Besos con lengua el Día de los Enamorados

Bicos e máis bicos para responder aos "ataques incomparables" que está a recibir a lingua galega. É o novo xeito de protesta convocada desde A Mesa pola Normalización para o vindeiro 14 de febreiro, comercialmente coñecido coma o Día dos Namorados. A través da rede social Facebook, a plataforma que preside Carlos Callón convida á tribu de namorados da súa lingua a concentrarse na praza compostelá do Toural para participar nun acto tan inusual coma pracenteiro: unha multitudinaria bicada.

Callón atende o teléfono e explota as dúas vertentes deste evento: a lúdica e a reivindicativa. Respecto da primeira, conta que a situación pola que atravesa o galego require "manter de xeito continuado a atención mobilizadora", rachando de vez en cando coas habituais manifestacións que pasan por percorrer as rúas da capital galega lucindo faixas e berrando os lemas máis variados en defensa do idioma. "Será unha forma diferente" de protestar, explica.

Pero para acudir a esta chamada hai que cumprir un requisito mínimo: levar parella. Pese á advertenza, desde A Mesa non queren que ninguén fique na casa, e indican entre risas que quen decida manifestarse 'en solitario' sempre pode atopar a súa media laranxa entre o balbordo do Toural. Tras este apunte, Carlos Callón pasa a explicar a vertente forte do acto, a reivindicativa, e lembran que o lema, Goza coa túa lingua, que xa está estampado en camisolas e chapas patrocinadas pola Mesa, "vén de moi atrás, dos anos noventa, cando --o ex presidente da Xunta, Manuel-- Fraga empezaba cos ataques ao galego e non quería desenvolver a Lei de Normalización". Suxeito a pequenos cambios --daquela protestábase cun 'Fraga non pringa nin goza coa lingua'--, a frase actual traspasou fronteiras e foi empregada por outros movementos sociais en defensa da lingua propia, en Cataluña. "Mais hai que reivindicalo como exemplo da creatividade galega!", destaca Callón.

A derradeira das particularidades desta quedada será a súa duración: dez minutos. A Mesa pide puntualidade a quen dicida sumarse --ás cinco da tarde--, xa que se empregará unha forma de mobilización moi de moda nos últimos tempos, o flashmob. As redes sociais e medios non convencionais coma os móbiles póñense ao servizo de quen convoca, e a protesta consiste, botando man dunha expresión moi galega, en chegar e encher: un grupo de persoas reúnese de súpeto nun lugar público, fan algo inusual e dispérsanse de inmediato. No caso que nos ocupa, toda esa xente bicarase durante dez minutos.

"Ao final, o que queremos salientar con esta actividade é que o galego está a sufrir uns ataques incomparables, que á hora de escoller sempre se escolle o castelán e que é necesario que os poderes públicos tomen cartas no asunto", resume Callón. O acto, ao que calquera pode sumarse a través do Facebook, foi convocado este luns e leva, de momento, poucas confirmacións de asistencia. E é que mentres se redactaba esta información, A Mesa trataba de resolver "o problemiña" derivado de que "alguén que non comulga moito coa causa" premese o botón de 'acto inapropiado'.

Comentarios