Nunca es demasiado tarde para aprender

Tecnoloxía para todos. A aula Cemit do Vicedo ofrece, entre outros moitos, cursos sobre o manexo das novas ferramentas asociadas ao mundo da internet aos que asisten persoas maiores con ganas e ilusión de formarse no uso dos aparellos modernos
Alumnos da aula Cemit do Vicedo
photo_camera Alumnos da aula Cemit do Vicedo

A AULA CEMIT do Vicedo leva impartindo cursos de todo tipo dende hai máis de cinco anos. Na actualidade Natalia Gónzalez ensínalles a maiores e novos todo o que precisen saber sobre o uso e os perigos das novas tecnoloxías. ''Non temos un programa cerrado, ensínolles o que queiran saber. Non todos teñen as mesmas necesidades'', explicaba a mestra.

A monitora conta que as preocupacións dos pequenos, no relativo ás novas tecnoloxías, non teñen nada que ver coas dos maiores. ''Á xente maior non lle interesa saber como se escribe un texto pero si como mandar un correo electrónico ou como mercar de xeito seguro na rede'', explica a profesora.

As motivacións dos maiores para aprender a usar o ordenador, o teléfono móbil ou a tableta son ben diferentes. Hai quen, coma Estrella Leiras, vai porque «aínda que non me gusta penso que é unha necesidade nos tempos que corren xa que moitas das xestións da vida diaria xa se poden facer dende un ordenador», pero tamén hai quen vai porque é unha forma de pasar o tempo libre sobre todo nos días de inverno.

Os máis veteranos aprenden a descargar aplicacións, a mercar de forma segura na rede ou a consultar o tempo

O máis importante, e que tanto nenos e maiores teñen en común, son as ganas de aprender. Porén, Natalia, a mestra, indicaba que hai unha gran diferenza entre uns e outros. ''Os nenos non teñen medo ao contrario que a xente maior, que ten medo ao descoñecido e incluso pensan que, ao non saber, poden estropear algo. Iso aos nenos pequenos non se lles pasa pola cabeza'', explicaba a mestra. ''Teño un ordenador na casa, o dos meus fillos, e unha tableta, pero case non os uso porque igual toco algo e bórrolles cousas importantes'', contaba Teresa Díaz, unha das alumnas da aula Cemit.

Moitos dos alumnos están a descubrir por primera vez todas as oportunidades que ofrece a rede, dende os xogos como ''o Candy Crush, que lles gusta moito, ou o tute, ao que moitos non sabían xogar'', dicía Natalia, ata páxinas para mirar o tempo online, mercar e as redes sociais. ''Non só os maiores descoñencen os perigos da rede, son moitos os rapaces que, aínda que saben o que significa subir unha foto ao Facebook ou a outras redes sociais non se paran a pensar como lles pode afectar nun futuro'', explicaba a mestra antes de engadir que sempre lles aconsella ''que antes de colgar algo na rede o pensen durante dez minutos para ver se realmente lles convén, xa que á hora de buscar emprego todas as empresas buscan na rede os perfís das redes sociais dos posibles empregados''.

Durante os últimos dous meses os alumnos de máis idade da aula informática aprenderon a descargar aplicacións para o teléfono móbil e para a tableta, a diferenciar cales son as páxinas máis seguras para mercar na rede, a ler o xornal, a mirar a predición meteorolóxica e mesmo teñen un grupo de guasap. ''Centrámonos nas cousas que lles interesan, os maiores teñen intereses diferentes aos que teñen os nenos e eu explícolles o que me preguntan'', comentaba Natalia González.

Os cursos non só se centran en aprender a usar as novas tecnoloxías e a facelo dun xeito responsable, senón que se aproveitan estas novas ferrametas para que os maiores exerciten a memoria dunha forma lúdica.

Comentarios