Pies: ¿Horror o pasión?

(Foto: Pepe Ferrín/ AGN)


Comezou o verán e o calor abafante fai que medites deixar de usar zapatillas, deportivas, mocasíns ou bailarinas e te decidas polas sandalias, pero xusto nese intre é cando un alien sobresae do teu dedo meñique e blasfemas sobre o día no que as botas de inverno che fixeron un calo de tal magnitude. Observas o teu talón que non se sabe se é pel ou o deserto do Sáhara das gretas que che saíron, por non falar das unllas, que parecen cortadas por un carniceiro. Unha vez superado o trauma, toca decidir que tipo de calzado poñer, se ir ao podólogo ou se facer a manicura francesa nos pés: a burocracia estética comeza a amorearse na túa cabeza.

Tormentos...¿doces?
Unha das opcións para poñer con saias, shorts ou vestidos son esas sandalias cunha agulla de vértigo. Os tacóns están considerados os fetiches da elegancia e o estilo. Porén, para o membro do colexio oficial de podólogos de Galicia, Borja Pérez Serrano, esta non é a opción máis adecuada, pois “un abuso de tacón moi altos altera o centro de gravidade do corpo e provoca non só problemas no pé senón tamén nas costas”. Ao fío disto, o especialista engade que “hai que distinguir uso de abuso. Usar este tipo de tacón nun intre puntual non é un problema, pois o mecanismo de compensación do corpo aguantaríao”. Unha boa alternativa aos tacóns son as cuñas, que se puxeron moi de moda nos últimos veráns. Para Pérez “unha altura razonable, duns 4 centímetros non é perxudicial, pola contra, é beneficiosa”. Canto ás sandalias planas “son tentadoras pola falsa aparencia de comodidade pero o pé sofre, pois non amortiguan nada nin facilitan a propulsión da marcha” explica Pérez. Sobre o estilo, o especialista recomenda usar sandalias coa “suxeción apropiada”, pero con tiras que “non compriman o pé” para evitar ampolas e rozaduras.

Os homes tamén se decantan cada vez máis polo uso de sandalia. O estilo que reina é o das tiras anchas de coiro e manda a sinxeleza en tonos negro e marrón. O seu uso é recomedable, pois evitan a suoración excesiva do pé e a aparición de fungos. Para Pérez “a sandalia de home é menos conflitiva porque xa adoita ter máis suxeción”. O experto desaconsella, en calquera caso, “o uso de sandalias con tira para meter o dedo gordo, pois dan unha falsa sensación de liberdade no pé, pero en realidade o esforzo que ten que facer a extremidade adoita provocar sobrecargas”. (Foto: Pepe Ferrín/ AGN)

 

¿Que facer cos aliens?
Observas con mirada fulminante esa protuberancia que che saíu nun dedo e éntrache a ira homicida de coller unha coitela e rebanala. Calma. O mellor que podes facer é pedir cita cun especialista. Pérez explica que os calos e as durezas “non adoitan ser do zapato en si, adoita ser consecuencia dun mal apoio ou de alteracións óseas”. Canto ao deserto do talón, o experto recomenda para isto a “hidratación diaria, pero non con cremas normais, senón con cremas específicas para pés, que están deseñadas para a pel grosa da planta”.

En relación a esa ampola horrible que che saíu (si, xa sabes que é porque usaches unha sandalia pouco adecuada para percorrer media cidade), solta a agulla que tes en ristre. Pinchalas na casa pode provocar infeccións e aínda que no momento a presión que provoca o líquido é molesta, nun par de días nin lembrarás que a tés.

 

¿Decorar os pés?
Unha posibilidade de lucir un pé orixinal é poñer unha tatuaxe. Pode que te sintas tentado a facela no verán. Porén, a tatuadora Cristina Luque explica que non é unha boa época para poñela, pois “a auga do mar, a da piscina e a area fan que as tatuaxes non cicatricen ben e o calor de máis de trinta graos é moi perxudicial”. Se es unha incauta e xa a fixeches neste tempo, Luque aconsella “camiñar pouco durante a primeira semana e usar chanclas”. A tatuadora afirma que “é unha zona habitual aínda que non é precisamente das que menos doen porque no pé hai moitas terminacións nerviosas”. Segundo Luque, quen máis se tatúa os pés son as “mulleres e habitualmente motivos florais ou iniciais”.

A maior eiva das tatuaxes é a súa condición de permanencia, polo que unha opción a ter en conta é a henna. A henna é un produto que se aplica sobre a pel sen necesidade de agullas, senón que se elabora como un debuxo e queda sobre a dermis entre dúas e tres semanas, dependendo da atención que se lle preste.

Claro que por moito que decores a pel do pé, esas unllas estilo mexillón non semellan boa idea. Invirte en saúde e achégate a un podólogo para que chas corte correctamente e logo pásate por un salón de beleza a que che boten un esmalte ou che fagan algún ornamento bonito.

 

 

Os pés como fetiche
Hai costumes “raras”. Hai a quen lle resultan eróticos uns beizos e hai quen prefire uns pés... A fin de contas, na diversidade está o gusto. A cultura que liderou a fascinación polos pés foi a chinesa. Para os homes resultaban moi atractivos os pés pequenos e por iso as nais humedecían e vendaban os pés das súas fillas cos catro dedos pequenos dobrados cara adentro que co paso do tempo remataban fracturándose. Na seguinte fase, doblábase o talón cara a planta e así o empeine quedaba arqueado en forma de media lúa e conseguíase o coñecido como pé de loto. Ademais, ter os pés de loto implicaba que unha familia podía permitirse manter unha filla sen traballar, por iso era habitualmente a aristocracia a que aplicaba esta práctica. O pé loto de ouro debía medir uns 7 centímetros, o loto de prata entre sete e dez, e o pé de ferro sería o de máis de dez. Así os homes elexían ás súas futuras mulleres en función do tamaño do seu pé, canto máis pequeno, mellor.

Segundo o dicionario, a podofilia sería a paixón erótica ou excitación sexual polos pés. O director de cine, Quentin Tarantino sería todo un paradigma desta afección. Pulp Fiction, Kill Bill ou Jackie Brown, coas adornadas extremidades inferiores de Bridget Fonda serían algúns exemplos. Aínda que o éxtase de calquera podólatra exprésase en Aberto ata o Mencer na secuencia na que unha exhuberante Salma Hayek baila unha erótica danza con serpe incluída. A plasmación gráfica da podofilia levouna a cabo o fotógrafo Elmer Batters nas súas fotos eróticas, onde pés, medias e tacóns son os protagonistas. Actualmente existen webs especializadas neste tipo de gustos sexuais.

 En definitiva, cando chega o verán podedes sentirvos acomplexados e acomplexadas polas vosas extremidades inferiores, pero unha boa sesión de chapa e pintura e unha elección de sandalias axeitada fará que vos sintades moito mellor e camiñedes máis optimamente. Mesmo que vos sintades tan atractivos como a Hayek bailando coa serpe... Xa sabedes, nos pés está o segredo.

(Foto: Pepe Ferrín/ AGN)

Comentarios