Manolo Rivas, Ordorika e Lupe Gómez, no VII Festival dos Eidos

Joseba Sarrionandía, Pura Tejelo e José Luís Gallero participarán no recital central desta cita
Presentación do Festival dos Eidos na Deputación. SABELA FREIRE
photo_camera Presentación do Festival dos Eidos na Deputación. SABELA FREIRE

O Festival dos Eidos regresa na súa sétima edición os días 26, 27 e 28 á aldea de Parada do Courel da man da Fundación Uxío Novoneyra, que coida do legado do poeta no seu centro literario e vital. Nomes fundamentais para entender a poesía galega contemporánea, como Manolo Rivas, Lupe Gómez e Pura Tejelo, ou a vasca, como Joseba Sarionandía, daranse cita no recital central do festival o sábado 27, no que tamén participará o editor ao castelán de Novoneyra, José Luís Gallero.

Así o indicaron onte representantes da Fundación Novoneyra, na edición que se presentou ás doce na Deputación Provincial de Lugo, cunha significación especial tras os incendios que atizaron o Courel este verán.

O festival toma o nome do libro Os Eidos e desenvólvese nos mesmos espazos da vida do autor do Courel. Detrás da fundación que coida do seu legado están os fillos do poeta, Branca e Uxío. Xunto a eles presentou esta edición a poeta e xornalista Nieves Neira, tamén padroa da fundación, e Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo e tamén da propia fundación a nivel institucional.

O mítico grupo de punk galego Radio Oceáno ou Berio Molina e Xiana Arias con Clo Plas son outras das propostas do festival

O festival abrirase coa exposición Queimados, de Federico García Cabezón, que retrata un souto que ardeu hai 30 anos e que se expoñerá no souto da Rubial, un dos que salvaron a parte alta da serra dos incendios.

Dentro das propostas musicais, o día 27 poderá gozarse do recital do músico oñatiarra Ruper Ordorika, unha "personalidade central da renovación da canción vasca", segundo indicou Branca Novoneyra. Pasarán polo festival The Rimbaud Company, Radio Océano, Enxeito, Xico de Cariño e Alberto Mvundi Trío e Clo Plas, entre outros.

A homenaxe que cada ano se lle dedica a Carlos Oroza contará coa participación do poeta e traductor Nacho Fernández, e tamén haberá un micro aberto para que o público e os colaboradores compartan unha lectura de Os Eidos. Como cada ano, non faltará a ruta polos paxaros que poboan este libro, da man do ornitólogo Xabier Vázquez Pumariño. Na parte audiovisual, a Casa-Escola de María Mariño acollerá estreas dos realizadores Bruno Arias e Pilar Astray.

MAÑÁ EN BECERREÁ. O festival este ano contará cunha programación expandida que comeza na Praza de Castelo de Becerreá mañá ás 20.00 horas con Trenza, un espectáculo con textos de Nieves Neira, a artista sonora Olalla Caamaño e a bailarina Cris Vilariño. A programación expandida rematará cunha mesa redonda a finais do ano en Quiroga, para festexar os 120 anos de Ánxel Fole.

Comentarios