Luis Tosar volverá a Lugo para rodar unha superprodución de romanos

O actor será un xeneral en ‘'Galaicus'’, un proxecto de 2012 que se filmará o ano que vén
Farruco Castromán, Rubén Riós e Luis Tosar, na presentación da película en 2012
photo_camera Farruco Castromán, Rubén Riós e Luis Tosar, na presentación da película en 2012

O actor lucense Luis Tosar será un xeneral romano que combaterá os castrexos en ‘Galaicus’, unha superprodución que se rodará o ano que vén parcialmente en Lugo.

Tosar é tamén coprodutor deste peplum xunto con Farruco Castromán, director da empresa galega ZircoZine. O proxecto fora anunciado para a primavera do 2012, contando daquela cun orzamento duns 4 millóns de euros.

O elevado presuposto motivou onte o encontro de Farruco Castromán co delegado provincial de Cultura de Lugo, Xosé Ferreiro. Ambos os dous acordaron que a Deputación lucense achegará 51.000 euros nun convenio plurianual.

O filme conta a historia de amor entre un comandante romano e unha raíña celta que vive en Gallaecia. Está ambientada no ano 137 a. C., na chegada a Gallaecia do procónsul Décimo Xunio Bruto Galaico, personaxe que encarnará Luis Tosar.

A área provincial de Cultura achega 51.000 euros a un presuposto estimado en 4 millóns orixinalmente 


A presenza dos romanos sáldase cunha batalla contra os galaicos na que morre o príncipe galaico Vetilo. Cando a súa viúva reclama o seu corpo, tanto o comandante como o procónsul namóranse dela e conflito amoroso resólvese tamén a golpe de espada cando Máximo se converte en líder dos guerreiros galaicos e se enfronta ao poder de Roma.

Cando se presentara o proxecto, Luis Tosar indicara que "a pretensión é retratar unha época cuns feitos reais, onde a historia prevalece". Para iso, ZircoZine garantira o rigor histórico do proxecto consultnando con investigadores da Universidad Complutense de Madrid e da Universidade de Santiago de Compostela, así como asociacións Civitas Limicorum, de Xinzo de Limia, e Arde Lucus, de Lugo.

A idea orixinal foi escrita polo actor e realizador Rubén Riós no ano 2009. "Cando dei un pregón en Xinzo de Limia invitáronme a cear e entrei nun campamento base, que nunca vira; cheguei a casa e empecei a escribir esa pequena idea que ía ser a miña terceira curtametraxe".

A película narra a historia de amor entre un comandante romano e unha raíña celta no ano 137 antes de Cristo

"Non é unha película que se podería considerar cine de autor", senón que se trata dunha "película máis ambiciosa nese sentido", e que aborda "un período da nosa historia que foi determinante, no que chocaban dúas culturas que teñen que ver connosco", sinalara daquela o intérprete lucense.


Daquela, Farruco Castromán explicara que se "trata da primeira superprodución galega ambientada no conflito entre os romanos e os pobos galaicos".

FOMENTO. O delegado de Cultura, Xosé Ferreiro, considerou onte que "este filme está chamado a facer historia no noso audiovisual, polo orzamento necesario para a recreación da época e das batallas" e por recrear ese momento histórico. Engadiu que o apoio da Área de Cultura a este proxecto busca "conseguir que a provincia de Lugo e os seus enclaves naturais e paisaxísticos se coñezan e sexan protagonistas nos filmes galegos».

A película completarase coa edición dun cómic e a realización dun documental didáctico.

Comentarios