Manuel Estévez: ''Queremos dar a coñecer a ruta e que se oficialice canto antes''

É o coordinador dun proxecto artístico no Camiño de Inverno. As hortas que están ás beiras dos sendeiros polos que transcorre esta ruta a Compostela saúdan aos peregrinos con orixinais espantallos. Un grupo de artistas busca con esta singular acción o recoñecemento deste itinerario coma ruta oficial de peregrinaxe
Manuel Estévez, coordinador de Camino de Invierno
photo_camera Manuel Estévez, coordinador de Camino de Invierno

''O proxecto naceu na comarca de Valdeorras, concretamente no Barco, despois dunha reunión no Pazo do Castro con algúns alcaldes dos municipios polos que transcorre a ruta a Compostela e con membros da asociación Camiño de Inverno'', explica sobre o nacemento desta singular iniciativa Manuel Estévez, escritor e coordinador de exposicións e eventos culturais.


Dende cando está vostede unido ao mundo da arte?
Nacín no Rosal, en Pontevedra, e dende moi cativo estiven relacionado con creadores tanto da plástica coma da literatura. Os inesquecibles Eliseo Alonso e Xavier Pousa e tamén os que continúan deixando a súa pegada por aquí e acolá, coma Antunez Pousa, Magín Picallo, Suso Vázquez, Isaac Pérez Vicente. Amais en Vila Nova de Cerveira, en Viana no Castelo, convivín con artistas dun e outro lado do Miño e coordinei varios eventos con pintores.


En que consiste o proxecto ‘Retorno dos cuidadores das hortas ao Camiño de Inverno’?
A iniciativa consiste na participación de artistas ou xente do rural na instalación de espantallos nos sitios próximos á ruta de peregrinación a Compostela, así coma tamén en salas de exposicións no mesmo itinerario.


Onde comezaron a realizar as actividades deste programa?
Arrancaron na Casa Grande do Barco, onde está a sede do Instituto de Estudos Valdeorreses, que preside Aurelio Trincado, colectivo que axudou tanto a prestar as instalacións coma a subvencionar o cartel do evento. Despois realizáronse exposicións en Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, Ponferrada, Chantada, Silleda e Lalín, entre outros lugares.


Con que obxectivo naceu esta iniciativa?
Queremos dar a coñecer os pobos polos que transcorre o Camiño de Inverno e que se oficialice canto antes. Ademais tamén é un xeito de espallar a creatividade e dar a coñecer o desenrolo hortícola, histórico, cultural e etnográfico estendido pola ruta que utilizaban os fillos das choivas ata tocar a grande obra do Mestre Mateo, no Pórtico da Gloria.

''Unha obra de arte debe estar no seu hábitat e ao ser espantallos o máis axeitado son as hortas que abeiran a ruta''

Por que elixiron vincular os espantallos ao Camiño?
Pensei en moitos artistas que se fixaron nesta figura, dende Maruxa Mallo ata Julio Tizón, pasando por outros creadores mesmo da literaruta coma Neira Vilas que se inspirou para escribir ‘Espantallo amigo’, por certo, obra que tamén colleu como referencia Lucho Penabade, actor de Brión, para levala ao teatro e que participou na Casa Grande cando se presentou o proxecto.


Cantos artistas están no grupo?
Moitos. Exactamente non podo dicir unha cifra.


Cal é a procedencia dos autores que expoñen nesta mostra de arte?
Diversa, pero principalmente son galegos, de Castela e León e do País Vasco.


O grupo está aberto a novas incorporacións?
Sen dúbida, poden participar, e deben facelo, artistas e xente dos pobos e aldeas do rural polos que pasa o percorrido para que entre todos se acade que o Camiño se oficialice.


Por que elixiron expor algunhas pezas ao aire libre?
Unha obra de arte debe de estar no seu hábitat e ao ser espantallos cremos que o máis axeitado era que estiveran expostos nas hortas, nesas as que abeiran a ruta.


Por que relacionaron un proxecto artístico co Camiño de Inverno?
Foi unha idea para dar a coñecer este itinerario que utilizaban os peregrinos en tempos de choivas e neves xunto ao Sil porque era imposíbel facelo polas montañas do Cebreiro.


Que opinión lle merece que a Xunta de Galicia aínda non teña oficializado a ruta de inverno a Santiago de Compostela?
Penso que está a traballar para que iso se leve a cabo.


Vostede realizou o Camiño de Inverno?
Non realicei o traxecto, mais coñezo todo o itinerario ben. Teño pensado facelo con artistas de aquí e de acolá algún día.


Que características diría vostede que destacan desta ruta?
Moitas. Dende a riqueza de arte románica que acolle ata a paisaxe e a ‘paisanaxe’.


Que opinións lle achegaron os monfortinos sobre a peza que colocaron ao carón da ponte vella na cidade do Cabe?
Algunhas, que lle gusta a idea e a obra.


Que pretenden con esta acción en Monforte?
Chamar a atención para que se oficialice a ruta.


Teñen algún outro proxecto?
Si. ‘Vide a degustalo con arte’, iniciativa relacionada co viño e coa Ribeira Sacra para que sexa Patrimonio da Humanidade.

Comentarios