martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

Julián Hernández: "O paso á democracia viviuse a hostias"

Julián Hernández. EP
Julián Hernández. EP

Con 18 anos, tocoulle pasar en Madrid todo o cambio político e social que floreceu despois da morte de Franco

SINIESTRO TOTAL foi un dos grupos punk rock máis emblemáticos da Movida viguesa. Fundouse no ano 1981, aínda que tres anos antes, un dos seus creadores —Julián Hernández (1960)— instalárase en Madrid para estudar a carreira na universidade e no conservatorio. Alí puido vivir en primeira persoa como cambiaba a sociedade española, que acababa de saír dunha longa dictadura, e como se encamiñaba cara a democracia.

A que se adicaba vostede no ano 1978?
A estudar. Facía Filoloxía Hispánica e tamén estaba no conservatorio, aínda que despois a filoloxía tivo que ser aparcada en favor da música.

Naquel ano estaba en Madrid, non?
Si, cheguei dous anos despois da morte do militar de alta graduación orixinario do Ferrol [risas]. Non tiña outra, porque o conservatorio de Vigo non tiña o grao superior e eu quería facer Filoloxía e estudar no conservatorio ao mesmo tempo —cousa que despois non foi posible—. Daquela, Madrid era un sitio raro. Despois da morte deste ‘carallo’ había manifestacións de moitos milleiros de persoas. Agora, cando din cousas como que Vox convoca a 2.000 persoas, eu penso «menuda merda». Porque daquela era tremedo.

E como lembra que se viviu o paso da dictadura á democracia en Madrid?
Pois a hostias! Nas facultades había comandos estudantiles a cadeazos, todo Dios cantando o Cara el sol e cousas así. Pero iso cambiou moito co golpe de estado do 1981. Pero antes foron tres anos de moitas hostias, e incluso mortos, como na matanza dos avogados de Atocha. En Madrid estaba a cousa fodida.

"Os partidos enganáronnos para que votásemos unha constitución monárquica"

Había moita diferencia con respecto á transición en Galicia?
En Galicia foi todo máis tranquilo, porque polo menos non había estes comandos de guerrilleiros de Cristo Rei [risas]. Non parecía que Galicia se estivera tan de ‘mal rollo’ como en Madrid, porque alí tiñan todo ao lado, o marrón dos partidos políticos falanxistas ou o tema das universidades, que estaban moi politizadas. Ata que chegou o intento de golpe de estado do 81, co que moita xente marchou a Portugal.

Como viviu o adianto da maioría de idade dos 21 anos aos 18?
[Risas] Non o recordo moi ben. Eu tiña preocupacións máis bestas, como o rock ‘n roll ou foder, que era o que facía a xente normal con 18 anos [de novo ri].

Refírome ao adianto dende o punto de vista da votación do referendo do 78, que se ampliou para que máis xente fose votar.
Si, foi un pouco un truco. A consigna do Partido Comunista, por exemplo, foi votar 'si', porque a promesa era cambiar a Constitución en breve, cousa que non foi certa, foi todo mentira e un timo. O Partido Comunista, o socialista e así querían enganr á xente nova para que foran votar unha constitución monárquica 

Vostede votou no referendo?
Eu vivía en Madrid, pero estaba empadroado en Vigo. Creo lembrar que intentei votar por correo, pero non me lembro se o conseguín ou non. Creo que si, pero fora moi complicado. Daquela era tremendo. Si que é certo que a violencia nas rúas de Madrid fixo que o Partido Comunista votara a favor con aquela falsa promesa. Evidentemente, ese partido desapareceu practicamente do mapa. Eu, na miña habitación do colexio maior tiña un cartel no que poñía "Galicia tense que facer escoitar, vota en branco"... Era todo moi complicado.

Logo vostede votou en branco?
Penso que votei que si, pero non o teño moi claro. En Madrid as cousas non estaban tan claras como votar en branco, votar non ou non votar. Había que votar ‘si’ —si ou si—, porque a violencia era moitísima. Colegas e amigos, e incluso eu, andabamos a hostia limpa.

Imaxino que a política daquela época distaba moito da actual. Cales cre que eran as principais diferenzas?
Non o teño moi claro. Eu sempre fun unha especie de anarquista e non creo na humanidade [risas]. Pero creo que os partidos tiveron moi claro un sistema bipartidista perfectamente deseñado. O partido socialista pasou polo aro, e tamén desapareceu o PCE, que podía ter aportado algo máis de equilibrio. Pero en fin, foron desaparecendo os partidos comunistas de Europa.

Cre que a xente nova daquela época se implicaba máis na política que a de hoxe?
Si e non, porque na facultade de Filoloxía na que eu estudei había moita xente ao marxe. Tamén estaban os comunistas, que tiña unha implantación enorme, e os anarquistas, e despois un montón de xente moi nova que non tiña o máis mínimo interese e que nos dicían que eran de UCD, e que ademais tiñan pinta de ser dese partido.

Imaxino que a cultura pasaría por uns anos de maior liberdade e de gran creatividade despois da dictadura.
Máis ou menos. Eses anos foron unha liberación tras un tempo gris e aburrido, pero tampouco foi como unha explosión. Sei que había moita historia ‘underground’ no Rastro de Madrid: fancines, música, copias piratas de discos que chegaban de fóra e cousas así. Si é certo que había certa expansión cultural, pero a cousa non ía moito máis alá do ‘underground’.

 

Julián Hernández: "O paso á democracia viviuse a hostias"
Comentarios