María Reimóndez: "Desprázome en autobús por ecoloxía e para reinvidicar o colectivo"

A escritora lucense gañou o premio Johán Carballeira co poemario 'Bus en Galicia'
María Reimóndez
photo_camera María Reimóndez

A escritora lucense María Reimóndez vén de gañar o Premio Johán Carballeira, que concede o Concello de Bueu e este ano chega a súa vixésima edición, co poemario Galicia en bus.  Un xurado formado por Pura Tejelo —gañadora da edición anterior—, o crítico Ramón Nicolás e a escritora Antía Otero, escolleu a súa obra entre as cincuenta presentadas.

O xurado xustificou a súa decisión "por se tratar dun libro de poemas que recrea asuntos como a memoria e a identidade a través da perspectiva de xénero, articulando un percorrido territorial que se estende desde o íntimo ata o cartográfico".

A autora explicaba este domingo o contido indicando que quitou o carnet de conducir, aínda que viaxa sempre en autobús e nin sequera ten coche. Reimóndez sobe ao transporte público "por militancia", "por ecoloxía e por reivindicar o transporte colectivo", ao ser consciente de que, "se non o usamos, esmorece".

O poemario fala "da memoria, da identidade persoal, do colectivo, do territorio e da ecoloxía", segundo dixo a autora

María Reimóndez explica que ten viaxado "en moitas liñas, dende Vigo a Ribadeo e dende Tui a Ourense" e percorrido "as catro provincias", polo que estableceu unha ligazón entre eses periplos, as súas lembranzas e o país. "Como dixo o xurado, o meu poemario fala da memoria, da identidade persoal, do colectivo, do territorio e da ecoloxía", indicou a gañadora do galardón.

Engade que o acto de desprazarse significa "viaxar pola toponimia, por nomes que son cada vez menos recoñecibles" pola decadencia da lingua.

O libro será publicado por Xerais, tal e como dispoñen as bases do concurso. "Que publique Xerais é un premio a maiores, polo coidado que poñen", apuntou.

NARRADORA. Reimóndez salientou que este galardón lle permitirá equilibrar a imaxe que os lectores teñen dela como escritora de narrativa. Considera que "a escrita é unha totalidade e cada proxecto ten a súa forma", aínda que ela se sinta máis cómoda en prosa.

Comentarios