do 50%" para a lingua materna dos galegos.

Comentarios