Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Manuel María (tamén) após o 17 de maio

Retrato de Manuel María realizado por Maximiliano López por encargo do Instituto A Pinguela de Monforte
Retrato de Manuel María realizado por Maximiliano López por encargo do Instituto A Pinguela de Monforte
Mercedes Queixas rememora a figura do homenaxeado neste Día das Letras Galegas : "A obra íntima e individual convértese nunha obra plural e colectiva, ao servizo e de entrega ao pobo"

O EPICENTRO do 17 de maio recollerá todas as ondas expansivas multiplicadoras que a sociedade veu promovendo desde comezos do ano a través de colectivos musicais, teatrais, asociacións culturais, centros de ensino, pequeno comercio, editoriais, concellos, etc. Un ano que está a ser de vizosa festa das letras en que Manuel María é nome propio, amplificado na boca do pobo que tanto amou, dentro e fóra de Galiza, da man da irmandade emigrante, onde a súa semente medrou prolífica e enraizada para se multiplicar coma un eco atemporal.

Mais o mércores 18 de maio tamén volveremos abrir a xanela a un novo día, para a descuberta primeiriza ou para o reencontro procurado co universo de Manuel María, co autor dunha das obras de maior entidade da segunda metade do século XX, que asina máis de cen títulos literarios, nomeadamente poéticos, mais tamén narrativos, ensaísticos, dramatúrxicos e de prosa xornalística; co erudito, home de letras e artes, que procura a súa adaptación para todos os públicos, facendo transitar, para concluír no horizonte da lectura formadora, a madurez e a infancia, a función referencial e didáctica, a ética e a estética.

O tempo novo que nace ao redor desta data do calendario biográfico de Manuel María, que queremos e precisamos vivo na lectura, análise e interpretación da súa fértil obra, achegaranos tamén ao binomio Poeta-Home, que constitúe a radial forza sustentadora dunha ética de vida que  transcende á escrita, até se converter nunha loita contra a morte e, ao tempo, un testemuño legado á construción do país que andou sen descanso, investigou en toda a súa erudición e compartiu co pobo desde a poderosa forza da palabra. Entre 1950 e 2004 median 54 anos de intensa e vocacional vida creativa literaria, testemuñada en máis dun cento de obras. No entanto, Manuel Maria non foi un espectador pasivo do seu tempo, non ficou o autor prendido nas musas nin sobrevoou a impersoal realidade desde as alturas da inspiración cultivada en abstacto, descarnada. Nada máis lonxe da realidade, esa que habitou o humus, a raíz e o pouso do seu pensamento e do seu discurso, esa que se converteu en razón de ser e de vida.

A obra íntima e individual convértese nunha obra plural e colectiva, ao servizo e de entrega ao pobo, pois ao intelectual nada lle resultou alleo nos seus ciclos vitais e a todos, desde a palabra e a acción, coherente e consecuente cos principios dun nacionalista que amou, desde a autoestima, con orgullo e sen complexos, os seus, a tribu, a lingua, a literatura, a cultura, a historia do país en permanente contrución á procura dun futuro con voz propia. Na base da obra intimista, panteísta, priscilianista, franciscanista, existencialista, amorosa, social, irónica, de denuncia e de combate, de viaxes, etc, está o camiñante que precisa andar a terra, coñecer cada recuncho do país, apreixar as palabras todas para contar, partillar, conversar, comunicar o agasallo en prenda da conversa oral e escrita.

A autenticidade da obra do poeta, do escritor, reside na aproximación á rede temática de interese universal como o amor, a morte, a nostalxia, a paisaxe, a metafísica, a relixiosidade, o ecoloxismo, a emigración, o humor, mais tamen no rcoñecemento da súa xenerosidade e entrega na defensa dos valores individuais e colectivos da súa xente, da man sempre tendida ao pobo, como voz dos silentes e das expropiadas, na dignificación da lingua galega para a súa imprescindíbel normalización e da cultura que constrúe con personalidade propia. O universo literario de Manuel María nace coas raíces na Terra Chá, medra na prolongada formación académica e autodidacta de carácter enciclopédico e multiplícase na incansábel vocación da escrita, desde un idioma profusamente coñecido, enraizado na fala do pobo, mais enriquecido coa necesaria praxe literaria e filolóxica, así como co reflexo da cultura clásica, o que lle permite combinar métrica e ritmicamente a copla popular co soneto, o romance co madrigal, a panxoliña co rondó, a balada coa égloga, a ode coa canción...

Con todo, a ética vital traspasa á construción da obra, por iso nada se comprendería sen unha lectura imbricada, encarnada na Terra. A palabra do poeta é ese fío que quere desennovelar a historia velada de noso, abrindo entre liñas e versos as portas corredeiras, como vasos comunicantes, entre o pasado, o presente e o futuro. Non se trata dunha obra asentada nun rutineiro monólogo retórico, senón dunha estrutura dialóxica onde o protagonismo é coral, colectivo. Velaí sempre, máis unha vez, a tribo e a nación, a árbore milenaria alimentada con saiba da lingua propia.

Un proxecto de vida que precisará de múltiples intervencións, alén da propia escrita, para confluír, asemade, no papel relevante de Manuel María como editor, dinamizador sociocultural, conferenciante, libreiro, porfesor, político; todas serán arestas que cómpre atendermos para comprender o personaxe na súa total e xusta dimensión, pois farán parte dese poliedro cuxas caras foron día a día, durante setenta e cinco anos, multiplicando os seus afectos no pobo. O país habita a súa obra, é imposíbel comprender unhasen o outro. O binomio perfecto, o individual e o colectivo en harmónica sintonía, o home e o poeta ao redor do mesmo centro de gravitación. A palabra sempre viva que transcende o corpo.

Arrabuñar na Terra / é anceiar amor

Amor e Terra é, sen dúbida, o alicerce principal dunha obra monumental que sobrevive o tempo do corpo para nos agasallar, coa súa lectura, a ollada á auténtica e próxima Arcadia.

Manuel María (tamén) após o 17 de maio
Comentarios