Marta Veiga: "Asociamos o reporteirismo cunha profesión intrépida; e non hai relato pequeno"

Un encontro na Coruña analizou o papel da reportaxe coa presenza de Manuel Rivas, Sonia Vizoso ou Marta Veiga, redactora de El Progreso
Manuel Rivas, Marta Veiga, Xosé Manuel Pereiro, Pablo L. Orosa, Sonia Vizoso e Valeria Pereiras
photo_camera Manuel Rivas, Marta Veiga, Xosé Manuel Pereiro, Pablo L. Orosa, Sonia Vizoso e Valeria Pereiras

O xénero xornalístico da reportaxe tivo onte o seu espazo entre lectores e profesionais do medio na librería Berbiriana, na Coruña, para conversar sobre os principais retos aos que se enfronta e, concretamente,para destacar o labor da revista Luzes que aborda os seus contidos desde o punto de vista da calidade e eliminando o factor inmediatez das súas publicacións.

Manuel Rivas, Pablo L. Orosa, Sonia Vizoso, Xosé Manuel Pereiro e Marta Veiga, todos eles comunicadores de recoñecida traxectoria, disertaron e contestaron preguntas dos asistentes nunha velada na que se expuxeron dúbidas e fixéronse críticas sobre o funcionamento dos medios xeneralistas e aqueles que elaboran contidos máis especializados.

Marta Veiga, redactora de Cultura no periódico El Progreso, subliñou o importante labor do reporterismo local, de contar o común con outros ollos, e recoñeceu a importancia de traballar man a man con bos fotógrafos polo punto de vista que achega o ter outra mirada distinta á propia á hora de traballar.

«A min o que me gusta do reporterismo é que nos dá a oportunidade de saír da redacción, polo que ao final acabas vendo os sitios e descubrindo cousas bastante interesantes», afirmou Veiga.

«Ás veces asociamos o reporteirismo cunha profesión moi intrépida, que se leva adiante en lugares lonxanos, perigosos, exóticos, con ben de testosterona e a xogar a vida. No xornalismo non hai relato pequeno», engadiu.

Neste senso, sinalou que «é doado caer na práctica de minusvalorar o xornalismo local, cando as historias de proximidade, as que acontecen ao pé de casa, ao mellor só están á espreita dunha ollada que as conte e as interprete; cando esas historias adoitan ser para a comunidade que as produce moito máis relevantes que calquera outra chegada de fóra, por espectacular que nos pareza».

Pola súa banda, Sonia Vizoso, de El País en Galicia, explicou que «nas reportaxes é onde se bota o resto do xornalismo, onde hai que practicalo todo, desde facer unha boa entrevista ata traballar o estilo ou coidar a linguaxe».

O reporteiro Pablo L. Orosa destacou que para el o mellor que ofrece a reportaxe é «a profundidade» que permite darlle aos protagonistas e comparouno coa lonxitude dunha película e a dunha serie, na que os capítulos permiten coñecer mellor aos personaxes e as súas psicoloxías.

Comentarios