José Mª Besteiro: "Libro de familia' é unha homenaxe aos meus pais e aos meus veciños"

O produtor televisivo e pregoiero da Feira do Ferro falará da súa "infancia de película" en Riotorto "cando soñaba que remataría dentro da caixa máxica da tele"
José María Besteiro, ahora y de niño
photo_camera José María Besteiro, ahora y de niño

O produtor televisivo José María Besteiro será o pregoeiro da Feira do Ferro de Riotorto, a súa vila natal. Esta elección é para el "unha honra. García Márquez dicía que escribía para que o quixeran e eu creo que fago series para que os meus veciños me inviten a dar o pregón". Besteiro non pode imaxinar "un mellor regalo para un ano no que cumplo 35 nos medios de comunicación e mil horas de ficción".

Que lembranzas garda con máis agarimo do pobo da súa infancia?
Case todas. Tiven unha infancia de película. Ramón Eder dicía que ter unha infancia feliz é un serio obstáculo para o resto da vida. No meu caso foi todo o contrario, porque me deu moita autoestima e cargoume as pilas. Se teño que citar un recordo, ademais das horas deliciosas coa familia, elixo o día no que chegou á miña casa a televisión. Tiña claro que antes ou despóis acabaría dentro daquela caixa máxica facendo series. Fun un neno absolutamente mimado pola familia e polos veciños, ata límites que me da vergoña relatar. Tamén teño unha especial querencia por unha postal dedicada polos xogadores do Real Madrid dos anos 70.

Volta con frecuencia a Riotorto?
Todo o que podo. Antes porque vivian alí meus pais e, agora que xa morreron, porque nin as miñas irmáns nin eu queremos cortar o cordón umbilical co pobo. A volta definitiva será cando morra. Quero que me enterren xunto aos meus pais e aos meus avós. Teño pensada a lápida: "Non molestar. Sigo soñando" (risas).

De que falará no pregón?
Vou lembrar a historia dos ferreiros nas terras de Miranda. Hai constancia de que descenden dos vascos e de que chegaron polo menos a partir desde un século despois de que Colón descubriu América. E falarei desa infancia de película. Un non é consciente de todo o que recorda ata que se pon a tirar do fío. Preparando o pregón, pensei que era unha versión galega de Funes El Memorioso, aquel personaxe de Borges que nada podía olvidar.

Empezou na prensa escrita e despois mudou hacia a television...
Comecei escribindo en El Progreso e fixen radio en Radio Popular de Lugo. Aos 18 anos marchei a Madrid para estudar xornalismo e rematei como manager de Amancio Prada, un afortunado accidente co que non contaba. Ser membro fundador de Canal Plus tivo que ver co feito de que en 1990 era o único español que tiña un máster en televisión temática, que acababa de cursar en Boston. Pura chiripa. Rematei como empresario de televisión porque non quería ter xefes e porque me dixeron que era bo mandando, pero malo obedecendo.

Cales foron as series televisivas que produciu con maior éxito?
A nivel nacional, Géminis, para Tve, que foi líder absoluto da sobremesa e vendeuse en máis de 40 países, e Nada es para siempre, producida na Coruña e emitida por Antena 3 durante 375 capítulos. Vendín o formato de Sin tetas no hay paraíso, que tamén foi un pelotazo, e Pasión de Gavilanes, que colapsou as sobremesas. En Galicia fun produtor executivo de Mareas Vivas, con Reixa, e fixen pola miña conta Libro de Familia, que con 319 capítulos ten o récord das series do prime time no audiovisual galego. Agora estou con Pazo de familia, que se emite na TVG e está a ser líder de audiencia. Estou especialmente orgulloso dos clips que lle producín a Enrique Iglesias e a Alejandro Sanz en Galicia. Xuntos superan os cen millóns de visitas en Youtube. Foi a promoción máis universal e barata da historia de Galicia, pero houbo algúns parvos que non entenderon a xogada.

Que pegada hai de Riotorto en series como Libro de Familia e Pazo de Familia?
En Libro de familia a pegada é total porque foi unha homenaxe aos meus pais é os meus veciños, deseñada con premeditación e alevosía. Desde o nome do pobo, Santalla, que é unha pedanía, como o apelido da familia, Cabanas, que é o de miña nai, pasando polos decorados, copiados de catro ou cinco casas que coñezo ben e que fun a visitar coa directora de arte antes de arrancar a serie. Os personaxes están inspirados na súa inmensa maioría por persoas que coñezo e tratei, obviamente desfiguradas porque mesturo a memoria coa imaxinación e porque eu poño o espermatozoide, pero logo os guionistas son as verdadeiras nais da serie. Calquera parecido entre Libro de familia e Riotorto non é pura coincidencia (risas). En Pazo de Familia collín unha familia protagonista de Libro para poñela a servir nunha mansión ao estilo de Dallas ou Falcon Crest, pero con grelos. O meu primo Luis Iglesia Besteiro, que tamén é de Riotorto, é un dos protagonistas. Unha gozada.

Foi accionista dun canal de telenovelas en Estados Unidos...
En 2010 vendín as accións, cando me divorciei, e volvín a España para estar cos meus fillos. Lamentei abandonar un canle cun gran futuro, pero estar cos meus fillos e velos medrar foi o mellor negocio que fixen na miña vida.

Ten algún novo proxecto?
Preparo un programa de monólogos que se titula Stand by comedy, un par de episodios pilotos de series de ficción, unha comedia sobre o comercio de proximidade é unha serie sobre clons. Partimos da base de que os primeiros seres clonados no mundo naceron en Galicia nos anos 60.

Comentarios