Luz Pozo recibe unha homenaxe no seu 95 aniversario pola súa "beleza"

O mundo das letras outorgalle á poetisa ribadense un caluroso recoñecemento coa lectura de parte da súa obra
A RAG celebrou unha homenaxe literaria e musical a Luz Pozo Garza no seu 95 aniversario
photo_camera A RAG celebrou unha homenaxe literaria e musical a Luz Pozo Garza no seu 95 aniversario

Máis dun centenar de persoas renderon este venres homenaxe á poetisa Luz Pozo Garza, da que lembraron a súa autenticidade, elegancia e beleza con motivo do seu aniversario número 95.

Pozo Garza (Ribadeo, Lugo, 1922) é a decana dos poetas galegos en activo e, tras oito décadas de creación de versos, a Real Academia Galega (RAG) acolleu este venres un acto para homenaxear a esta académica desde 1950 que á marxe da súa faceta literaria, dirixiu revistas e foi profesora de secundaria.

Pertence á Promoción de Ligazón, situada entre a xeración do 36 e os poetas da primeira posguerra, e escribe en galego desde mediados da década de 1970, un traballo que non terminou, pois o ano pasado publicou Rosa Tántrica e agora traballa en Pazo de Tor.

Ao longo da súa traxectoria publicou dezaseis poemarios, coa maioría en galego, pero tamén un bilingüe e varios en castelán.

O presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, incidiu na "autenticidade, elegancia e beleza" dunha autora que "pon todo en fermosas palabras nas que ás veces un verso explica o mundo".

Xesús Alonso Montero, anterior presidente da Academia, subliñou na súa intervención que Luz Pozo é "unha poetisa do amor con maiúsculas".

"Na súa extensa e dilatada obra poética, Luz constrúe, esencialmente, un peculiar universo amoroso que, dunha maneira ou doutra, sempre ten que ver con ela ou sempre aborda as súas experiencias, fantasías ou recordos amorosos", comentou.

Claudio Rodríguez Fer destacou a "luminosidade carnal e espiritual dun poeta metade erótica e metade mística", como é a decana dos literatos galegos.

"Ten unha poética simbolista da totalidade, astralmente expresada no título radiante da súa poesía galega reunida: Memoria solar", engadiu.

A propia Luz Pozo Garza ao final do acto agradeceu o traballo da Academia, pois se preguntou que sería dela se esta institución non a acollese "con tanto amor e agarimo".

"Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas, porque a través dela interpretamos o mundo, o pensamento. Galicia acolleume con este agarimo da Academia e xa son de Rosalía", concluíu.

Durante a homenaxe, que contou con música clásica en directo, recitaron poemas seus Marilar Aleixandre, Xosé Luís Franco Grande, Manuel Rivas, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Patiño, Yolanda Castaño e Olga Novo, nun acto dirixido pola súa editora literaria, Olivia Rodríguez, que substituíu na lectura ao académico Salvador García-Bodaño, cuxa saúde non lle permitiu acudir á homenaxe.

Todos os textos e comentarios deste venres están recollidos nun volume editado pola RAG con motivo destes aniversarios da poetisa lucense.

Comentarios