jueves. 09.07.2020 |
El tiempo
jueves. 09.07.2020
El tiempo

A implosión da familia moderna e a mellor novela de David Vann

Até non hai moitos anos, as relacións de parentesco seguían as regras da "familia cristiá". Nos países anglosaxóns, sobre todo Inglaterra, poderíase falar de "familia vitoriana"...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

ATÉ NON HAI MOITOS ANOS, as relacións de parentesco seguían as regras da «familia cristiá». Nos países anglosaxóns, sobre todo Inglaterra, poderíase falar de «familia vitoriana». O papel de transmisor exercíao a Igrexa, pero tamén as novelas dedicadas a «instruír nos bos costumes», sobre todo as mulleres, que eran as principais lectoras e as que educaban os fillos.
Este sistema de xerarquía, apoios mutuos e non poucos secretos, comezou a quebrar a principios do século XX, co traballo feminino, e sobre todo a partir dos anos sesenta. Os factores que provocaron a súa definitiva crise foron varios: a pílula anticonceptiva, a legalización do divorcio e do aborto, etc. Que os hippys, e unha parte da mocidade de Occidente, puidesen facer popular a expresión «amor libre» ten moito que ver con isto.

Hoxe, o modelo de familia cristiá segue existindo, pero xa non marca a pauta xeral. Non só iso, os cambios que se veñen sucedendo nos últimos anos son igual de notábeis. Os medios de comunicación utilizan cada día novos conceptos, como «nais de aluguer» ou «transexualidade», e nacen a cotío polémicas como a do autobús de Hazte Oír.

Moitas persoas, sobre todo xente maior, despois de escoitar ou ler unha reportaxe sobre algúns destes temas, comentan: «Xa non sei o que é un home e o que é unha muller». E non pode estrañarnos. As imaxes do varón con sombreiro de copa e bigote, coas puntas redondeadas cara arriba, e a muller de pano ou sombreiro e saía longa plisada só permanecen nas portas dalgúns lavabos, en bares ou restaurantes decorados ao estilo ‘fin de siècle’. Hoxe sería máis representativo o modelo ‘modern family’, como na serie de televisión norteamericana, premiada varias veces cos Emmy, na que unha parella homosexual exerce un dos papeis protagonistas.
Este cambio, bastante radical, das pautas de convivencia amplía a liberdade pero tamén trae consigo un certo desacougo, coma se vivísemos un continuo axuste e reaxuste que nos crea constantes dúbidas.

E como reacciona a narrativa a este cambio? Se alguén dixo que o tema sobranceiro das grandes novelas do XIX era o adulterio, poderiamos agora afirmar que a novela actual é máis complexa, consecuencia obvia de que as normas e as xerarquías non están tan claras. A novela moderna pretende, iso si, ser máis obxectiva e menos moralizante.

Un dos autores que basean boa parte da súa obra nos problemas das relacións intrafamiliares é o norteamericano David Vann, nacido nunha illa de Alaska en 1966. A súa primeira gran novela foi ‘Caribou Island’ e está inspirada, en boa medida, no suicidio do seu pai. O propio Vann non nega que os problemas vividos na súa familia estiveron até agora na raíz de case toda a súa literatura. «Os pais son deuses capaces de crearnos e tamén de destruínos», declarou nunha ocasión.

‘Caribou Island’ é a transcrición dunha relación familiar estábel e inestábel ao mesmo tempo, dura, sincera e que acabará mal. Máis que un drama parece unha traxedia, no sentido no que podemos considerar a traxedia como un drama inevitábel. O propio autor ten confesado tamén, en varias entrevistas, que na súa obra hai algo das traxedias gregas.

Non é isto o habitual nas novelas —e películas— modernas que case sempre prefiren o drama con posibilidades de resolución.
Pero, con todo, a mellor novela de David Vann probabelmente sexa a última das editadas até agora, ‘Acuario’. O autor móstrase tecnicamente máis experto que en ningunha das súas creacións anteriores, entre as que tamén hai que destacar ‘Cocodrilo’, na que relata as peripecias dun mariñeiro ao que se lle avaría o barco nun porto de México, controlado por narcotraficantes. Cómpre dicir, aquí tamén, que a experiencia persoal está no cerne do libro, pois Vann sabe, ao parecer, construír pequenos barcos de pesca.

Volvendo a ‘Acuario’, trátase dunha obra de estilo máis ben lacónico, ben artellada e, neste caso, cun final relativamente feliz. A protagonista é unha nena de doce anos que conta, por toda familia, cunha nai traballadora e máis ben pobre. A novela cumpre co principal requisito da boa literatura: claridade na exposición e fondura de contido.

O lector percorre, sen pestanexar, páxina tras páxina, un drama que o envolve e sorprende, sen superar nunca os límites do equilibrio dunha narración que poderiamos chamar clásica. En ‘Acuario’ hai sen dúbida materia para unha grande obra teatral. Un agradece eses diálogos axustados, críbeis e que fan sempre avanzar o argumento e a comprensión dos personaxes.

A vida familiar alberga moitas posibilidades. Vann escolle algunhas, non aforra en verdades duras nin en tensión, e ademais consegue representar unha familia que, a pesar de todo, sobrevive e renace. Poderiamos entender o libro como un posíbel exemplo do irregular equilibrio no que vivimos hoxe —esa loita constante por ser felices, a pesar dos problemas— e tamén como un estudio psicolóxico que talvez poida evitarnos as situacións máis tráxicas.

O máis arriscado de ‘Acuario’, o último libro de David Vann, que, como todos os outros deste autor, edita Random House, é a descrición de diferentes peixes. Caitlin, a nena protagonista, obsérvaos todos os días no acuario, onde se refuxia ao saír do colexio, en canto agarda pola súa nai e onde encontrará un home maior que lle dará un xiro completo á trama da novela.

A descrición dos animais case semella saída dunha enciclopedia e está a punto de romper o ritmo da obra, aínda que iso non chega finalmente a suceder.

O momento crucial é aquel no que a nai obriga a filla a representar os sufrimentos polos que ela mesma pasara antes coa súa propia nai enferma. Vann chega á fronteira do insoportábel, un climax que finalmente o lector agradece, porque aí se encontra unha das claves da obra. A que nos serve para entender que moitas cousas malas da vida teñen unha orixe concreta e só comprendendo ben esa orixe poderemos, até certo punto, convivir con elas.

A implosión da familia moderna e a mellor novela de David Vann
Comentarios