lunes. 28.09.2020 |
El tiempo
lunes. 28.09.2020
El tiempo

JUAN FUENTES LOIRA, PRESENTADOR

Juan Fuentes presenta 'Negocios de familia': "Son auténticos heroes nos tempos que corren"

Juan Fuentes Loira (Santiago, 1980), no programa que se estrea este martes. EP
Juan Fuentes Loira (Santiago, 1980), no programa que se estrea este martes. EP
O popular rostro da TVG inaugura este martes ás 22.00 horas 'Negocios de familia', un novidoso programa producido por Zenit e Grupo El Progreso no que, cada semana, dúas pequenas empresas pugnarán por un premio económico e por mellorar mentres o público se divirte

¿Con que se vai atopar a audiencia na noite deste martes na TVG? Cun concurso no que compiten empresas familiares, como as que vemos todos os días na rúa, para demostrar quen ten o mellor negocio. Trátase dun formato diferente, novidoso, no que se calificarán distintos parámetros como a atención ao cliente, a organización, a xestión, a comunicación, o futuro ou a traxectoria. Pero non só chega con ter a mellor empresa, senón que hai que demostrar actitude, xogo, show, sincerade e humor no plató.

Un programa para familias onde os protagonistas son tamén familias... unha fórmula de tanta proximidade ten moitas papeletas de triunfar, ademais tendo en conta a cantidade de pequenos negocios que hai en Galicia.
A feira contarémola a volta da feira (ri). Xa veremos se ten éxito ou non, pero o que é importante é que tratamos con empresas familiares, que como ben dis, son o 90% das que hai en Galicia, crean o 86% da nosa riqueza e o 85% do emprego. Son xente coma todos nós, auténticos heroes nos tempos que estamos pasando. Todos sabemos o difícil que é loitar agora por un traballo, máis aínda se toda unha familia depende dun negocio, ben sexa unha carpintería, un bar ou unha mercería. Eu quixera que todos nos vísemos identificados con eles.

Hai un premio económico de 1.500 euros para o gañador, pero tamén consellos de expertos para mellorar os negocios. ¿Serán unha especie de Chicote dos negocios?
Si, aínda que máis que Chicote se asemella a un talent show, cun xurado nas súas cadeiras que, ademais de avaliar, vai transmitir uns consellos e poñer uns retos. É unha aprendizaxe para as empresas e tamén un recoñecemento, xa que nós traballamos cos mellores negocios e sair no programa é un certificado de calidade.

"Hai que velo porque vai ser un programón moi divertido e os negocios familiares merecen que atendamos ao que fan"

¿Que aspectos valorará o xurado?
Como dicía antes, avaliaranse distintos parámetros como a atención ao cliente, a organización ou a traxectoria. Pero non só basta con iso. É moi importante a actitude. Pode vir alguén que leve un hotel e fale seis idiomas pero no programa pode ter que vender unha tanga ou unha caixa de preservativos, e terá que convencer ao xurado. Se lles porá en situacións nas que se teñen que superar a si mesmos. ¡Ah! E o máis importante: saber encaixar as críticas.

¿Quen formará o xurado e como serán as votacións?
Haberá asesores e xestores empresariais e empresarios que se sentarán xunto a Isi ou Pepo Suevos, porque show e humor vai haber bastante. Se puntuarán con entre cero e cinco estrelas distintos apartados, como atención ao cliente, organización e xestión da empresa e o balance económico puro. Por outra parte se valorará a habilidade de venda con probas en plató ou a capacidade de autocrítica. Os membros do xurado son libres para puntuar o que consideren.

¿Tamén coñeceremos os negocios por dentro?
Si. Case nun tercio do programa metémonos dentro dos negocios e avaliaremos ata o mínimo detalle. Iremos cunha lupa e poden ter todo moi limpo, que atoparemos aquela mota de polvo para poder tirarlle das orellas.

¿O programa podería ser mesmo un aliciente para posibles emprendedores en tempos de pandemia ou axudar a outros que xa o son?
Por suposto, e cun si rotundo. O programa, ademais de facer entreter, rir e traer a emoción de quen gaña, é para aprender. Tanto os participantes como os que están na casa, que sacarán moitos aprendizaxes para os seus negocios. Ademais, ten que ser un canto á esperanza, unha homenaxe a estos loitadores que pasaron os seus peores momentos este ano. Imos empatizar todos.

Este martes enfróntanse a ecotenda Traloagro de Friol coa pulpería Roberto do Carballiño. Ademais de tradicionais non poderían ser máis típicos das súas zonas eses negocios.
Si. Neste primeiro programa temos a tradición a exame, cunhas pulpeiras de toda a vida pero reinventadas pola covid, e cunha ecotenda que é tamén de toda a vida pero cunha volta á modernidade.

A título persoal, ¿qué lle supón presentar un espazo tan novidoso como Negocios de Familia?
Pois foi unha alegría brutal que me chamasen, sobre todo porque tiña ganas de voltar as noites e con algo diferente. E volver á guerra nun plató 90 minutos e encántame.

Diga tres motivos para sintonizar a TVG este martes ás 22.00 horas.
O primeiro, porque van ver un programón diferente no que hai que estar pendente de todo para ver o que pasa ao final; segundo, porque as empresas familiares merecen que estemos atendendo ao seu traballo e os problemas que teñen que afrontar a diario, e terceiro, porque nos tempos que corren hai que pasalo ben, hai que rir.. e con nós, iso está garantido.

Juan Fuentes presenta 'Negocios de familia': "Son auténticos heroes...
Comentarios