Hugo y Yhadira: ''El programa 'La Voz' nos abrió las puertas''

Hugo Torreiro (A Coruña, 1990) e Yhadira García (Santiago, 1993) presentan este sábado na sala Moon de Santiago o disco Nuevo universo. Será ás 22.30 horas. Este proxecto en común tamén os levará o día 26 a El Corte Inglés Marineda, na Coruña ás 18.30 horas, e ese mesmo día ao Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra, ás 23.00 horas.

P ¿Que poden dicir do seu novo traballo: ‘Nuevo universo’?
Hugo
Nace cando eu estaba gravando o meu terceiro disco e xurdiu a idea de facer unha canción con Yhadira, algo que quedou aparcado por unha cuestión de dereitos con Telecinco. Máis tarde retomamos o proxecto porque a xente pedía vernos xuntos. Así podemos tocar o que nos gusta e ao noso xeito, sen intermediarios. Agora imos ver como funciona.

P ¿Como levan o traballar xuntos sendo parella?
Yhadira
Eu levo mal as críticas que van a facer dano entre os dous, deixando a entender que un de nós sobra. Sabiamos recibilas por separado, pero non en conxunto. Hai que aprender a levalo.
H A min gústame que a xente opine, sempre que o faga argumentando. Todo é construtivo e vale para aprender. Nós xa colaboramos en moitas cousas e axudámonos noutras tantas. O traballo faise moi doado, pero ao estar en parella dis as cousas doutra maneira.
Y ¡Incluso temos discutido por un acorde! (risas).

P ¿Que tipo de canción podemos atopar neste traballo?
H
Gústanos o pop. Non me pecho a baladas nin a cancións máis rockeiras; facemos mesturas de todo. Por exemplo, Nuevo universo leva unha batería electrónica que escapa ao concepto tradicional de balada.
Y É un disco pop-rock.

P Fixéronse parella no ‘Recantos’ de ‘Luar’. ¿Xa se coñecían?
Y
Aínda que coincidiramos unha vez que eu fora actuar a El Bosque, o noso primeiro contacto foi en Luar. Eu lembrábame del, pero só porque me agregara ao Tuenti.

P ¿O flechazo xurdiu ao verse un ao outro sobre o escenario?
H
Todo xurdiu como unha relación de amizade, non entre músicos; pasabamos moito tempo falando.

P Nestes circuitos televisivos coñeceranse todos moi ben...
Y
No cásting de La Voz había unha rapaza que tamén participara en Recantos. Ao final estamos todos no mesmo barco. 

P ¿Con que quedan do seu paso por ‘La Voz’, en Telecinco?
Y
É un programa ao grande, cun grande escenario e público, onde colles táboas enfrentándote aos teus nervios. Hai que gozar o momento, ao mellor non o volves vivir en moito tempo.
H Eu quedo coa promoción e o que carrexou que nós estiveramos aí; as portas que nos abriu.
Y O certo é que nunca esperamos ter tanta repercusión, ata a xente nos para pola rúa. Desde que saes no programa es outra cousa, incluso no sector te tratan diferente.

P Yhadira, vostede estaba no grupo de Melendi. ¿Que tal foi a relación co seu ‘coach’?
Y
É un tío moi agradable, da vida mesma, non anda con historias de finxir. É tal como o ves na tele, non agocha nada.

P Na música, houbo varios dúos de famosos que tamén eran parella. ¿Quedan con algún?
H
Antes cantabamos Melocos e Natalia, pero só era unha colaboración; non pensamos moito niso. O nome do disco tamén vén a que non nos queremos parecer a nada.
Y Nos facemos dúo pero seguimos a ter as nosas carreiras e a nosa personalidade por separado, algo que é importante conservar.

P ¿A que músicos admiran?
Y
Como cantante a Leona Lewis; como compositor, a Leonel García.
H Eu quixera soar como Maldita Nerea ou Rulo y la Contrabanda.

Comentarios