Indicadores perdidos na sopa das letras

A palabra 'sistema' suxire unha certa lóxica de funcionamento. Por iso pode parecer raro que o Día das Letras supoña máis actividade escénica con Manuel María que con Roberto Vidal Bolaño. Os economistas dirían que é o mercado tomando as súas decisións, pero nunca hai que deixarse enganar polas falsas inxenuidades

OS ECONOMISTAS son os gurús da contemporaneidade. Moito máis que os sociólogos e moitísimo máis que os filósofos. Escóitoos falar e teño a impresión de que a economía é unha ciencia opinable e lembro a un profesor que non era meu aseverando que se é opinable non pode ser ciencia. Facendo un reconto informal parece haber moitos máis economistas de dereitas que de esquerdas, pero ten sentido: para a esquerda a economía é unha ferramenta, para a dereita é un fin. Aos economistas gústalles moito revisar os números e encontrarlle un sentido, como aos escritores ás palabras. Son moi do gusto de manexar indicadores, de facelos moverse para que cadren como se fosen contas. indicadores, ese sistema métrico da economía.

O seu desgusto coa economía podería ser un indicador común entre Manuel María e Roberto Vidal Bolaño. É un indicador común porque unha grande parte dos homenaxeados co Día das Letras Galegas tería grandes desgustos coa economía, coa global e coa doméstica. Pero temos que entendelos: eran todos de letras. Ser de letras é unha categoría social que a día está mal vista porque como marcador económico non sirve de para nada. Manuel María era moi de letras e Roberto Vidal Bolaño un algo menos. Os dous tiveron o seu 17 de maio, e iso tamén é común entre eles, pero o 17 de maio non se comportou con eles exactamente igual.

Un economista tomaría como referencia uns indicadores, por exemplo, número de estreas escénicas arredor dun e doutro autor. Non sendo de números, pero sabendo que Vidal Bolaño foi case en exclusiva escritor de teatro e que Manuel María foi moito máis poeta que autor escénico, o cálculo apriorístico diría que no teatro e os seus derivados tivo moita máis presenza RVB cá MM. Pero logo aparecen os indicadores e din que non. Que hai máis actividade escénica este ano sobre Manuel María da que houbo con Vidal Bolaño no seu día. Non é unha contradición. Tira máis a incongruencia.

Aquel ano 2013, no sector profesional, houbo cinco estreas de espectáculos de e sobre Roberto Vidal Bolaño. Non foi unha cifra especialmente grande tendo en conta o protagonismo do autor, director e actor na consolidación profesional do teatro en Galicia. Non foi unha cifra salientable tendo en conta a importancia que as súas compañías tiveron no desenvolvemento do teatro en Galicia. O indicador quedounos algo escaso.

En 2016, tres anos despois, manda un poeta cunha obra teatral traballada sobre todo no infantil. Poderíamos dicir que foi pioneiro Manuel María na insistencia en escribir para rapaces porque é un xénero que resiste ben e que, en moitísimos casos, é o único nas programacións en Galicia. Temos a Manuel María por Galicia adiante e hai recitais poéticos polas esquinas e hai poemas musicados, conferencias, mesas redondas, exposicións, obradoiros. Non hai tantas conferencias académicas e quen sabe se iso é tamén un indicador. E está o teatro que, é verdade, habitualmente non é moi activo en achegarse ao Día das Letras Galegas nin sequera desde as adaptacións. Pero Manuel María parece un excepción porque hai cando menos dez espectáculos relacionados co escritor que andan polas carteleiras: títeres, musicais e mesmo dous magos. Dez espectáculos sen contar os de narrativa que, ben mirado, terían que contarse tamén. Hai incluso títulos repetidos nesa oferta escénica (‘Os soños na gaiola’). Hai personaxes levados a outro contexto, hai humor, e esa incorporación da maxia como fío condutor dos textos do poeta, e non se trata da maxia da literatura. Tamén hai musicais coas súas marionetas, aínda que, en xeral, non se poida dicir que o teatro escrito por Manuel María saia reivindicado do conxunto de actividades do DLG. Tampouco é contradición. É máis ben incongruencia.

Son faltas de concordancia que teñen os sistemas culturais sometidos as inercias da necesidade e ás dinámicas de estar a medio camiño entre o artístico e o económico. Manuel María ten máis actividade escénica que Vidal Bolaño. É verdade que o movemento escénico e as obras que houbo arredor do dramaturgo tiveron moito máis tamaño que as que este ano hai arredor do poeta que, en realidade, campan case todas dentro do formato mínimo. MM ten máis escenarios que RVB, pero a súa obra escrita para o teatro non vai ser descuberta no 2016.

Se volvemos aos indicadores quizais descubramos que o Día das Letras Galegas estanos levando a un modelo cultural de moitas actividades atomizadas, estendidas. Moi dependentes dos públicos escolares e familiares, no caso de que non sexan o mesmo público en espazos distintos. Sucede nas artes escénicas case sempre. E podería ser unha cuestión do sector, pero se cambiamos a perspectiva e tomamos o teatro como un indicador comprobaremos que é unha tendencia xeral na cultura galega: unha tendencia a resistir facéndose pequena, asumir a supervivencia como única posibilidade. Pero calquera economista diría que sen ganar tamaño non hai futuro.

Comentarios