Lara

LARA OÍA un murmurio ao lonxe. As ondas do mar rompían unha tras outra, preto da beira, provocando que ese son característico da espuma se oíse de fondo, resoando, en forma de eco harmonioso, contra as rochas dos acantilados. Era fermoso. Como fermoso era o día que facía. O sol, desbordante de calor, dáballe de cheo na cara, iluminando as súas faccións. Aquelas meixelas engurradas que pasaran por tanto, agradecían sentir como os radiantes raios de luz se pousaban sobre elas.

Oxalá durase máis o verán, pensou con agarimo. Pero Lara ben sabía que era efémero e non quedaba máis remedio que desfrutar de cada momento mentres durase. A dicir verdade, todo era efémero. Mesmo ela. Porque aínda que as palabras dos médicos instasen á esperanza e a unha posible recuperación inminente, cada vez vía máis minguadas as súas forzas. Sentía como a vida se lle escorría entre os dedos mansamente, paseniño, sen que puidese facer nada por evitalo. Notaba diferenzas a cada día que pasaba. Apenas comía e o cristal do espello mostráballe a delgadeza dun aspecto desmellorado. Concedía, por iso, o valor xusto a estas afirmacións. Comprendía que por moi consoladoras que resultasen, non podían mudar os feitos e que confiar demasiado na esperanza, traía decepcións eludíbeis.

Pero; aínda así, naquel intre, unha inusitada ledicia xurdiu dela, facendo así como de paraugas no medio dunha azorada tormenta.

Claro que a tea cedería, e faríase anacos pola ferocidade da choiva, pero mentres tanto... 

Camiñou, lixeiramente encorvada, despazo, cravando a mirada cara o horizonte, cheo de gaivotas, que grallaban sucando o ceo, axitando sen cese as súas ás, dunha brillante plumaxe cor nube de prata. Pensou en todo o perdido. O tempo que debería haber discorrido con amigos, familiares... no canto de ser malgastado. Crían ocultar ben a súa preocupación por ela, nada máis afastado á realidade.

Preguntouse seriamente se lle houberan deixado ir á praia soa. Dubidábao. Era evidente que tiñan un pánico tremendo a que caese.

Ela non. Quizais xa poucas cousas podían asustar a un despois de asumir que a morte estaba preto. Apoiábase nun bastón de madeira de abeto, descortizado por algunhas partes, que se afundía entre os finos graos dunha miúda area húmida. A pesar de que pasara moito tempo diso, recordou o rostro risoño e pálido do seu pai co mesmo bastón, sorríndolle nostálxico na distancia.

Recuou uns pasos para procurar que a salgada auga mariña que se disipaba, próxima, non chegara a rozar os seus pés descalzos. A marea estaba subindo cada vez máis, a medida que transcorría lentamente a mañanciña e se aproximaba o comezar do mediodía. A praia estaba practicamente deserta a esas horas, case baleira. De todos modos, iso non sorprendía a ninguén. Se non fose así, perdería gran parte da súa engaiolante beleza e feiticeiro encanto, que residían precisamente na súa tranquilidade.

Fulgor, alegría, viveza, calma, luz, auga, sosego... Iso era o que rezumaba e se respiraba naquel lugar irreal; e tamén foi a derradeira imaxe que contemplaron eses perspicaces, imaxinativos e brillantes ollos azuis; feitos de estrelas, recordos e lembranzas xunto a area; pero sobre todo, de brúxulas con agullas douradas apuntando ao norte, onde seu pai capturara xurelos, lampreas... antes de pecharse e perderse nunha infinita e nebulosa negrura pantasmal para sempre.

Sara Méndez Seijo 

Comentarios