''La cobertura de la TDT en Galicia ya supera a la de la televisión analógica''

ignacio_otero_col1.jpg
photo_camera ignacio_otero_col1.jpg

En 2010 a televisión analóxica será historia. O 3 de abril é a data fixada para que se produza o apagamento en toda España, deixando todo o protagonismo á TDT. Desde a Xunta aseguran que Galicia estará preparada para o cambio y que ninguén vai quedar fóra.

Traballando a un ritmo "frenético". Así están en Galicia todos os equipos que se encargan de despregar as redes para a cobertura da televisión dixital terrestre (TDT) antes do apagón analóxico. A pesar do esforzo, a sensación é de "optimismo", segundo os que máis saben disto, como Ignacio Otero, subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Telecomunicación, Radio, Televisión e Multimedia da Xunta. "Podemos conseguilo" asegura.

Pregunta:
Galicia estará preparada para o apagón do 3 de abril?

Resposta: Eu estou convencidísimo de que si, os galegos imos estar tan preparados como o resto dos españois para estar xa inmersos no mundo da TDT a partir do ano que vén, e iso a pesar de que a nosa comunidade é moi distinta ao resto do país pola dispersión da poboación e a orografía, que requiren un esforzo moitísimo maior. Hai que despregar máis infraestruturas, hai que invertir máis, pero estamos vendo que, aínda que en Galicia é un pouco máis complicado, estamos en índices de cobertura e coñecemento da televisión dixital moi parecidos ós do resto de España.

P:
Cal é o nivel de cobertura de TDT en Galicia neste momento?

R: Agora mesmo xa está cuberto máis do 95% da poboación, que xa é máis cobertura da que tiña a televisión analóxica. Cos acendidos dixitais que se van facer de aquí a final de ano chegaremos a case o 97% da poboación. Cando teñamos despregada toda a rede, a TDT cubrirá o 98% dos galegos.

P:
E o resto?

R: Haberá aproximadamente un 2% de cidadáns que terán dificultades co sinal terrestre e que recibirán a TDT por satélite. Damos esa cifra sendo cautos, poden incluso ser menos, porque nalgúns sitios o resultado final está sendo mellor do que previamos. Calculamos que haberá que instalar unhas 20.000 antenas parabólicas entre as catro provincias, pero polo de agora é só unha estimación. De todos modos, o que temos é que lanzar a mensaxe de que todos van ter servizo de TDT, o medio tecnolóxico é o de menos. Van ver a televisión e vana ver igual ca o resto, con todos os canais públicos, privados e temáticos.

Información aos cidadáns
P: Os galegos saben suficiente sobre a TDT e o apagón analóxico?

R:
En Galicia o 99% da xente sabe que hai a TDT. É un dato importante, porque estamos igual que a media do resto do país. Logo hai outro tema distinto, que é que saiban se na zona onde viven vai haber un apagamento da televisión convencional nunha data concreta. O que queremos é que a través dos medios de comunicación, dos concellos, das campañas do Ministerio e da Xunta e mesmo da comunicación porta a porta que queremos facer cos veciños, todos saiban que iso vai suceder e que sexa o mínimo de cidadáns posible o que o descoñeza, para que o ano que vén nin nos acordemos da televisión analóxica e esteamos todos disfrutando da TDT.

P:
As campañas de comunicación serán importantes entón...

R: De feito, en breve empezamos un plano de comunicación que inclúe puntos fixos de información e tamén vehículos que van percorrer os concellos e vilas de Galicia para informar á poboación sobre a TDT. Ademais, pronto imos ver nas nosas pantallas analóxicas unha mensaxe dicindo que a canle que estamos vendo vaise apagar proximamente, e que se a quere seguir vendo ten que pasar á TDT. Ese é un dos efectos de comunicación máis impactantes para a xente que sigue vendo a televisión en analóxico e que, ao ver a mensaxe, vai ser consciente do cambio.

P:
O despregamento da TDT depende do Goberno cental e da Xunta, houbo bo entendemento?

R:
A verdade é que estamos moi contentos, a TDT é un exemplo clarísimo no que a colaboración entre administracións está sendo practicamente total. A nivel estatal e de Xunta a relación é fantástica, estamos practicamente a diario comentando as incidencias e resolvendo os problemas que poidan xurdir. Por outro lado, na extensión de cobertura no medio rural é fundamental a colaboración dos concellos. O conselleiro de Presidencia pediulla e a resposta foi unánime: o que faga falta. Tamén as deputacións están participando.

Non agardar ata o último momento

P: Cantos galegos están usando xa a TDT?

R:
Aproximadamente o 81% dos nosos veciños, oito de cada dez galegos, xa están vendo a televisión por TDT. Hai xente que aínda non a recibe, pero dos que teñen cobertura dixital tamén queda unha porcentaxe que aínda segue vendo a televisión en analóxico. Pode ser por descoñecemento ou tamén por desidia, pero é importante que nos vaiamos adaptando pouco a pouco e que non esperemos ao último momento para pasarnos á TDT.

P:
Haberá a quen lle custe adaptarse...

R: Para os colectivos en risco de exclusión hai un plan do Ministerio de Industria para darlles gratuitamente os receptores e instalarllos. No caso da xente maior, que pode ter un problema de manexo dos aparellos, hai que pensar que é un labor de todos. É cousa de que un neto, un fillo ou un veciño se interese por se teñen a TDT e lles explique un pouco como funciona. En realidade, son cousas moi sinxelas, habendo alguén que lles bote unha man.

Comentarios