"Non soporto a falta de empatía nin de escoita"

Melania Cruz é actriz tanto por vocación como por formación. Titulada en Interpretación pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Esad) e máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo, a lucense axigántase sobre os escenarios.  
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera A lucense Melania Cruz gañou o premio da Cultura Galega de Artes Escénicas. AEP

Cando era nena, que fantaseaba que ía ser cando medrara? 
Alguén que seguira sorrindo e facendo sorrir ás persoas queridas, imitando, cantando e bailando.

Cal foi o xerme do seu amor pola interpretación?
Supoño que está naqueles primeiros filmes que vía e revía (‘La princesa prometida’, ‘Atrapa a un ladrón’, ‘Grease’…).

Xa ten na casa tres premios Mestre Mateo e un María Casares. Podería haber tamén un Goya no futuro? 
O de Dhogs está no salón da casa dos meus pais, o de Ons na vitrina do Riquela Club, e na miña casa, só o de Trote. Sobre un Goya... non son de ter visións sobre o futuro.

Luis Zahera, Luis Tosar, Nerea Barros, Morris, Tamar Novas... os actores galegos teñen algo especial?
Por suposto: xenerosidade, entrega, compromiso, traballo e talento, entre outras moitas cousas.

Que adxectivos a definen? 
Chocolateira, amorosa, riseira… (pero habería que preguntarlle a quen me coñece e ver que di).

O mellor para empezar ben o día?
Unha aperta e un café. 

Que tres persoeiros galegos vivos citaría como referentes? 
Só tres? Pilar Becerra López, Margarita Ledo e Pilar García Negro.

Fóra de Galicia, hai algún lugar no que se sinta como na casa?
A verdade é que agora mesmo non son quen de imaxinar ningún.

Cal é o seu plan perfecto para desconectar? 
Manta, Xoana (a cadela) e a miña parella comigo, un par de libros e unha boa peli que ver sen traballo á vista. 

Diría que é máis de festival ou de verbena?
De verbena, sen dúbida. 

Prefire un bo viño ou unha cervexa fresquiña?
Prefiro un bo batido de chocolate fresquiño. 

Na mesa, pérdea un bo… 
Uns ovos fritidos con patacas.

Por sorte, imos aprendendo a identificar o trato sexista e a reaccionar ante iso

Cando lle toca cociñar, cal é a súa especialidade?
Non son moi de especialidades, pero parece ser que a pasta que preparo con salsa de brécol e xamón non está mal.

Se puidera viaxar no tempo un único día, onde e cando aparecería? 
Non creo que lle compensase moito aos demais a miña escolla á hora de cambiar o curso da historia… El ministerio del tiempo axudou a reflexionar sobre a aceptación da nosa humilde condición humana.

A que serie se enganchou máis? 
A Utopía.

Recoméndenos unha e máis un libro para estas fins de semana caseiras de outono. 
O libro O mestre e Margarita, de Bulgákov, un imprescindible, profundo e divertidísimo, e a miniserie Olive Kitteridge, cuns guións tremendos, unha interpretación exquisita e humor negro e drama a partes iguais.

Que defectos alleos soporta peor?
A falta de empatía e de escoita e o egoísmo. 

Tocoulle vivir algunha situación incómoda por ser muller? 
Demasiadas. Por sorte, imos aprendendo a identificar o trato sexista e a desenvolver a capacidade de reacción.

Comentarios