O Apalpador máis chairego

O Apalpador ten as súas raíces máis fondas no oriente galego, pero foi o chairego José André Lôpez Gonçâlez, con raíces en Guitiriz e en Vilalba, quen iniciou a recuperación dun personaxe mítico que cada vez ten máis presenza nas celebracións do Nadal
O Apalpador apalpando unha barriga
photo_camera O Apalpador apalpando unha barriga

UN XIGANTE que traballa de carboeiro, coas roupas esfarrapadas por mor do seu traballo, que fuma en cachimba e se alimenta dos xarabíns ou os corzos que caza, así coma das bagas que apaña no monte. Esa sería, a grandes rasgos, a descrición do Apalpador, un persoeiro da tradición popular do Nadal galego que apenas se conservaba gardado na memoria dalgúns veciños de idade avanzada das montañas orientais de Galicia ata que un chairego afincado no Courel, José André Lôpez Gonçâlez, apostou por recuperar esta figura que cada vez gaña máis presenza nas celebracións destas datas.

O Apalpador -ou Pandigueiro, como se lle chama na comarca de Trives- recibe o seu nome do costume de apalpar as barrigas dos nenos para comprobar se comían ben e bebe da tradicións doutros personaxes semellantes nas culturas de raíz indoeuropea, tal e como explica Lôpez Gonçâlez, quen fai unha década recollía por escrito os datos recompilados da tradición oral, un estudo do que no 2008 se facía eco a Gentalha do Pichel de Compostela, voltando así por primeira vez o persoeiro á rúa.

A partir dese camiño aberto por José André, son moitos os que se atavían coma el e ofrecen espectáculos nestas datas, sobre todo pensados para os nenos, ademais de terse recollido esta figura en diversas publicacións ou traballos que axudan a difundir e preservar a súa existencia.

O recuperador da figura deste mítico carboeiro considera «unha obriga» conservar as tradicións para as xeracións vindeiras

Webs coma www.apalpador.com ou a propia da Gentalha do Pichel; o libro etnográfico ‘Teoría de inverno. Os presentes do Apalpador’; o conto de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandor Lamas; ‘O Apalpador’, de Xoán G. ou ‘Antón e o Apalpador’, de Manuel Castro Lima e María Mar Ameixieras, ilustrado por Francisco Ameixeiras, son algúns dos que destaca o precursor chairego, xa xubilado que vive entre O Courel, de onde é a súa muller, e Madrid, onde residen actualmente os seus fillos.

Aínda así, José André non esquece as súas raíces e os lazos familiares que ten en Guitiriz ou os tempos da nenez vividos na parroquia vilalbesa de San Xoán de Alba. «Son chairego e continuarei a ser chairego ata que entregue o meu derradeiro alento», asegura quen acaba de integrarse no grupo Nova Poesía Guitirica e no pasado 2015 publicaba varios poemas e máis un texto sobre súa tía política Josefa Cabado no número 11 da revista Raíces, editada por Xermolos.

E coa recuperación do Apalpador ben encamiñada, xa que cada vez ten máis presenza nas celebracións do Nadal galego, José André non pode deixar de salientar outras tradicións que merecen documentarse e pórse en valor, coma o rito de alumear o pao ou o rescate do Meco ao final do Entroido.

E a comarca chairega non é allea a esta riqueza. «A Terra Chá, alén de grandes poetas, ten unha cultura literaria popular inmensa que ten que ser recollida antes de que os portadores desa fastuosa sabedoria desaparezan», asegura José André, que considera «unha obriga» conservar estas tradicións para as xeracións vindeiras. «Deixar ese legado é unha tarefa que nos incumbe a todos e a todas», insiste, antes de concluír cun desexo cada vez máis común: «Que o Apalpador te encha de presentes». Houbo sorte?

Comentarios