martes. 11.05.2021 |
El tiempo
martes. 11.05.2021
El tiempo

Nai pode haber máis dunha

P1020624
José Antonio e Josefa con Jaula, Aziz e Abdalá. EP
Son nais sen ter parido. Coidan, protexen, queren sen condicións e pasan noites sen durmir. Teñen motivos para festexar o seu día

O día da nai, que se celebra este domingo, quere recoñecer unha figura fundamental na vida de todos, pero é tamén unha boa ocasión para desmontar o dito de que nai non hai máis ca unha. Sen querer restar valor á figura da nai tradicional, é necesario recoñecer o labor doutras persoas que, sen selo, crían, apoian, protexen e queren sen necesidade de ter parido.

Quen non coñece a alguén que foi criado por unha avoa mentres os seus pais estaban emigrados? A emigración deixou en Galicia moitos nenos temporalmente orfos, pero sempre había un colo coa mellor intención e sen límites para dar cariño.

Fillo de emigrantes

Ese é o caso de José Luis Montero López. Os seus pais emigraron a Londres e el quedou coa súa avoa paterna nunha aldea do Val do Mao, no Incio. O seu irmán quedou tamén, pero noutra aldea do mesmo val, co avó materno.

monteroNon coñeceu os seus pais ata que tiña seis anos. "Chegaron ben vestidos, ulindo a perfume. Por alí non se vía xente traxeada. Dixéronme que aquela era a miña nai, pero eu non a recoñecía como tal. A nai que eu tiña era a miña avoa, que me deu todo o mimo que puido e que me coidou sempre", recorda.

O peor chegou cando José Luis soubo que tiña que marchar cos seus pais. "Fomos buscar ao meu irmán, ao que eu só vira nalgunha ocasión, metéronnos nun tren ata Vigo e alí nun barco ata Londres. Leváronnos aos dous, sen coñecer aos meus pais e sen saber palabra de inglés".

Quedoulle gravada a chegada a Londres. "Dicían que había televisión, buses, metro... pero a novidade dura unha semana". Conta como curiosidade a entrada na súa nova casa. "Era unha vivenda luxosa para a época e para o que nós estabamos afeitos na aldea. Cando nos levaron ao meu irmán e a min a ver a nosa habitación vimos que había dúas camas. Preguntámonos quen máis viría durmir alí porque nunca tiveramos unha cama para cada un. Eu sempre durmira coa miña avoa. Pola noite non conseguiamos prender o sono e metímonos os dous xuntos na mesma cama".

Lembra que "moito botaba de menos a avoa", pero o que máis pena lle dá é que "aínda o pasou peor ela. Leváronlle o seu neno. Entendía que era lei de vida, que eu tiña que estar cos meus pais, pero foi como se lle quitaran un fillo. Ela nunca mo dixo, pero contáronmo os veciños".

José Luis Montero botou máis de 30 anos en Londres e só volveu algunha vez de vacacións. "Vin ver a avoa pouco antes de morrer, no 72, e despois para o funeral". A súa é a historia de miles de galegos e emociona o orgullo co que fala "desas avoas tan humildes que facían un traballo extraordinario, porque criaban a toda a familia cun cariño impresionante, sen un mal xesto nin unha mala palabra".

Dende o Sahara

Josefa Miragaya tamén ten familia fóra, no Sáhara. De alí chegaron durante sete veráns seguidos uns nenos que lle roubaron o corazón. Coidounos coma unha nai mentres estiveron con ela e segue preocupándose por eles coma dos netos cando marchan da casa.

Josefa e o seu home, José Antonio, participan como familia de acollida no programa Vacacións en Paz, que trae cada ano a Lugo nenos procedentes dos campos de refuxiados saharauis. "O primeiro ano veu unha nena, o segundo ano trouxo un irmán e o terceiro xa viñeron tres". En total, foron sete veráns compartidos con Jaula, Aziz e Abdalá e serían máis se a pandemia non interrompese o programa.

"Non temos netos, pero si unha filla, sobriños e fillos de sobriños. Sei o que é criar nenos e a estes quérolles coma se foran netos, tanto ou máis que se foran da familia", afirma Josefa Miragaya.

Comezaron co programa "cando José Antonio se xubilou", por iso se consideran avós, pero actuaron coma pais e os nenos compensáronos con cariño e confianza. "Falo con eles cada semana e quixera que esa relación se mantivera con nós e coa miña filla no futuro. Quixera que cando medren teñan en nós un apoio, alguén a quen pedir axuda ou consello".

Josefa explica que Jaula, Aziz e Abdalá son da casa. "Cando lles compro algo non é un regalo, é o que fai falta na casa, como faría coa miña filla".

Non sabe cando se retomará o programa de Vacacións en Paz nin se poderá participar nas vindeiras edicións, pero insiste en que "eses nenos van ser para nós sempre coma os netos. Non hai día que non falemos deles".

Josefa e José Antonio tiveron a oportunidade de visitalos no Sáhara. "Pasei unha semana alí. Non imaxinas como é aquilo ata que chegas e o ves. Teñen pouco de todo, só area e pedras. É moi duro, sobre todo pensar que vai ser para sempre".

Destaca que son xente "moi familiar, aprezan moito aos seus. Aquí están moi contentos, pero de vacacións, e cando rematan tamén marchan encantados". Esa é a satisfacción que axuda a sobrelevar a distancia.

Acollida

Quen tamén vai gañando familia cada día é Pepe Barreira, un dos impulsores de Fogares Lar, unha casa de acollida de Muimenta. Xunto a outras catro persoas, xestiona un fogar para menores tutelados. Levan case 32 anos traballando con rapaces, facendo de pais, de nais e "nalgúns casos xa somos avós", apunta.

"Realizamos o labor de coidado propio dos pais. Roupa, tarefas, saúde, acompañamento... pero non os suplimos. Sempre lles insistimos en que os seus pais os bqueren, aínda que nalgúns casos non saiban facelo".

Casa de acollidaO tempo que os rapaces pasan na casa de acollida ata que poden volver coa súa familia ou van con outra é suficiente como para establecer "vínculos de por vida". Pepe Barreiro lembra que "cando marcharon os primeiros foi sangrante. Tivemos que pararnos a pensar e marcar uns límites, mentalizarnos de que o bo é que os rapaces poidan irse, non que queden con nós para sempre".

Cando os nenos deixan o fogar de acollida de Muimenta é porque se dan as condicións necesariaspara que volten coas súas familias, coa cercana ou a extensa, con outras de acollemento prolongado ou con adoptivas. Tamén pode ser que se independicen por ter alcanzado a idade para iso.

Este educador afirma que a experiencia é "moi boa e bonita, pero tamén moi dura. Tratamos coa vida e os sentimentos dos rapaces e hai momentos moi difíciles. Tamén grandes satisfaccións, sobre todo cando axudas a encamiñar a vida dunha persoa".

Este educador explica que "no primeiro momento a entrada é negativa porque os separan das súas familias e nós somos os inimigos, pero cando se estabilizan o que reclaman os rapaces é quedar máis tempo. Queren un sitio estable no que vivir".

Nestes momentos conviven con nove rapaces. "O máis pequeno ten ano e medio, pero chegou cando tiña un mes, e o maior ten 19". Pepe Barreira explica que o límite de 18 anos para as casas de acollida "é administrativo, non se pode cumprir na práctica. Botalo sería como poñer un fillo na rúa cando cumpre os 18 anos. Teñen unha dependencia da casa, necesidades económicas e afectivas, como calquera rapaz desa idade, non se poden independizar sen máis".

Manterse á marxe dos sentimentos é imposible. "Cada historia é distinta e dá para escribir un libro", conta Pepe Barreira.

A vida destas nais e pais suplentes tamén daría para moitas páxinas. Merecen celebrar o día de mañá e cada un das súas vidas.

Nai pode haber máis dunha
Comentarios