sábado. 04.07.2020 |
El tiempo
sábado. 04.07.2020
El tiempo

Namorar coma antes

Helena Villar e Xesús Rábade. AEP
Helena Villar e Xesús Rábade. AEP

Son moitas as historias que se mantiveron a pesar do tempo e da distancia. O seu era —e segue a ser— amor verdadeiro.

XA NADA É COMA era antes. E as historias de amor tampouco. Antano todo duraba máis. E desa norma non escapan nin sequera os matrimonios. Pode ser, quizais porque non podían divorciarse como a xente o fai agora, ou quizais porque estaba mal visto non quedar coa mesma parella o resto da vida. Pero tamén pode ser que algunhas das historias de amor que xurdían hai anos foran tan auténticas que, a pesar de todos os obstáculos, por iso continúen décadas despois.

Helena e Xesús

Algunhas desas historias comezaron algo máis amodiño do que poderiamos imaxinar. Helena Villar (Becerreá, 1940) coñeceu a Xesús Rábade (Cospeito) a finais do 72 a través dun amigo en común. Pouco tempo despois, o seu amigo diríalle que Xesús lle corrixía algunha cousa das que ela escribía. "Non me gustaba que se entrometera na miña escrita, polo tanto non era unha persoa que eu apreciara especialmente".

O día da Lotería de 1974 voltaron coincidir nun xantar ao que os dous foran convidados. Alí falaron moito e fixéronse amigos. Decidiron volver a verse o día de Aninovo en Lugo, pero el non puido achegarse ata a cidade. "Non me gustou aquilo e quedamos estancados de novo, ata xullo do 75".

A parella de escritores casou tan só dous meses despois de facerse amigos

Foi naquel verán cando Helena recurriu a el, sen sabelo, para que lle cubrira unha vacante no coche para ir á praia en favor dalguén a quen non quería levar. "Un amigo apuntoume o seu teléfono nas marxes de El Progreso cando eu ía para Santiago. Cando vin o teléfono chameino e fíxome o favor, e dende entón fomos xuntos á praia".

Aquel 14 de xullo comezaría unha amizade que desembocaría en matrimonio tan só dous meses despois, o 5 de setembro, a pesar de que tanto Helena coma Xesús tiñan unha relación con outras persoas. O que os levou a cometer aquela tolería foi a intuición que sentiron os dous, unha intuición que lles dicía que aquela era a persoa correcta. 

Da súa intensa relación epistolar xurdiron dous poemarios, coma 'No aló de nós'

Uns días despois da voda, Xesús quedou en Compostela, pero Helena tivo que marchar a Ferrol por traballo. Nunha época na que o teléfono non era o máis habitual, e a pesar de que se vían as fins de semana, mantiveron unha intensa relación epistolar, "un noivado prolongado", do que xurdiron dous poemarios: No aló de nós e O sangue na paisaxe.

Os nenos, ao igual que o matrimonio, non tardaron moito en chegar. "Casamos o 5 de setembro e a nena naceu o 5 de xullo. O neno chegaría 14 meses máis tarde2. Agora, botando a vista atrás, Helena ten claro que Xesús é o home da súa vida. "Hai cousas que cambiaría, pero non contemplo o feito de non estar con el, non imaxino a miña vida con ningunha outra persoa".

Pilar e Jaime

A distancia na que esta parella tivo que vivir durante anos non destruíu a súa unión

Jaime Fernández e Pilar cornide. SILVIA IGLESIAPILAR CORNIDE PRECISA preguntarlle ao seu marido, Jaime Fernández, o ano no que se coñeceron. Non están seguros, pero cren que foi no 1964. "El tiña un tractor e traballaba polas casas da aldea. Foi traballar para unhas veciñas amigas miñas, ás que lles contou que estaba buscando moza. A elas ocorréuselles falarlles de min". Cando Jaime comezou a labrar as terras dunha tía de Pilar, comezaron a falar a miúdo e fixéronse parella.

Despois de tres anos de relación, casaron nunha voda moi sinxela. Non tardou nada en chegar o seu fillo. "Despois da voda eu tiña molestias e fun ao médico. O primeiro que fixo foi comprobar se estaba embarazada, e efectivamente. Pero casaramos sen sospeitalo ningún dos dous".

As cartas tardaban moito en chegar, pero enviabamolas moi a miúdo e pouco tempo pasabamos sen saber o un do outro

A vida complicouse, e un ano despois Jaime decidiu marchar a traballar a Holanda. Foron catro anos nos que viviron a milleiros de quilómetros de distancia. "Foi moi duro estar separados, eu tiña un neno pequeno e era moi nova. Nas festas do verán, as miñas amigas ían bailar e eu nin podía nin quería ir".

Comunicarse tamén era complicado. Só falaban a través de cartas. "Eu vivía na Pastoriza e recordo que o teléfono que tiña máis preto estaba en Muimenta. Algunha vez, moi poucas, e só cando era unha cousa moi importante, ía ata alí para falar. As cartas tardaban moito en chegar, pero enviabamolas moi a miúdo e pouco tempo pasabamos sen saber o un do outro".

Eu casei namoradísima del e sígoo estando. Se me falta el, fáltame o alento para respirar

En canto Jaime atopou un sitio en Holanda para vivir os tres en familia, Pilar colleu o pouco que tiña e emprendeu unha viaxe para comezar a súa nova vida. "Meu pai, que tamén fora emigrante, deume moi bos consellos para que viaxara". Alí viviron cinco anos.

En decembro de 1977, a pesar de estar xa moi asentados — "cando nos demos conta o pícaro falaba holandés mellor ca nós, coma se nacera alí"—, decidiron que era hora de volver. "O neno ía grandiño e os nosos pais, vellos. Era o momento de decidir se nos iamos ou nos quedabamos".

Jaime e Pilar levan 52 anos xuntos. Ela emociónase ao pensar en todos estes anos de matrimonio. "Eu casei namoradísima del e sígoo estando. Se me falta el, fáltame o alento para respirar".

Inés e Eloi

Cal será o segredo para manter un matrimonio máis de 60 anos? Ela ten a resposta

Eloi López e Inés López. VICTORIA RODRÍGUEZÉ CURIOSO VER como cambia a percepción do tempo segundo en que época se mire. Inés López cre que os dous anos de relación con Eloi López antes da súa voda foron demasiados. Pero hoxe semellan demasiado pouco.

Ámbolos dous levan arredor de 60 anos casados, case unha vida enteira, pero ningún recorda xa a data exacta. A Inés pouco lle importa, porque se quere recordar algún momento, sempre pode coller o seu álbum de fotos e consultar cando pasou. "Xa non me acordo, nin penso acordarme. Para que me vale? Cando chego á casa se teño tempo e ganas collo o álbum e xa recordo todo o que quero".

Eloi ten 86 anos e Inés, 88. Coñecéronse nas festas de San Lázaro, en Lugo. "Un amigo que viña con el arrimoumo para que bailaramos, pero el non sabía bailar!". Fixéronse amigos, pero aínda tardaron en ser mozos.

Cando ti te enfades, el cala; e cando el se enfade, calas ti. Nós nunca rifamos

Despois de dous anos de relación, casaron. "Xa se me olvidou o día da miña voda. Sei que era un sábado, pero xa non me acordo de nada máis. Sei que fun con roupa coma esta, normal. Eu estaba a traballar e non tiña cartos para un vestido de noiva. Daquela época non gañabas 100 pesetas ao mes, e 300 pesetas xa as valían os zapatos. E tampouco non tiña quen me axudara", di con melancolía.

Os comezos tampouco foron sinxelos. "Empezamos sen ter nada de nada. Nin nos axudaron na casa. Pero a comer si que viñan!".

Tiveron só unha filla, que chegou moi pronto, algo que para Inés foi unha alegría. "Mellor así, que agora xa está vella, e así xa pode cuidar de min" [risas]. A ela non acaban de gustarlle as relacións de hoxe en día. "Antes eran distintas porque non levabas a un rapaz á casa como agora, que andas dous días con el e xa ven a merendar ou a cear. Eu vino coa miña neta. Antes as cousas ían máis que lentas, e agora van demasiado apuradas".

Inés cre que o segredo dun matrimonio tan duradeiro coma o seu está en algo moi sinxelo. "Cando ti te enfades, el cala; e cando el se enfade, calas ti. Nós nunca rifamos. Se Eloi me di calquera cousa, eu collo e marcho para outro lado. Xa parará. É que ten que ser así, senón non te levas ben!".

Namorar coma antes
Comentarios