La manifestación de 'Queremos Galego' reactiva la conciencia lingüística

manifa_defensa_galegoz.jpg
photo_camera manifa_defensa_galegoz.jpg

Este domingo miles de galegos sairán ás rúas de Compostela para facer unha manifestación en defensa da lingua. Organizada pola recentemente fundada plataforma 'Queremos Galego', a protesta oriéntase cara ao que consideran ''políticas agresivas contra a lingua galega'' do goberno de Alberto Núñez Feijóo. Non todos os manifestantes comulgan cos preceptos de 'Queremos Galego', polo cal haberá un denominado ''bloque crítico'', que defende a hexemonía social do galego. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón non ve ningún problema porque ''hai unha unidade inmensa! Todos estaremos na manifestación defendendo a lingua galega, nunha celebración da diversidade da máis diferente ideoloxía que temos claro que o que nos une é o galego''.

O debate volve estar na rúa. Callón aclara cales son os motivos que os levan a manifestarse: ''ante o primeiro Goberno da autonomía que non cumpre os consensos lingüísticos nin o recollido no Estatuto de Autonomía, que anda a patadas coa lingua propia, vemos necesario coordinarnos e xuntar forzas en defensa do idioma que nos une como galegos, porque o galego une''. Ben diferente é o pensamento da presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, sobre o acto do 18 de outubro. Ela considera que os manifestantes do domingo ''son xente que quere impoñer unha cousa, que pretende recortar liberdades''. Ademais para Lago neste acto ''ten que haber algo máis porque senón isto non ten sentido. Penso que ten que haber moitos intereses económicos. Canto máis traballo en Galicia Bilingüe máis me decato de que esto é unha cuestión de cartos''.


Como Barça e Madrid no fútbol, Tom e Jerry nos debuxos animados ou Quevedo e Góngora na literatura, Lago e Callón manteñen unha rivalidade na defensa duns preceptos lingüísticos que chocan claramente.

-Que pensa dos que din que Galicia Bilingüe quere impoñer o castelán?

-G. L.: Eles saben que non é certo. Dino para consolarse nos seus círculos. Hai xente que ten unha especie de obsesión coa imposición, no comercio, en todas partes. O que estabamos a vivir na última etapa do bipartito era un auténtico disparate! Mandábanlles cartas aos comerciantes para que rotulasen no idioma que eles querían... por deus, un pouco de aire, un pouco de liberdade!


-Que pensa dos que din que A Mesa quere impoñer o galego?

-C. C.: Defender o dereito a vivir en galego non perxudica a ninguén. É unha cuestión de democracia básica. Hai sectores con moito poder político e económico interesados en que este dereito non se poida exercer, como Galicia Bilingüe. Pretenden presentarnos o mundo ao revés, como se os que queremos defender o galego estiveramos en contra do castelán ou como se foramos cabezas de cemento.

O decreto máis agardado
No 2007 o goberno do bipartito elaborou un decreto do galego no ensino que establecía que a metade das asignaturas fosen impartidas en castelán e a outra metade en galego. Este foi o principal feito que provocou o nacemento de Galicia Bilingüe para defenderse dunha situación que eles consideraban que atentaba contra o dereito de elección da lingua na que os pais queren educar aos seus fillos. Na campaña electoral previa ás últimas eleccións Nuñez Feijóo prometeu un decreto novo e a Consellería de Educación, dirixida por Xesús Vázquez, prepárao para ser aprobado antes do Nadal.

Esta cuestión preocupa a moitos pais porque a educación dos seus fillos depende deste decreto e, por suposto, preocupa tamén á Mesa e a Galicia Bilingüe.

-Que agardan do novo decreto do galego no ensino e que pensan do elaborado polo bipartito, actualmente en vigor?

-C. C.: Aquí creouse unha lenda negra falando case de persecución do castelán nos centros educativos de Galiza, o cal é algo que non se corresponde en absoluto coa realidade nin ninguén querería que fose así. Os estudos realizados polo Consello Escolar de Galiza falan con claridade nítida de que o galego pasa nos centros por unha situación discriminada, especialmente entre os nenos de infantil e primaria. Pero a situación quixo presentarse nunha realidade falsificada, o mundo ao revés, coma se o galego fose unha lingua imposta e o castelán non existise nas aulas. Cando a realidade é que se nunha cidade un pai ou unha nai quere escolarizar ao seu fillo nunha escola infantil en galego non ten onde. Onde?

-G. L.: Antes do bipartito non había liberdade para elixir: os nenos galegofalantes non podían estudar en galego. Iso é certo. Pero había un decreto que tampouco se aplicaba. A política que se facía antes da chegada do bipartito era un pouco 'a da vista gorda', e as cousas hai que poñelas claras e facelas ben. E nós por iso queremos que haxa un decreto que respecte a liberdade de elección, porque se se lle outorga un dereito aos pais vai ser moi difícil máis adiante se hai un cambio de goberno que iso se poida manipular ou que se poidan rebaixar ou aumentar as porcentaxes. Por iso para nós é tan importante darlles ese dereito.

-Existe algún tipo de imposición lingüística no ensino?

-G. L.: Eu non falo de imposición! A imposición existe! Ti neste momento queres educar ao neno en castelán e non podes! É coma se me dis 'houbo un terremoto onte' ou 'ti dis que houbo un terremoto onte'. Non, eu non o digo, o terremoto está aí, é unha realidade. O sistema educativo neste momento en materia de lingua réxese por un decreto, e este di o que di: é imposible estudar unha asignatura troncal en castelán. Iso non o invento eu!

Esto é como a xente que di que escoller a lingua é coma escoller o currículo: algo ridículo. Hai xente que está intentando dicir que é igual escoller a lingua que escoller os pais se os nenos estudan ou non matemáticas. Usan uns argumentos que... de verdade... é unha forma de infravalorar a intelixencia dos cidadáns. Non ten nada que ver o da lingua co currículo. O da lingua é un dereito que tes porque vives nun lugar onde hai dous idiomas oficiais.

-C.C.: Hai determinados sectores coma GB aos que lles vai medrar o nariz de tanto que menten. Invéntanse chamadas de pais ou de nais por non se sabe que imposicións das que non existe constatación de que haxa o mínimo viso de realidade niso que denuncian. O que pasa é que se aprenderon o guión da ruleta mediática que realmente fixo que xurdise unha organización coma Galicia Bilingüe, porque realmente non ten representación social, o que hai é un globo inflado que dentro só ten ar dos poderes políticos, económicos e mediáticos que queren un movemento galegófobo e de racismo lingüistico, pero non se sustenta coa realidade.

Se visitamos un centro de ensino ou vemos os datos estatísticos vemos que iso non é así. Convido a calquera que teña dúbidas a coller as Páxinas Amarelas e chamar ás escolas infantís e preguntar se poden escolarizar ao seu fillo en galego. E que vexa cal é a resposta. Porque os únicos centros infantís que garantían iso, ademais de dous ou tres privados  en toda Galiza, non nunha vila, en toda Galiza, eran as galescolas. E garantían o cumprimento da lei.  E nalgunhas escolas infantís din que si e, despois, ese neno non chega a escoitar nunca nin unha canción en galego, nin unha canción! Coma se o galego fose algo tóxico!

Comentarios