Mónica Cubeiro: ''Hacemos joyas y diseños para muchos perros que van de invitados a las bodas''

Hai cans e gatos que non saben o que é a crise. Eles locen deseños únicos que lle confeccionan
nun local de moda prêt-à-porter da Coruña tras tomarlles as medidas e facerlles a pertinente proba. Un luxo ao alcance duns poucos.

Pregunta: Case dous meses despois da apertura de Noël et Chloé, ¿que acollida tivo o  negocio?
Resposta: Pois a verdade é que moi boa, tanto entre a xente da Coruña como de fóra. Xa  recibimos pedidos de Madrid, Barcelona e Zaragoza.

P: ¿Como xurdiu abrir unha xastrería para mascotas en plena crise?
R: Nós xa levamos nisto catro anos, ata agora a través de tendas de roupa de señora. Alí  tomaban as medidas e facíannos os encargos. Pero ao descoñecer as características dos cans tiñamos pedidos que non eran os máis adecuados. Por iso decidimos abrir a boutique, que tamén ten o atelier ou xastrería, onde facemos tanto roupa como bisutería, xoiería e mobiliario por encargo.

P: ¿Como funciona o negocio?
R: Nós traballamos tanto para o día a día como para festas. Vén o cliente, con cita previa ou sen ela, coméntanos o que quere e fáiselle unha recomendación. Logo tomámoslle as medidas ao animal, fanse os patróns e xa se confecciona a peza. Normalmente facemos unha proba antes da entrega.

P: ¿Como se elaboran os patróns?
R: Partimos do estilo de vida do dono da mascota, pero tamén temos en conta a raza, tamaño e
personalidade do animal. Non é o mesmo un patrón para un yorkshire que para un galgo; a súa
constitución e vida son totalmente distintas. Entón os deseños para un e para outro son diferentes.

P:  Nas rúas case sempre vemos vestidas as mesmas razas, nunca un pastor alemán con gabardina.
R:  Tampouco é habitual ver pastores alemáns en cidade, mentres que labradores hai moitísimos e a eles si os ves con gabardina. Aos cans grandes vestímolos para protexelos da choiva e o frío, e logo cando están maiores ou maliños. As cousas máis coquetas lévanse nos cans de menor tamaño. Colares e complementos, para todos.

P: ¿E que levan os cans de festa?
R: Agora estamos a traballar moi ben as vodas porque hai moitos cans que van cos donos de invitados. Facemos traxes e xoias para as cerimonias, como colares para as mascotas que levan as alianzas.

P: ¿Que complementos de bisutería e xoiería teñen máis saída?
R: O que máis sae son os colares, porque se busca que a mascota vaia elegante, á vez que simpática. Bisutería facemos bastante; xoiería xa é máis exclusivo. Colares de pedrería e de Swarovski é o que máis saída ten, como para fin de ano, porque cada vez levamos máis a mascota a todos os lados.

P: ¿Cal é o perfil da súa clientela?
R: Traballamos para cans urbanitas, porque antes de que se che mollen ao sacalos a pasear e ter
que chegar ao piso e bañalos, poslle a gabardina. Nós cando empezamos nisto saías á rúa co
can vestido e todo o mundo te miraba. Hoxe, mírante se chove e deixas que o can se molle; a min
xa me dixeron un día: “¿Non terás unha gabardina para pórlle...?”.

''O costume de Paris Hilton de combinar a roupa coas mascotas xa se leva en Galicia''
P: ¿É o can a mascota que máis se viste?
R: Si. Logo, aos gatos pónselles pixama para que non solten pelo na casa, e tamén se empeza a
facer roupa para furóns.

P: ¿E que é o que se leva?
R As tendencias van coa moda, tanto en cores como en formas. E os estilos en función do
propietario do animal, desde moi sport ata moi de festa.

P: Non me dirá que se leva o que fai Paris Hilton de combinar a súa roupa coa das mascotas...
R:  Xa se leva, si, mesmo cando se vai xogar ao tenis se lle pon ao can un traxe de tenis. E pronto se empezarán a ver bikinis; nos EE UU xa se levan.

P: ¿Cal é o pedido máis raro que lle fixeron?
R: (risas) Un abrigo de pel para un can.

P: Os seus servizos supoño que non son asequibles para todos os petos...
R: Non, pero vén sendo como comprar algo de marca, que se cadra tes que mercar por internet sen probar. Nós damos a opción de elixir deseño, tecido e que estea feito totalmente á medida para a túa mascota.

P: Falando de tecidos, ¿úsase algún especial?
R:  Deben ser compatibles co pelo do animal, porque algúns prodúcenlles electricidade estática e son incómodos.

P:¿Realmente cre que están cómodos vestidos?
R: A primeira vez que os vistes non se moven, porque é raro para eles. Pero os cans pasaron
de vivir no exterior a facelo con calefacción, polo que saen á rúa e se arrefrían. É unha cuestión
de saúde e hixiene, aínda que tamén de moda e capricho

Comentarios