Sonia Villapol: "Se non hai ningún atranco, no outono podemos ter a inmunidade"

Investiga as consecuencias neurolóxicas do covid pero tamén é unha auténtica experta en todo o que rodea o virus. Así foi a conversa con esta especialista nada na Pastoriza en Encontros en El Progreso
Sonia Villapol, durante el encuentro moderado por José Manuel Freire. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Sonia Villapol, durante o encontro moderado por José Manuel Freire. VICTORIA RODRÍGUEZ

Fala desde o seu despacho no Texas Medical Center de Houston, claro, sen freos, con sinceridade e fuxindo da terminoloxía técnica. Sonia Villapol, que integra un grupo internacional de divulgadores sobre esta doenza pandémica, opina sobre as vacinas, as máscaras, o traballo dos científicos e sobre todo do seu, das consecuencias neurolóxicas do covid. Esta conversa completa pode verse aquí.

Covid persistente
"O covid é unha enfermidade respiratoria, pensas que che vai afectar o sistema pulmonar ou cardíaco, pero hai toda unha neuroinvasión. Dana os nervios e as neuronas".

"Non se sabe se depende da carga vírica ou do azar, non se sabe porque algunha xente perde o olfacto e outra non. Hai xente que so ten este síntoma e nin sequera ten febre. Non é azaroso, sempre hai unhas causas. Pode ser pola exposición ou por vulnerabilidades da persoa que se descoñecen... por condición xenética. O importante é detectalo e transmitilo ao médico de cabeceira. O que se recomenda é ir canto antes, porque a xente pensa que son síntomas normais de covid, e logo son máis graves do que se pensa".

Secuelas
"Fixemos un novo traballo, que aínda non se deu a coñecer, con 16.000 persoas que sofren covid persistente. Atopamos que a fatiga crónica afecta á maioría da xente, a un 60 por cento. Tamén hai dores de cabeza máis ou menos na metade dos afectados. Logo danse tamén moitísimos problemas neurolóxicos, como a perda de memoria, non poder focalizar algo ou o estrés postraumático. Problemas para durmir e de saúde mental. O 3% dos hospitalizados sufriron ictus".

"As secuelas dependen moito de como foron os síntomas na fase aguda da enfermidade, pero non son todos os casos. O problema é que non se pode saber a quen lle vai pasar e a quen non".

O 60% dos doentes con covid persistente presentan fatiga crónica e a metade, dor de cabeza

"Atopamos tamén que o 16% de doentes teñen dor no peito despois de pasar o covid. É persistente e tarda meses en desaparecer nalgúns casos, e as placas non o detectan. Os médicos teñen que seguir os doentes despois da recuperación, hai que seguir as secuelas".

Encontros. VICTORIA RODRÍGUEZ

Microbiotas
"Cada persoa ten coma un código de barras, coas bacterias que leva no seu intestino, moi deferentes unhas doutras. Algunha desas bacterias teñen relación cos problemas inflamatorios, e precisamente o covid presenta unha inflamación sistémica. A idea é detectar esas bacterias que fan dano e substituílas por outras boas para que axuden a curar, que sexan antiinflamatorias. Estamos facendo un estudo prolongado coa intención de ver se aparecen esas bacterias antes de que se produza un secuela, e así poder previla".

Contaxios
"O tema dos aerosois está demostrado desde hai cen anos, cando a gripe do 1918. Daquela todo o mundo levaba a máscara porque se sabía que o virus se contaxiaba polo aire. Canto máis sexan as capas de protección, moito mellor. Nos espazos cerrados, levar máscara, e consideránse espazos cerrados todos nos que hai xente, como as escolas ou o transporte público".

Máscaras
"Hai máis concienciación sobre as máscaras, e sobre todo agora que a variante inglesa é moito máis transmisible. Se antes unha persoa contaxiaba a 10 agora faino a 30 ou 40. Pasa o mesmo con outras novas cepas, como a surafricana ou a brasileña".

"As máscaras de tea? Eu aproveito todo, o importante é levar máscara. As de tea serven para cubrir unha cirúrxica. Todo o aire ten que estar filtrado. Se ves que o teu aire sae como fumeando a través da máscara, malo. Hai que filtrar o aire, tampouco obsesionarse, pero si ter a idea do que tes que facer: levar unha cousa hermética que cubra a boca, sen ocos".

Colexios
"Os nenos transmiten. Dicir o contrario é mentir. De feito hai un estudo moi bo que di que os cativos son os que levan o virus á casa. Os colexios son un perigo cando a incidencia é moi elevada. Qué pasa, que as escolas teñen que estar abertas, porque os pais teñen que ir ao traballo. Tal e como está a transmisión en Galicia é un erro ter as escolas completamente abertas. Poderían estar abertas a un 25% ou un 50%, pero non ao completo. Mil casos de incidencia por 100.000 habitantes é unha salvaxada, por moi ben que o fagan os alumnos e os mestres é imposible que non leven o virus para casa, aínda que haxa filtros ou ventilación".

Tal e como está a transmisión en Galicia e en España é un erro ter os colexios completamente aberto

"É un tema moi complicado, pero creo que fai falta reaccionar xa. A situación está descontrolada. A xente ten que pensar que non se vai pechar a escola todo o ano, poden ser tres semanas. Pois faise, aos cativos non lles vai pasar nada".

Científicos
"A ciencia debe basearse nos datos, nos feitos, e os políticos teñen que implementar as decisións dos científicos, e canto antes mellor. Pódese fallar, pero se se falla hai que corrixir rápido. O tema das vacinas tamén me causa estupor dende aquí. Non se pode esperar a que sexa luns, ás nove da mañá, toca abrir... é prehistórico, a administración ten que estar en modo virus, hai que vacinar 24 horas 7 días a semana, con axilidade loxística. E se se acabaron as vacinas, hai que moverse e conseguir máis, iso é o que teñen que facer os políticos, ese é o seu cometido".

Hostalería
"Os gobernos deberían implementar os sistemas de filtrado, para dar seguridade a quen vai a un bar. Que instalen aparellos para medir o CO2, así a xente tería confianza. Hai que improvisar, con espazos abertos. Tampouco isto soluciona de todo o problema. É bastante grave, o que cómpre é que os gobernos non deixen afogar estes pequenos negocios e que os axuden. Fai falta un rescate porque é un sector do que vive o país".

No mundo
"Hai paises moi punteiros, como Nova Zelanda, é incrible. O tema das probas é fundamental. En España e EE.UU. é fatal, hai que facer controis de entrada e saída, hai que facer as corentenas apropiadas. Hai que facer as distintas probas no momento adecuado. Máis probas, máis probas. Se os contactos dan positivos, xa non valen para nada as probas, xa só queda pechar o que se poida pechar. Confinar parece que está á volta da esquina".

"Hai que facer probas masivas e cribados masivos. Ti cres que lle compensa a un país recibir un turista, que pague o seu hotel e que contaxie a 80 persoas? A nivel económico non interesa, hai que frealo antes".

Vacina
"Salvan vidas, van facer que a xente non teña secuelas, van aforrar diñeiro público, rescatarán a economía. Vacinar é unha inversión cen por cen. Podemos chegar a unha inmunidade en outono se non sae ningún novo atranco".

"Eu estou vacinada con Pfizer, recibín a segunda dose hai uns días. Xa xerei moitos anticorpos neutralizantes, que poden durar dous anos. Aínda así, levo a máscara porque non sei se podo transmitir o virus do mesmo xeito, non o sabemos, ademais non tería ningún sentido que unhas persoas, as vacinadas, levasen a máscara pola rúa, e outras non. Coma se levases unha pegatina de vacinado".


Manuel Boquete (Presidente do Colexio de Médicos)

¿Pode influír a dieta atlántica nos beneficios das microbiotas?

SONIA VILLAPOL: "É interesante esta pregunta. Si que ten efecto, hai evidencias. A dieta de comer sano, no amplo concepto da palabra: verduras, froitas, pouca comida procesada e alimentos con vitamina D. Acaba de saír un estudo sobre as bacterias omega 3 que temos nos nosos intestinos, que son moi beneficiosas para reducir a inflamación. Subministradas a pacientes ingresados diminuíron a mortalidade".


Lourdes Bermello (Presidenta do Colexio de Enfermería)

¿Neste debate sobre as FFP2, cal cre que é o tipo de máscara máis axeitado?

SONIA VILLAPOL: "Esta ben recomendar FFP2, pero agora hai que ver de onde se sacan. Hai que facelas accesibles e aí é onde teñen que estar os políticos. Aquí en EE.UU. o que se está recomendando e a dobre mascarilla quirúrxica, que fai un sistema parecido as FFP2. O problema tanto se son FFP2 ou outras é que non se axustan ben á cara, póñense así como de decoración. Para sanitarios, sen dubida as FFP2".

Lembra que podes ver aquí a conversa completa.

Comentarios