sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

A mirada sobre Nova Escocia

A figura e obra de Elisabeth Bishop é recollida polo libro 'Obra completa', da editorial Vaso roto

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

CANDO OS AMIGOS CHE DIN que lles sorprende que vaias falar de poesía, é que tes un problema. Ti, que dedicaches toda a vida á poesía, tes amigos poetas aos que admiras, procuras versos que expliquen o teu día a día, aprendiches francés por Eluard, italiano por Ungaretti, catalán por Martí i Pol e ata provenzal polos trobadores como Arnaut Daniel. E xa sabías inglés para atacar a e.e. cummings ou W.B. Yeats.

Escusareime dicindo que a culpa non é tanto miña coma das editoriais, nas que non abondan precisamente as novidades poéticas de calidade. Pero de cando en vez temos unha que arranxa un ano, quizais un lustro. Miro ao atril e unha dona de faciana redonda apoiada no seu puño esquerdo devolve a mirada. É Elizabeth Bishop e a súa Poesía completa, tomo primeiro das súas Obras completas, apareceu na editorial Vaso Roto. Curiosamente o tomo segundo aparecera hai tempo xa.

Bishop non é precisamente unha referencia da poesía estadounidense contemporánea: leuse menos que Sylvia Plath —sobrevalorada, queda dito— ou Anne Sexton. Non tivo unha vida chea de paixóns, un marido abafante nin unha morte de telexornal pola propia man, malia que non faltaron acontecementos nela. Teño para min que o final do século XX e o principio do XXI foron ingratos cos poetas que non falan de amor. Bishop é unha poetisa de terras, homes e mulleres. Se Robert Frost está asociado a Nova Inglaterra, ela asóciase a Nova Escocia. Na península canadiana criouse cos seus avós maternos e as imaxes da súa terra e o seu mar percorren a súa poesía, con cumios coma Final de marzo.

Como noutras moitas ocasións e para desgraza de aqueles que queren disociar vida e literatura, a súa poesía segue o curso da súa vida. E así deixamos a chuviosa península do Canadá da súa man para chegar ao Brasil, onde a autora viviu case que vinte anos, ao rematar unha chea de viaxes por todo o mundo, España incluída, coa súa compañeira Lota de Macedo Soares e atopamos unha poesía máis ‘costumbrista’, na que escintila a capacidade de transformar a realidade co verso. O regreso ao máis íntimo e a Norteamérica con Xeografía III consolidou a fama de Bishop fóra dos Estados Unidos, onde xa recibira os premios máis importantes.

Ao ler a poesía estadounidense do século XX un atopa algo curioso: como di Harold Bloom, esgotado (parcialmente) o modelo de Walt Whitman, moitos poetas queren fuxir da pantasma (literaria) de Wallace Stevens —sempre lamentarei que non estea recoñecido en Europa— e non o conseguen. Elizabeth Bishop quixera ser filla de Marianne Moore, a quen dedica un precioso poema (Pease come flying) pero a cada paso choca tanto con Stevens coma co tamén inevitábel Frost. Nos seus momentos máis íntimos —como magnífico Insomnio— chega á esencia mesma da realidade coma Stevens e coa mesma musicalidade. En Norte e sur os ecos de Frost non deixan de escoitarse, cunha poesía de verso longo e unha musicalidade e unhas imaxes que, por certo, recolle a tradución de xeito asombrosamente bo.

Non é unha obra longa pero si imprescindíbel aínda que non acadase o recoñecemento debido. Xa hai moitos anos que Luís Valle, o meu poeta galego de cabeceira, me ensinou e explicou que a poesía non son versos senón unha forma de coñecemento da realidade, un coñecemento alternativo no que o poeta é mediador. Bishop revela o lado oculto da realidade e transmite ese coñecemento a través dunha linguaxe que o lector capta nunha dimensión dobre, prosaica e transcendente, malia que poda parecer un paradoxo.

A mirada sobre Nova Escocia
Comentarios