Melania Freire: "Aprendín cunha tía monxa que adaptaba a moda de París"

A moda que crea Melania Freire Vázquez (Lugo, 1991) mergúllase na tradición galega a través do enxoval dos seus antergos de Guntín e da música que interpretaban os seus pais en Fuxan os Ventos. Con esa base sólida estruturada con formación na Esdemga de Pontevedra a pasada semana foi coroada co galardón ao talento novo na Fashion Week.

A deseñadora lucense Melania Freire Vázquez. MADRID FASHION WEEK
photo_camera A deseñadora lucense Melania Freire Vázquez. MADRID FASHION WEEK

HAI UNHA frase que Melania Freire levaba anos querendo pronunciar con convencemento: "A colección está pechada; agora, a disfrutar". Refírese a Me compré una postal de David Hockney, que empezou sendo unha visita a unha retrospectiva do artista británico na Tate de Londres, converteuse nun proxecto de fin de carreira na Escola de Moda e Deseño (Esdemga) de Pontevedra e acabou por lograr o premio Fashion Talent, que se concede no evento de moda máis importante que se celebra en España, a Fashion Week de Madrid.

Dirame vostede que se sorprendeu polo galardón.

Esperábao ata certo punto. Estivera unha vez na Fashion Week, pero como espectadora. Non sabía como funcionaba entre bambalinas. Estivera na Semana da Moda de París como parte do equipo de patronaxe da empresa Christian Wijnants, de Amberes, onde estaba facendo prácticas.

Que aprendeu nesa firma?

Estaba cunha patronista moi boa que me aprendeu a manipular o tecido no maniquí para extraer o patrón. Apliqueino na miña colección. Eu facía patrón de papel, o industrial.

A patronaxe que lle ensinaran na Esdemga?

Aprendín antes cunha tía avoa miña que é monxa na Casa Diocesana de Lugo, Celia Vázquez. Primeiro aprendeu o oficio de costureira e despois se fixo monxa. Tiña escola para enseñar a rapazas e modificaba patróns que lle traían de París para as mulleres máis pudentes de Lugo. A miña tía avoa dábame libros co sistema que usaba na escola. Ela foi quen me fixo coller o gusto. Agora é moi maior e fai cousas para ela. A patronaxe aprendina na Esdemga.

A miña tía avoa Celia Vázquez dábame libros co sistema que ela usaba para dar as súas clases ás rapazas

Agora vén a parte difícil: ten que explicarme como casa na súa colección o saber xeracional que lle transmitiu Celia coa influencia do pintor David Hockney.

Hai unha parte que me interesa, que me pon en relación coa tradición e coa responsabilidade.

Vostede criouse en Brión, pero reivindica Lugo.

Tivemos que marchar de Lugo polo traballo do meu pai. Lugo é a miña identidade. Os meus pais, Xosé Luís Freire e Carmen Vázquez formaron parte de Fuxan Os Ventos. Iso pesa moito. Eles intentaron que me dedicase á música coma eles.

Os seus pais foron moi insistentes?

Buf! Intentárono ben, con piano e solfeo. A música gústame, pero non como instrumentista. O debuxo e a pintura movíanme máis, por iso fixen Belas Artes.

De feito hai un pintor no que se inspira para o traballo que amosou en Madrid. Tanto lle gusta David Hockney como para viaxar hai dous anos a Londres para verlle unha retrospectiva na Tate?

Foi unha casualidade. Estaba buscando prácticas na Escola e tiña posibilidades en dúas empresas. Había unha de Londres que me interesaba porque traballaba o tecido tradicional británico. Fun a Londres para facer unha entrevista presencial. Ao cabo preferín a empresa de Amberes porque destaca no uso do estampado colorista. É máis parecido ao que se fai en Francia, que é o estilo que me atrae. En Londres está pouco relacionado co lugar e París é o berce do deseño, é a historia.

Descubrín que había coincidencias cromáticas entre os cadros de David Hockney e as roupas dos espectadores

Volvamos falar sobre a mostra de David Hockney.

Ah, si! Cando me faltaban unhas horas para coller o avión en Londres vin que había unha exposición de Hockney na Tate Modern. Fun ata alí e empecei a interesarme polo poder de atracción dos cadros. Descubría que había coincidencias de cores entre a roupa que leva a xente representada nos cadros e os visitantes da mostra.

Canto tempo lle dedicou a ver a exposición?

Non foi vela nunha hora e marchar. Estiven unha mañá, pero é que tiña facer a entrevista na firma de moda...

Antes de marchar da Tate pasou pola tenda e comprou todo canto obxecto levase o apelido Hockney.

Comprei postais, un catálogo, unha libreta e un lapis. Gardei a miña entrada e a folla de sala. Pensei en transformar esa experiencia na colección de fin de carreira que tiña que facer.

Levamos un bocado falando e aínda non me explicou o xeito no que relacionou as colchas da súa casa de Guntín coas pinturas dun centro de arte en Londres.

Son cousas distintas. Unha é a miña liña teórica e artística de investigación, e outra a colección de moda. O meu proxecto de estudo sobre o téxtil tradicional recibe o nome de Inventario.

Sigamos con Me compré unas postales de David Hockney, logo.

David Hockney é a base conceptual do proxecto. A colección é unha apropiación. Consiste en transformar a experiencia da paleta de cor que usou el en Los Angeles nos anos 60 e extraer a memoria dos cadros. Tras a visita debuxei os espectadores intentando reproducir as súas prendas, aínda que non tiña sentido. Interesábanme as gabardinas e as chaquetas que viste Hockney, con ese aire tan británico. A maiores das cores, que lle interesa dese artista? Ten unhas obras nas que fai unha superposición de fotografías feitas cunha cámara Polaroid que fan un patrón en planos superpostos.

"O pano tradicional permite saber a clase social e se a persoa que o leva está casada ou solteira"

A creadora lucense desenvolve unha investigación paralela á súa actividade como deseñadora de moda na que investiga a roupa que se usa de sempre nas casas de Galicia.

Que pegada lle quedou da súa tía avoa monxa Celia na colección premiada na Fashion Week?

Hai pegada na miña formación. Teño un proxecto en paralelo sobre téxtil tradicional, sobre as colchas que se facían na casa, que son elementos de comunicación.

Que clase de mensaxes comunican?

As iniciais nos cobertores falan dos seus propietarios. É abrir o arcón e preguntar. O pano tradicional dá moita información. Pola calidade pode saberse a súa clase social, se a persoa que o leva está casada ou solteira, o tipo de traballo que fai, se é da costa ou do interior. Todo isto teño que dicilo dende a lonxanía porque eu non coñecín ese mundo.

Cal é o obxecto que máis valora dos téxtiles que se conservan da casa de Guntín?

Sobre todo os cobertores. Son un traballo xenealóxico. Hai mantas maragatas que tiñan un gran valor para as familias e as colchas que se facían na casa. As mantas que se facían na Maragatería eran roupa de casa moi valorada. Tamén os cobertores de punto que teceu a miña tía avoa cos poucos medios que tiñan.

Comentarios