A idade non é o valor das pezas

Pablo López, de 9 anos, quedou terceiro no campionato galego de xadrez sub14
photo_camera Pablo López, de 9 anos, quedou terceiro no campionato galego de xadrez sub14

Pablo López Varela séntase detrás das brancas para respostar ás preguntas da entrevista. Con nove anos ven de obter en Marín o terceiro posto no campionato de Galicia de xadrez sub 14, clasificarse para o Campionato de España, subir 119,20 puntos no ránking internacional, e entrar a formar parte dos plans de tecnificación da Federación Española de Ajedrez.

O xogador da Escola Luguesa de Xadrez ten resposta áxil e tempos similares aos movementos. Comezou a xogar con cinco anos "porque ía a Praza Maior coa miña nai", di. "A ler libros". Viu a outros rapaces xogar no taboleiro que hai fronte ao Concello e quixo "aprender". E vaia se o fixo.
As súas aperturas favoritas son "o ataque indio de rei coas brancas e a defensa Philidor coas negras". Adestra unhas dúas horas diarias e agora os fins de semana compite na categoría absoluta da Liga Galega, en Segunda División, contra rivais máis maiores que el, incluso adultos. "Aquí non importa o que teñas; nin a idade", comenta.

As partidas nas que vai desenvolvendo as súas estratexias poden durar "ata tres ou catro horas. Depende", indica quen participou no campionato de Marín —no ránking do torneo partía no posto 24— como parte do adestramento para preparar o campionato de Galicia da súa categoría, a sub 10.
As súas referencias xadrecísticas son "o campión do mundo Magnus Carlsen e Iván Salgado". Prefire adestrar ante un taboleiro que cun ordenador e unha das súas ilusións é chegar a ser xogador de xadrez profesional: "É moi dificil. Hai que estudar moito".

Pablo López considérase un xogador que combina características tanto de ataque como defensivas, que adoita empregar coas brancas e as negras, respectivamente. Asegura que o xadrez axuda a "aumentar a rapidez de pensamento" e é moi útil nos estudos, sobre todo "nas matemáticas", a súa materia preferida "porque son moi divertidas, como o xadrez".

Os seus ollos amosan viveza e inxenio. Escruta ao interlocutor e, como sobre o taboleiro, vai adaptando as respostas segundo calcula as palabras precisas, engadindo de cando en vez breves respostas interrogativas que lle dan máis tempo para expresar o seu falar.

Os seus retos agora son o Galego sub 10 en Semana Santa e o Nacional no verán. O sábado xoga en Lugo e o domingo en Ponferrada.


Comentarios