El conselleiro tiene quien le escriba

A plataforma en defensa das clases en galego, Profes co Galego, explicoulle ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, os argumentos polos que consideran que non obececer o decreto é sinónimo de cumplir a lei. Nunha carta aberta remitida ao popular, preséntanse como "un grupo de docentes que ten moi claro que a defensa da nosa lingua non debe estar ligada a ningún tipo de ideoloxía política", e explícanlle a Vázquez que, en calidade de funcionarios públicos e respectando a xerarquía normativa, "por enriba do decreto para o 'plurilingüismo' observamos outras normas".

Acto seguido, lembran que o decreto "ignora" a obriga constitucional de colocar galego e castelán en igualdade de condicións "e impídenos situar o galego nos ámbitos científicos e tecnolóxicos"; que non acata a esixencia do Estatuto de Autonomía de Galicia ao "impedir que se tomen medidas nas aulas para o coñecemento da terminoloxía propia das materias científico-tecnolóxicas"; que "reduce a presenza horaria do galego en todos os niveis educativos", saltando deste xeito as recomendacións de colectivos coma a Real Academia ou o Consello da Cultura Galega, desde onde se advirte da especial protección que merece este idioma no ensino "ao ser unha lingua en inferioridade de condicións en todos os ámbitos da sociedade"; e que o Comité de Expertos do Consello de Europa sinalou xa no 2007 que o que se estaba a facer para asegurar a presenza do galego en todos os ámbitos educativos "era insuficiente". Sobre este último punto, lánzanlle unha pregunta a Jesús Vázquez: "Que cre, conselleiro, que dirán no informe do 2010?"

Profes co Galego tilda o decreto do plurilingüísmo de "claramente regresivo, pasando de polo menos un 50% a como moito un 50%" de galego nas aulas, e anuncian que boicotearán a aplicación desta norma. "Non haberá insubmisos porque nós sabemos que a lei está da nosa parte", advertiron, e retomaron os datos do último informe Pisa para recordarlle á Xunta que a competencia en castelán do alumnado desta comunidade é superior á media española. "O que está en xogo é a competencia en galego, ata o extremo de que o 20% da mocidade se declara incapaz de falar esta lingua", polo que lle piden a Educación que recapacite e que permita o uso da lingua propia de Galicia en materias coma as Matemáticas, a Física ou a Química, nunha tentativa de "eliminar o prexuízo de que non é válida para determinados ámbitos educativos".

Nunha dura despedida, este colectivo anuncia que seguirá a impartir as aulas en lingua galega, e repróchanlle "os recortes de medios e profesorado mentres se malgastan os cartos públicos en publicitar un decreto pernicioso e ilegal". Ademais, mostran a súa disconformidade co novo sistema implantado pola Xunta para os libros de texto, sinalando que se apostou pola substitución duns manuais "que non teñen máis 'tara' que a de estar escritos na lingua que lle dá sentido ao cargo que vostede ocupa".

A Mesa responde a Caamaño: ''Non aplicar o decretazo é cumprir a Lei, con maiúsculos''
E mentres, as declaracións do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, nas que facía un chamamento a "cumprir a legalidade" no que se refire á entrada en vigor do decreto do galego aprobado pola actual Xunta, non gustaron na Mesa. O colectivo a prol da normalización lingüística maniféstalle ao político socialista mediante un comunicado de prensa que comparte esa mesma idea de acatar a lei e, polo mesmo, "opómonos á aplicación do mal chamado decreto do plurilingüísmo, porque non aplicar o decretazo significa cumprir a Lei, con maiúsculos", sinala a plataforma por boca do seu presidente, Carlos Callón.

Así as cousas, A Mesa aproveitou as palabras de Caamaño para lembrar que a norma que regula a presenza do galego no ensino "atenta contras normas de rango superior, desde a Lei de normalización lingüística até a Constitución, pasando polo Estatuto, a Lei orgánica de educación e tratados internacionais como a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias". Polo mesmo, animan ao profesorado a continuar impartindo as aulas en galego e a recomendar nelas a lectura de libros nesta lingua, prácticas que supoñen, segundo subliña Callón, "un exemplo de civismo".

Comentarios