José Ramón García: ''Na nosa fábrica de Santiago chegamos a producir ata 3.000 televisións diarias''

“Eu a día de hoxe, aínda que lle agradezo que me vexa como un modelo a seguir, penso que non conseguín aínda nada”. Quen fala é o presidente de Blusens, firma que pasou de nacer en 2002 cun capital social de 3.000 euros a facturar preto de 100 millóns de USD, codeándose con xigantes do sector como Sony, Apple ou LG.


Pregunta: A nivel global, ¿cales son as claves deste éxito?
Resposta:  O éxito de Blusens descansa nunha concepción baseada na innovación permanente, flexibilidade no negocio, gama de produtos de alta calidade e óptima rotación, mercadotecnia creativa e servizo posventa excelente.

P: Que tal a fábrica de Santiago?
R: En Santiago instalamos unha liña de ensamblaxe de televisións LED e LCD que funciona a pleno rendemento, ata o punto de que en Nadal tivemos que incorporar unha terceira quenda de traballo para atender a demanda, fabricando ata 3.000 aparatos diarios.

P: Que supuxo a entrada de Manuel Jove en 2008 na empresa?
R: Jove entrou a través de Inveravante como socio minoritario, á vez que Blusens se consolidaba converténdose en Blusens Global Corporation, o que buscaba capitalizar a expansión internacional da compañía, que xa contaba con filiais en Dubai e China, e apontoar a aposta pola innovación e a mercadotecnia. Esta consolidación favoreceu a creación doutras filiais en México e Uruguai e a diversificación e comercialización en máis países. Blusens buscaba un socio de gran prestixio a longo prazo e Inveravante supón un importante aliado, pois permítenos crear estratexias de futuro.

P: ¿En que países están os produtos de Blusens?
R: Ás actuais filiais da firma sumaranse este ano Blusens Brasil e Colombia. As súas áreas de actuación van máis aló dos seus países de implantación, e permítennos estar presentes comercialmente tanto en Europa como en case toda América e Medio Oriente.

P: ¿Que porcentaxe de vendas corresponden ao extranxeiro?
R: Blusens ten unha moi boa implantación en España, que nestes momentos supón o 70% da facturación. No entanto, a nosa expansión suporá que o peso da facturación no estranxeiro supere á nacional en poucos anos.

P: Blusens traballa no fogar conectado. ¿Que é este concepto?
R: Blusens dedica os seus esforzos de I+D+i a redefinir o lecer doméstico. Como centro do fogar conectado creou o blubrain, un sofisticado centro multimedia capaz de xestionar, reproducir e distribuír contidos audiovisuais procedentes de TDT, discos duros, internet, rede do fogar, conexión wifi ou fontes de audio, vídeo e almacenamento externas.

P: ¿Haberá novidades?
R: Estamos a ampliar a súa gama con dispositivos como o Blusens web:tv, que nun tamaño minúsculo é capaz de levar ao fogar gran parte das prestacións do blubrain e permite acceder a contidos de internet, incluíndo o videoclub online de Blusens, ademais de sintonizar TDT HD e ser un completo reprodutor multimedia.

Comentarios