Lalín acollerá o 4 e 5 de maio a Festa do Orgullo con actividades culturais e festivas

A iniciativa quere converter a "capital do Deza na capital galega da tolerancia"

Celebración do Orgullo en Lalín en 2017. DP
photo_camera Celebración do Orgullo en Lalín en 2017. DP

Lalín acollerá o 4 e o 5 de maio a terceira edición da Festa do Orgullo, con actividades culturais, festivas e educativas, a favor da tolerancia, a integración e a diversidade. Casa Museo Casares Quiroga da Coruña acolleu este sábado a presentación do evento, que organiza o Concello de Lalín e que converte á "capital do Deza na capital galega da tolerancia", co obxectivo de "romper tabús ao amparo da bandeira multicolor".

Así se pronunciou a concelleira Celia Alonso, que estivo acompañada na presentación polo pregoeiro, Alfonso Hermida, o artista Enfant Belo e membros dos colectivos LGTBI coruñeses, 7 Cores, Alas Coruña e Comité Antisida Coruña, que colaboran coa iniciativa.

A lema da celebración volverá ser Orgullo de ser o que é, aquí tamén, mediante o que "se reivindica" desde o "pequeno e rural municipio, no centro xeográfico de Galicia, que todo o mundo ten que estar orgulloso de ser como é e non precisa marchar para ser o que el sente ou quere ser", en palabras de Celia Alonso.

Unha lema que tamén fai referencia á "necesidade de traballar polo respecto e a plena integración da diversidade afectivo-sexual na sociedade, buscando un marco seguro e estable e unha convivencia rica e plenamente integradora". Coa Festa do Orgullo, Lalín sitúase así como un municipio "progresista, igualitario e responsable, que quere ser a punta de lanza na defensa dos dereitos do colectivo LGTBI", e que máis aló das actividades festivas programa iniciativas educativas en colexios e institutos para "educar na aceptación da diversidade".

PROGRAMA DE ACTIVIDADES. O programa de actividades iniciarase o venres 4 de maio coa celebración no salón teatro do III Seminario de educación afectivo sexual dirixido a mozas dos centros educativos galegos, e o Seminario de sexualidade Quererme ben para querer mellor, no museo.

O sábado desenvolveranse os Contos pola igualdade, a master class de zumba e o partido de rugby Faille unha placaxe á homofobia, entre outras iniciativas. No ámbito da formación participará a xornalista da Cadea Ser Celia Blanco, a psicóloga Martina González, a xornalista Eva Mejuto e o activista LGTBI Marcos Ceive. En canto ao ámbito festivo, o espectáculo terá lugar na praza da Igrexa.

O pregoeiro da festa, o xornalista Alfonso Hermida, convidou a todos os galegos a acudir a Lalín para participar nun evento de enorme relevancia pola "importancia de romper fronteiras a favor da igualdade e a diversidade", que sitúa á localidade como un concello "de referencia na loita a favor da igualdade".

Comentarios