lunes. 28.09.2020 |
El tiempo
lunes. 28.09.2020
El tiempo

PECADOS CONFESABLES

"Non perdo de vista que a TVG é a televisión de todos os galegos"

É un dos rostros habituais dos informativos da Galega desde hai 15 anos, está nominada ós Mestre Mateo á mellor comunicadora, que se entregan o vindeiro sábado na Coruña

Leva quince anos entrando nos fogares galegos para dar as noticias máis cercanas. Xornalista e nai de tres fillos, Marga Pazos colócase ó outro lado da entrevista para falar da súa profesión, de si mesma e da televisión dos galegos.

Como vive a nominación ós Premios Mestre Mateo á mellor comunicadora que se entregan o vindeiro sábado 11 de abril?

Vívoa con orgullo, porque estar nominada xa me parece un premio, non é unha cousa que me pase todos os anos. Ademais, neste premio son os propios académicos os que fan a nominación, son os propios compañeiros os que reco- ñecen o teu traballo. E son candidata a carón de persoas que valoro moito. Así que moi orgullosa. Pero non é a primeira vez que está nominada, non si? Xa estivera otra vez, hai moitos anos. Daquela tiña moi pouca experiencia e, ademais, competía cun dos meus mellores amigos e un dos mellores comunicadores, o que máis admiro, que é Alfonso Hermida, que foi quen levou o premio aquel ano, así que me sentín moi orgullosa tamén, coma se o levara eu.

Desde hai quince anos entra todos os días nas casas dos galegos. A xente faille notar que é un rostro coñecido para eles?

Coido que paso bastante desapercibida. Non sei se é porque non me maquillo habitualmente como na tele. No Telexornal teño un rexistro moito máis formal có meu propio. Hai veces que me recoñecen antes pola voz que pola cara. Non me adoita pasar que a xente me fale pola rúa, pero se o fan sempre é con respecto. Ademais, eu vivo nunha vila pequena, na Estrada, onde todo o mundo sabe quen son, pero máis por veciña que polo Telexornal. Á hora de preparar a entrevista custounos atopar información sobre vostede. Non é habitual das entrevistas. A verdade é que sempre fun moi discreta. Tampouco é que teña xornalistas tocando na porta todos os días. Penso que os compa- ñeiros ven este traballo con moita normalidade. O meu é un traballo máis, que che dá certa notoriedade polo feito de que saes pola tele, pero non son un personaxe que esperte curiosidade. Ademais, gústame pasar desapercibida.

Como foi a súa chegada á TVG?

Foi todo bastante casual. Cando estaba en segundo de Publicidade viñeron representantes do departamento de recursos humanos da TVG a darnos unha charla para ofrecer unhas bolsas. Había dez prazas e eu fun unha das bolseiras. Era unha bolsa para compatibilizar estudos e traballo e empecei na radio gravando cuñas de publicidade e facendo algunha reportaxe para o programa da mañá, ‘O Milladoiro’, que dirixía María Xosé Rodríguez. O meu compa- ñeiro Quique Molares e máis eu, que eramos inseparables, vimos que había algunha franxa nocturna na que non había ningún programa en directo e pedimos que nos deixaran facer un programa nas madrugadas dos sábados e domingos das cinco ás seis da mañá, algo que non quería ninguén. Empezamos a facer un programiña que se chamaba ‘A casa de Morfeo’ e que gustou. No verán déronnos unhas cantas substitucións e incluso fixemos un especial que se chamaba ‘Aberto por vacacións’.

E o salto á tele?

Foi no ano no que ETA asasinou a Miguel Ángel Blanco. Descubriron o seu corpo pola tarde e pola noite se confirmou que morrera. Tivemos que cambiar totalmente o ton do noso programa, un magacine de humor, moi desenfadado, onde entraban chamadas de persoas que estaban de marcha por Galicia adiante. Esa noite tivemos que cambiar totalmente o rexistro e creo que foi a primeira vez que os nosos xefes se fixaron un pouco en nós. A raíz dese programa chamáronme da tele para facer unhas probas de cámara. E empecei na tele cunha bolsa de postgrao. Foi todo moi casual e sen querer.

Cando era nena tiña claro que quería dedicarse á comunicación?

Non o razonei. Eu era filla única, pasei moito tempo soa, e iso fai que fales soa moito tempo. Lembro que poñía os bonecos en fila e lles daba clases. Contar cousas sempre me gustou. Resultaron ser noticias, pero si tiña facilidade para falar soa. Quince anos en directo teñen que dar para moitas noticias importantes que marcan e anécdotas. Son moitos telexornais, todos os días durante 15 anos... dan para moito. Anécdotas hai moitas: rompen os botóns, non dás apretado o pedal cos tacóns... Unha vez entrou un paxaro no plató e non quería saír. Aquel día viña Fraga, que era o presidente de Xunta, e tivemos que gravar co paxaro nun foco a seis metros de altura. E, logo, houbo varias noticias que me marcaron bastante. Viviu a etapa do Prestige, por exemplo. Non me aconteceu en directo. Fomos dándonos conta pouco a pouco do que pasara. O primeiro día un barco embarrancado, o segundo inténtase afastar da costa, parece que bota petróleo pero non se sabe canto... Foi algo máis gradual. Si foi unha etapa moi intensa na tele, informativa e politicamente, porque era algo moi duro que estabamos vivindo todos. A verdade é que non foi a etapa máis cómoda na tele, pero si foi intensa e todo o que estaba pasando en Galicia era moi importante.

A caída das torres xemelgas colleuna en directo.

Iso si. Estabamos en directo cando se produce o choque do primeiro avión. Fálase dun accidente e pinchamos as imaxes de Reuters. Cando ós dez minutos se esnafra o segundo avión deseguida nos demos conta de que estabamos vivindo algo que tiña unha trascendencia que ía moito máis alá e si foi un día moito máis importante. Contabamos a información ó tempo que a recibiamos. Apenas había tempo para procesar, nin para filtrar... Creo que estivemos Marga Pazos. pepe ferrín A etapa do Prestige foi moi intensa, informativa e politicamente, estabamos a vivir algo muy duro» Coa cobertura do 11-S estivemos á altura e a TVG non tivo nada que envexar a ningunha canle estatal» O término xornalista se lle adxudica hoxe en día a moita xente que non ten interese en contar o que pasa» á altura. Demos información en tempo real, non interrompemos a programación e TVG non tivo nada que envexar a ningunha canle estatal. Deseguida entrevistamos a expertos, a políticos, fixemos conexións en directo... Foi un día moi intenso no que despois si pensas que morreron 3.500 persoas, pero nese momento estás contando o que pasa e nada máis.

Como vive a relación da televisión pública e a política?

Eu intento sempre gardar un equilibrio. Son consciente tamén de cal é o meu papel. Pero dentro das miñas posibilidades procuro que haxa ese equilibrio, e non perder nunca de vista que a televisión pú- blica de Galicia non é de ningún partido, nin de ningún goberno en concreto, senón que é a televisión de todos os galegos. A única que fala de nós no noso propio idioma, na nosa lingua. É unha responsabilidade enorme, hai que estar á altura.

Ademais de noticias serían moitos entrevistados. Quen lle marcou especialmente?

Un montón... Eu creo que lle fixen a que foi a última entrevista longa e en profundidade a Santiago Carrillo. Foi un día moi especial. Despraceime a gravala ata A Coru- ña, porque el participaba alí nun congreso, e foi deses personaxes que mentres falas con eles te vas dando conta de que estás falando cun anaco de historia. Síntome orgullosa ese día.

Non son momentos bos para o xornalismo nin estamos moi ben valorados ultimamente os profesionais do sector.

Non somos unha profesión allea á crise e todas teñen problemas laborais. Por outra banda, dun tempo a esta parte a nosa profesión está un pouco depauperada. O término xornalista se lle adxudica a moita xente que non ten ningún interese en contar o que pasa nin en analizalo, senón en facerse famoso ou servir a intereses que van moito máis alá de contar a verdade. Xa está superada esa fase na que o xornalismo ten que ser obxectivo, calquera que conta algo está poñendo algo de si mesmo nese relato. O que si se debería é facer un xornalismo honesto, e no momento que a xente percibe que esa honestidade falta no teu discurso é cando te dá as costas. Creo que o xornalismo é unha profesión imprescindible e absolutamente vocacional.

A súa foi a primeira promoción de Publicidade da Facultade de Ciencias da Comunicación de Pontevedra. Que lembranzas garda do seu paso por esta cidade?

Cando eu cheguei era unha cidade distinta á de hoxe. Non era nin tan bonita, nin a zona vella estaba tan ben coidada, nin había tantas zonas peonís. Urbanisticamente a cidade mellorou nestes anos, pero a verdade é que naquel momento eu non me fixaba niso. Foi unha época moi chula. Herdamos a Facultade de Belas Artes, fronte á Praza de Abastos. Na nosa facultade había moitas carencias de medios. Non son tan vella, pero eu lembro estudar o que era Internet por apuntes. Aínda así, a etapa universitaria foi das mellores.

Cando non está traballando, onde atopamos a Marga Pazos?

A vida desde que tes fillos é completamente frenética. Aquilo de ler libros por pracer ou ver algo na tele que non sexa Os Bolechas está complicado. A pesar disto, o ano pasado saquei tempo para facer un Máster en Comunicación Política Institucional, que foi moi interesante. Pero todo este tipo de conciliacións e de encaixes de bolillos os fago grazas a unha rede de familia moi importante, porque teño tres fillos pequenos e é complicado manter o equilibrio. E o resto das tardes dedícoas a actividades extraescolares, ir ó parque, as visitas médicas...

Que pasa coa igualdade? No eido do xornalismo, por exemplo. As redaccións están cheas de mulleres, pero non acontece así cos despachos dos directivos. Avanzamos ou imos cara atrás?

Creo que si avanzamos, aínda que isto vai moito máis lento do que merecería a calidade e o talento das mulleres. É moi dificil chegar arriba e cando chegas es motivo de desconfianza por se te quedas embarazada, por se es unha traballadora menos rendible... e parece que ese tipo de prevención tradú- cese en cobrar menos. Non falo da TVG, porque aquí todos cobramos igual, está estipulado por convenio, e neste momento tanto a directora da tele como a directora de informativos son mulleres. Pero non coñezo a ningunha directora de xornal nin a compoñentes dos consellos de administración, agás nas empresas familiares.

Como se ve nun futuro?

Non son demasiado ambiciosa para min mesma. Si me gustaría que as cousas cambiaran o meu arredor. Gustaríame que a xente tivese traballo, que este fose ben remunerado e xusto, que as cifras do paro non baixaran só cuantitativamente... Pero eu non teño máis aspiracións que o que teño, un traballo que me apaixona e unha familia sá, que está ben. Si, son bastante feliz.

*Publicada na edición de papel do domingo 5 de abril de 2015

"Non perdo de vista que a TVG é a televisión de todos os galegos"
Comentarios