Julia Otero ve "tempos interesantes para as mulleres" ao recibir o premio José Couso

A xornalista recolle o galardón que premia a Liberdade de Prensa e advirte da "espectacularización da información"

Julia Otero posa con familiares de José Couso. KIKO DELGADO (EFE)
photo_camera Julia Otero posa con familiares de José Couso. KIKO DELGADO (EFE)

A xornalista Julia Otero, que este xoves recolleu en Ferrol o XIV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, asegurou que corren "tempos interesantes para as mulleres", pero tamén alertou, en torno ao xornalismo, sobre un "mundo da espectacularización da información". Nunha recepción institucional no Concello ferrolán, admitiu que os actuais non son "demasiados bos tempos" para as liberdades. "Moi ben non estamos. A verdade parece interesar menos; o mundo avanza nun sentido preocupante", declarou.

Julia Otero firma en el libro de honor de Ferrol. KIKO DELGADO (EFE)A comunicadora lucense considerou que se poden "gañar eleccións contra a verdade", en alusión ao presidente estadounidense Donald Trump, e sinalou que se vive un período "en contra das liberdades". Deste xeito, advertiu do auxe de "opcións xenófobas" en países europeos, ofrecendo como antídoto "a formación e a educación, é o camiño máis curto". Para a condutora de Julia en la Onda, en Onda Cero, "a cidadanía debe tomar" o protagonismo neste contexto histórico.

Preguntada polo feito de que sexa a terceira muller que gaña o Premio José Couso, que acumula xa catorce edicións, Otero falou "dunha boa noticia", pero estimou que tres "de catorce non son moitas; un 20%, no Ibex estamos peor".

Sobre as reivindicacións femininas, observou que parecía "que estabamos anestesiados", enxalzando as protestas deste colectivo e dos pensionistas. "Tomaron as rúas pacíficamente. O hartazgo é de tal calibre que está a soar atronador", dixo a xornalista.

Segundo a informadora de Monforte de Lemos, que pronunciou boa parte da súa intervención en lingua galega, "a cuarta onda do feminismo chegou", indicando que no xornalismo "somos máis da metade". A este respecto, subliñou que empeza "a tocar que haxa postos de responsabilidade nos medios" que sexan asumidos por mulleres.

Lembrou as súas orixes e destacou que os seus pais, "cando chegaron a Barcelona, deixaron de falarme en galego", avogando por que aprendese "catalán e castelán".

"Pensei que era unha broma", matizou sobre o momento en que coñeceu que obtivera o Premio José Couso, e dixo que sentiu "sorpresa e enorme responsabilidade". Do cámara ferrolán, falecido en 2003 durante a guerra de Iraq, dixo que atesoura "un nome e un apelido potentes" e que se preguntou por que mereceu tal distinción.

Ao seu xuízo, "compromete" porque foi votado "polos teus colegas" de oficio. "Moralmente, esixe unha posición diante dun micrófono; espero honrar a memoria de José Couso", concluíu.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, que presidiu a recepción, referiu o seu "orgullo" pola elección de Julia Otero como premiada, reclamando "xustiza e reparación" para Couso e "apoio aos familiares". O rexedor agregou sobre a xornalista que co simple feito de "escoitala parece que estamos a tocar a radio". Ao seu entender, mantivo ao longo da súa traxectoria "independencia, criterio e obxectividade sen estar ao servizo de ningún interese".

Finalizado o acto, a xornalista acudiu ao Cantón de Molíns, onde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, promotores do galardón, organizaron o evento anual polo Día da Liberdade de Prensa ante o monumento Ás ceibes.

A xornalista ferrolá Marta Corral leu un manifesto, que aplaudiu de forma especial o traballo feminino nos medios de comunicación. A premiada recolleu posteriormente a súa distinción no Teatro Jofre.

Comentarios